A Xunta tramita a legalización dos depósitos do Ferrazo en troques de cumprir co TSXG e desmontalos |
![]() |
![]() ![]() A loita da PDRA en defensa da ría de Arousa e da a seguridade e saúde dos seus habitantes fíxoa merecente en 2009 do Premio Osíxenoconcedido por ADEGA á millor actuación ambiental do ano. O seu compromiso foi ademáis refrendado por senllas sentenzas xudiciais do TSXG (2006) e do Tribunal Supremo (2009) que certificaban a ilegalidade cometida pola Xunta ao autorizar os depósitos de hidrocarburos no Ferrazo, en Vilagarcía de Arousa . Nas súas resolucións os tribunais non deixaban lugar a dúbidas: os permisos concedidos pola Xunta de Fraga foron ilegais xa que "saltáronse" o trámite de Avaliación de Impacto Ambiental. Portanto, as actuacións derivadas deles (recheo, construción e actividade dos depósitos) son nulas de pleno dereito. A Xunta debería acatar ditas sentenzas e ordear ás empresas propietarias das instalacións o inmediato baleirado e o desmantelamento dos depósitos, retrotraendo o procedemento administrativo ao intre anterior á súa construción. Lonxe de acatar a sentenza, a Xunta pretende agora, en connivencia coas empresas, substanciar o "trámite ambiental" como se no Ferrazo non acontecera nada durante máis de 10 anos, coma se ría de Arousa non tiveran navegado ducias de petroleiros, algúns con problemas (ver o apartado "tráfico marítimo" das alegacións) e coma se a poboación de Vilagarcía e de ría non estivera sometida a un risco continuo para a súa saúde.
Se a Xunta aproba agora a avaliación ambiental apresentada pola empresa, chea de omisións e escandalosas falsidades, estará incumprindo as sentenzas xudiciais, baleirando de contido a lexislación de impacto ambiental e criando un escandaloso agravio comparativo para coas empresas que cumpren cos trámites legais establecidos para iniciar un proxecto ou actividade. Por obra e graza do conselleiro de turno e da política do "ti vai facendo", as empresas amigas pasaranse polo arco do trunfo a lexislación e as resolucións xudiciais. E se alguén protesta, abondará con "substanciar os trámites a posteriori" e todo resolto. Como pode ser posíbel tal desvergoña nun estado de dereito? |