ADEGA e a USC organizan as xornadas "Medio ambiente e sociedade na Galiza" para o Día da Terra Imprimir
Envia ADEGA e a USC organizan as xornadas "Medio ambiente e sociedade na Galiza" para o Día da Terra a FaceBookEnvia ADEGA e a USC organizan as xornadas "Medio ambiente e sociedade na Galiza" para o Día da Terra a Twitter

naiterraLugo, 13 de abril de 2010. O 22 de abril celébrase mundialmente o Día da Terra, no que se lembra a responsabilidade social e de cada un de nós no coidado e protección do planeta. Por este motivo, ADEGA e a Escola Politécnica Superior de Lugo (EPS) celebramos unha semana de concienciación ecolóxica a favor da Terra Nai, a coas Xornadas “AMBIENTE E SOCIEDADE NA GALIZA", que tratarán de achegar á cidadanía á problemática ambiental galega e global e, nomeadamente, algúns dos instrumentos ou accións para afrontala. Faremos un chamado especial á solidariedade coa Terra e unímonos á campaña da “Minka pola Nai Terra” lanzado polo presidente de Bolivia, Evo Morales, para convocar á cidadanía ao Día da Terra, como acto de rexeitamento aos danos que está a sufrir o Planeta, pola falta de vontade internacional tras o fracaso do Cumio de Copenhague contra o cambio climático. Baixa o Programa_Día_da_Terra_2010

“Minka” significa o traballo comunitario que se fai sen cobrar. As xornadas da USC e ADEGA inclúen a realización de dúas mesas redondas os días 15 e 22 de abril, respectivamente, que terán lugar na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo.

A primeira versará sobre “A lexislación como ferramenta na defensa ambiental de Galiza”, e nela participarán o Fiscal de Medio ambiente de Galiza, Álvaro Ortiz; o avogado de ADEGA, Apolinar Gómez; e a profesora de Dereito Ambiental na USC, Alba Nogueira. Todos eles tratarán de analizar a situación ambiental do país desde o punto de vista xurídico, dando conta das dificultades e oportunidades, tanto do poder xudicial como da sociedade para facer cumprir a lexislación ambiental. Terá lugar o día 15 de abril, no Salón de Actos da EPS, ás 19.30 horas da tarde.

A segunda mesa redonda celebrarase o propio Día da Terra, 22 de abril, ás 12.00 horas tamén no Salón de Actos da EPS de Lugo, baixo o título “Cambio Climático: accións e percepción desde Galiza”. Nesta ocasión, tratarase de analizar a forma en que a sociedade galega percibe a mudanza climática e as posibles accións individuais e colectivas que se poden exercer para contribuír ao freo do quecemento global. Intervirán nesta mesa redonda Emilio Fernández, ex director xeral de desenvolvemento sostible na Consellaría de Medio Ambiente e actual membro do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo; Dora Branco, Directora da Oficina de Sustentabilidade da USC e Jacobo Feijóo, Secretario de Desenvolvemento Rural e Forestal de Unións Agrarias (UUAA-UPA).

Desde o 15 de abril ata o 22 de abril, ADEGA coa colaboración da USC, divulgará a súa actividades a través de mesas informativas que estarán expostas no edificio da cafetería da Escola Politécnica de mañá e tarde. Tamén se prevé que se fagan proxeccións visuais das actividades e funcións que está a desenvolver ADEGA na actualidade, así como de problemáticas ambientais existentes, tanto na provincia de Lugo, como no resto de Galiza.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com