Adega
INICIO Novas Unha balsa mineira conectada á Rede Natura para abastecer á Coruña ou unha minicentral camuflada?
Unha balsa mineira conectada á Rede Natura para abastecer á Coruña ou unha minicentral camuflada? PDF Imprimir Correo-e
Envia Unha balsa mineira conectada á Rede Natura para abastecer á Coruña ou unha minicentral camuflada? a FaceBookEnvia Unha balsa mineira conectada á Rede Natura para abastecer á Coruña ou unha minicentral camuflada? a Twitter

balsameirama20 de agosto de 2012. A Xunta ten a exposición pública o proxecto "Abastecimiento del área metropolitana de A Coruña a partir del lago artificial de la central de Meirama" (sic) (PDF 119MB) co que pretende "reforzar a capacidade de subministro" ante a demanda de auga da Coruña. Para iso, a Xunta quere "pinchar" a balsa mineira de Meirama e conectala co río Barcés, que desemboca no encoro de Cecebre mediante un túnel de 1,4 km. Isto é, conectar unha balsa mineira cun LIC da Rede Natura através dun río usado como sumidoiro. Máis aló da peregrina xustificación do proxecto (aforro e a eficiencia deberan ser prioritarias fronte a novas captacións) resulta curioso que a Xunta considere unha balsa mineira de augas ácidas pobres en osíxeno como unha infraestrutura de subministro. E máis aínda que para conectala ao río que pasa ao seu carón fagan un túnel de 1,4Km. A cuestión claréxase ao comprobarmos que o proxecto trae tamén da man unha minicentral: mais non era que o Plano Hidrolóxico desbotaba novos aproveitamentos hidroeléctricos nos nosos ríos? NOTICIA CENSURADA EN LVG

Esta é a verdadeira razón de ser deste delirante proxecto: producir quilovatios camuflando o proxecto como unha infraestrutura de subministro. Se o que se quere é usar a auga da balsa mineira como reservorio e desaugala polo río Barcés, como é que non se conecta directamente ao río, situado a poucos metros do mal chamado "lago" de Meirama? A opción de construir un túnel de 1,4 quilómetros e 3,5m de diámetro resulta técnicamente máis complicada e moito máis cara que facer un desaugue directo. No entanto, se o que pretende é turbinar a auga, non se pode facer a pé de encoro: Precísase unha significativa diferenza de cotas entre a captación (balsa) e o punto de entrega (central hidroeléctrica). Eis a razón do túnel, que actúa como tubaría de presión para a minicentral.

Mesmo supoñendo que esta auga pretenda ser usada para o subministro da Coruña, dende ADEGA preguntámonos como é que a Xunta deixa de lado medidas de aforro e eficiencia para reducir o consumo e aposta por novas captacións. Sabido é que sen conter o desbaldimento, o incremento do subministro ficará sobardado en pouco tempo e pronto haberá que chuchar máis auga do medio: É unha fuxida cara adiante iracional e insustentábel.

Mais o proxecto ten outras importantes eivas en absoluto avaliadas pola Xunta:

1. A calidade das augas dunha balsa mineira, que moi probabelmante teñan unha alta acidez e unha importante cantidade de metais pesados (particularmente arsénico) debido á natureza das rochas encaixantes (xistos cun alto contido en sulfuros metálicos) ademais dun baixa concentración de osíxeno. Esta é a caracterización fisicoquímica típica dos efluentes de labores mineiros como as de Meirama e As Pontes. En ningunha parte deste proxecto (como tampouco para o enchido da balsa de As Pontes) aparecen caracterizadas estas augas e cuantificado o impacto de posíbeis verteduras ácidas ao río Barcés e ao LIC Encoro de Abegondo-Cecebre, por non falar das inestabilidades sísmicas derivadas de encher de auga bacías sobre fallas activas.

2. Os impactos sobre a dinámica hídrica dun río, o Barcés, e sobre un LIC da Rede Natura con hábitats e especies protexidas. Non se pode pretender que as bruscas oscilacións de caudal debido ao réxime de turbinado non alteren a dinámica natural deste río e o que é máis grave, do espazo protexido no que desauga. Millóns de metros cúbicos de augas mineiras probablemente acidificadas e cunha alta carga de metais pesados van ir parar a un humidal protexido, parte da Rede Natura 2000. Nun exercicio case surrealista, a Xunta mesmo chega a fixar para a captación de auga da balsa mineira un caudal ecolóxico !!?

3. O incumprimento do Plano Hidrolóxico que non permite novos aproveitamentos hidroeléctricos nas bacías de Galiza-Costa (agás repotenciacións e "modernizacións"). Por moito que para a Xunta o destino final desta auga sexa o subministro da área metropolitana da Coruña, non pode obviarse que as obras descritas responden exclusivamente a un proxecto hidroeléctrico e non a unha captación, que en todo caso, non requeriría dun túnel de 1,4km, cámada de carga, central hidroeléctrica, liñas de evacuación... Dende ADEGA preguntámonos tamén quen vai beneficiarse deste aproveitamento hidroeléctrico e como é que se proxecta unha obra sen que haxa unha concesión administrativa previa para a explotación dos quilovatios. Agardemos que á Xunta non se lle ocorra "reactivar" a concesión que para o río Barcés solicitou durante a era Fraga "Hidroeléctrica del Arnoya". Esta empresa e os seus propietarios (Iglevaz e "Desarrollo Energético de Galicia") foron obxecto de numerosas concesións hidroeléctricas e eólicas "a dedo" posteriormente investigadas pola Fiscalía Anticorrupción.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

logo-plataforma-burgo

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA