25.000 árbores talladas para chegar máis rápido ao cárcere Imprimir
Envia 25.000 árbores talladas para chegar máis rápido ao cárcere a FaceBookEnvia 25.000 árbores talladas para chegar máis rápido ao cárcere a Twitter
1 de xullo de 2010. Dende ADEGA vimos de denunciar que a Xunta de Galiza iniciou as obras de "millora e acondicionamento" do acceso ao cárcere da Lama, logo dun chafalleiro e irregular procedemento administrativo, sen información pública e carente do obrigatorio estudo de impacto ambiental. As máquinas da empresa Copasa iniciaron as obras de "acondicionamento" da estrada PO-255 arrasando ao seu paso árbores, nin máis nin menos que 25.000, moitas delas centenarias e formando parte de antigas carballeiras. Nestas carballeiras, coma a de Caritel, medra ademais unha rara especie de fento, o Dryopteris guanchica, catalogado como vulnerábel. Pois nada, agora todos ao cárcere!

Todo iso apesar de que o proceso de licitación da obra -infestado de irregularidades- está recorrido ante os tribunais polos veciños xa que o estudo de impacto ambiental, imprescindible nunha obra cun impacto ecolóxico desta magnitude, nunca chegou a redactarse e ademais negóuselles aos propietarios afectados polas expropiacións a posibilidade de consultar o proxecto da obra.

Parece que a pesar da crise hai moita présa por parte da administración por gastarse os máis de 10 millóns de euros necesarios para perpetrar semellante atentado ecolóxico.

A pregunta é: E se os tribunais determinan que efectivamente existiu neglixencia no proceso de licitación? Quen será responsable da talla salvaxe, da biodiversidade perdida para sempre e do estrago de toda unha zona que até agora preservaba, co esforzo dos seus habitantes, unha contorna privilexiada?
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com