Millóns de € para o desenvolvemento rural vanse gastar en rotondas, beirarrúas e cámpings Imprimir
Envia Millóns de € para o desenvolvemento rural vanse gastar en rotondas, beirarrúas e cámpings a FaceBookEnvia Millóns de € para o desenvolvemento rural vanse gastar en rotondas, beirarrúas e cámpings a Twitter

censuraxuntatn

4 de agosto de 2011. A aplicación en Galiza da Lei 4/2007 de desenvolvemento sostible do medio rural está a ser, como pouco, bastante irregular. Un dos piares desta lei é a participación pública directa através dos Consellos de Zona, que deciden o destino de millóns de € de fondos europeos. Ás administracións isto da participación pública prodúcelles alerxia: para gastar os cartos teñen que contar obrigadamente, ademáis dos concellos, coas organizacións do rural (agro, gandería, forestal...) e tamén cos colectivos ambientalistas. Esta obrigada transparencia é unha garantía contra o clientelismo no que algunhas administracións síntense moi cómodas. A Xunta pretende agora adxudicar a toda présa, através do AGADER, millóns de euros nos Planos de Zona sen o concurso das asociacións ambientalistas e para actuacións tan peregrinas como rotondas, paseos marítimos, beirarrúas e mesmo xeriátricos. Xa o dixo o conselleiro Juárez: a desaparición do rural é inevitable, portanto, para que investir en iniciativas produtivas e sustentábeis?

Os colectivos ecoloxistas xa denunciamos o escaso interese da Xunta por desenvolver a participación pública efectiva através dos consellos de zona: o AGADER deu memos de 2 semanas para que os grupos ecoloxistas (a cuxa listaxe completa só a administración ten acceso) consensuaramos os representantes. Nalgúns casos, as comunicacións para a súa elección chegaron aos GDRs dous días antes da data límite para envialas, o que provocou tamén as protestas de alcaldes e organizacións sectoriais.

Con todo, ADEGA a FEG enviamos en tempo e forma as designacións ecoloxistas para cada unha das 12 zonas, que finalmente a consellaría deixou desertas. E sen máis dilación, comezaron a chover centos de proxectos do máis variopinto para aproveitar unha das últimas oportunidades de captar o "maná" de Europa. Moitos destes proxectos poñen de manifesto a intención da Xunta de converter o "desenvolvemento rural sostible" nun instrumento ao servizo da súa política clientelar e dos concellos de utilizalo como "caixa B" para realizar as obras e servizos máis variopintos.

Rotondas, paseos marítimos, bairarrúas, coches de policía, piscinas climatizadas, cámpings, reposición do parquet de polideportivos, banda ancha para estacións de esquí... aparecen baixo o paraugas dunha suposta "sustentabilidade" do medio rural, para ser concedidos dixitalmente a concellos e entidades diversas, a maioría sindicatos agrarios e asociacións profesionais.

Porén, chama a atención o feito de que determinadas entidades privadas, como Silvanus, Afrifoga ou Asefoga (sector forestal) propoñan por exemplo a elaboración dos instrumentos de ordeación das áreas de interese paisaxístico consagradas na Lei 7/2008 da protección da paisaxe de Galiza, ou facer os planos de conservación e de ordeamento de espazos e recursos naturais da Rede Natura 2000 (estes últimos cun montante total de 2.800.000€ por ano en 4 anos), un labor que compete únicamente á administración. É como poñer ao raposo a coidar do galiñeiro!

Dende ADEGA preguntámonos se Conservación da Natureza, agora dependente de Medio Rural, renunciou definitivamente a cumprir co mandado legal de redactar e poñer en marcha os instrumentos de xestión dos espazos protexidos a favor das asociacións forestais, do mesmo deito que fixo coa xestión das especies cinexéticas e os cazadores. De ser así, ademáis de certificar a inutilidade da administración ambiental galega, a Xunta estaría sendo cómplice dunha inmensa fraude no desvío de fondos europeos a entidades privadas para realizar funcións reservadas só á administración, ademáis de fomentar o uso clientelar destes cartos para tapar o buraco orzamentario de moitos concellos.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com