Adega
INICIO Organización Asemblea Xeral de ADEGA: O TERRITORIO, A NOSA IDENTIDADE
Asemblea Xeral de ADEGA: O TERRITORIO, A NOSA IDENTIDADE
Envia Asemblea Xeral de ADEGA: O TERRITORIO, A NOSA IDENTIDADE a FaceBookEnvia Asemblea Xeral de ADEGA: O TERRITORIO, A NOSA IDENTIDADE a Twitter
Portada1A Coruña, 27 de novembro de 2010. Neste día, ADEGA celebrou a súa 35 Asemblea Xeral na Coruña, cidade na que precisamente hai 35 anos naceu a nosa asociación. Arestora en Galiza estase a consolidar unha involución ambiental sen precedentes na historia do país. O obxectivo: o territorio no seu conxunto, unha prea para repartir; a excusa: a crise económica; o instrumento: as institucións públicas, ao servizo dos especuladores; e as consecuencias: unha perda moitas veces irreversíbel do noso patrimonio natural e cultural. Tras case dous anos de deconstrución sistemática por parte da actual Xunta dos tépedos avanzos ambientais da etapa anterior, a administración pretende agora aplicar a ortodoxia neoliberal con receitas xa coñecidas: urbanismo á carta, máis incineración, máis muíños a dedo, máis minicentrais, máis asfalto e coches... e espazos naturais menos protexidos, menos restricións urbanísticas, menos tren de proximidade, menos dereitos cidadás...

En definitiva, as novas-vellas políticas insustentábeis convintemente adubiadas con instrumentos baleiros de contido como as DOT e o POL, sustentadas en planificacións retrógradas como Plano de Residuos, o Plano Hidrolóxico, o Plano MOVE etc., e aferrolladas ben directamente con modificacións lexislativas á carta (Lei do Solo, Lei de Ordeamento Territorial, Lei Eólica...) ou ben co subterfuxio do “acompañamento”.

Neste marco hostil, ADEGA pretende afrontar a defensa deste inmenso patrimonio ameazado conscientes da nosa responsabilidade para co país e a cidadanía.

Portanto, e sen esquecer os tradicionais ámetos de actuación nos que ADEGA vén traballando, decidimos fixar como obxectivo prioritario das nosas accións e elemento transversal de referenza do noso traballo a defensa do territorio, como un dos sinais, senón o principal, da nosa identidade.

Non imos asistir impasíbeis a unha nova enaxenación dos nosos resursos naturais, exemplificada no recente reparto da “torta” eólica entre empresas amigas e tabeiróns da especulación enerxética, ou ao vergoñento troco de megawatios por incineradoras como pago de prebendas.

Tampouco imos permitir que leis fundamentais para a convivencia co noso medio, quer as que ordean o territorio, sexan traxes a medida dos intereses das construtoras e os seus factotums políticos, mentres o noso patrimonio natural esmorece agardando pola pala, o muíño ou a minicentral.

O ecoloxismo e a sociedade debemos facer fronte a este desafío con valentía, intelixencia e sentido da responsabilidade. Reclamamos un futuro digno para o noso territorio e os que hanitamos nel, o recurso non renovábel máis valioso, centrado na conservación e uso sustentábel dos seus valores fronte á depredación, a mercantilización ambiental e o lucro desmedido.

Nesta tarefa, ADEGA compremeterá os todos os seus esforzos, facendo un chamado á cidadanía galega para que resposte tamén a este transcendental desafío.

RESOLUCIÓNS DA 35 ASEMBLEA DE ADEGA

SAHARA: A Asemblea de ADEGA condena a actuación do governo de Marrocos nos acampamentos saharauis de Al Aaiun e demanda unha investigación independente do acontecido. Esiximos unha solución rápida e urxente para o pobo saharaui que pasa pola convocatoria dun referendo de autodeterminación e polo cumprimento das resolucións da ONU.

SOGAMA: A Asemblea de ADEGA demanda da Xunta de Galiza unha investigación do que está a acontecer en SOGAMA, e insta a esta empresa a que deixe de depositar refugallos sen tratar no vertedoiro da Areosa e a facer un maior esforzo pola redución e a reciclaxe. Ao mesmo tempo, rexeitamos a intención da Xunta de construir outra incineradora no sur de Galiza utilizando a concesións de Mw eólicos a unha empresa privada como moeda de troco.

RÍA DO BURGO: A Asemblea de ADEGA esixe a urxente implicación das administracións competentes na rexeneración da ría do Burgo.

CAMIÑOS DE FERRO: A Asemblea de ADEGA apoia as mobilizacións da Coordenadora Estatal en Defensa dun Ferrocarril Público e demanda das administracións galega e estatal unha maior implicación no mantemento dos servizos de proximidade.

Finalmente, a Asemblea de ADEGA faculta á Comisión Permanente para que  elabore senllas resolucións encol da crise económica e a súa compoñente ambiental, así como a prol da racionalización das infraestruturas de transporte aéreo en Galiza en contra a ampliación do aeroporto de Alvedro.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA