Nace a Plataforma pola Recuperación do río Sar Imprimir
Envia Nace a Plataforma pola Recuperación do río Sar a FaceBookEnvia Nace a Plataforma pola Recuperación do río Sar a Twitter
Padrón, 10 febreiro 2012. Este día apresentouse en Padrón a Plataforma pola Recuperación do Sar, unha asociación sen ánimo de lucro que ten como fin acadar para o Sar, así como para as súas ribeiras, unhas condicións ambientais óptimas. Trátase de manter e conservar unha biodiversidade faunística e florística tan ampla como sexa posíbel, tanto en variedade de especies como na densidade das súas poboacións, así como a consecución duns parámetros fisicoquímicos que permitan a existencia e a pervivencia dun axeitado equilibrio ecolóxico. Non esquecemos a preservación do patrimonio cultural e etnográfico de forma que xunto co patrimonio natural, sexan fonte de riqueza para toda a bisbarra por onde discorre o río. Á presentación no Auditorio de Padrón acudiron case un cento de persoas e interviñeron os representantes dos colectivos promotores da Plataforma: Xosé Manuel Penas Patiño (Biólogo), Virginia Rodríguez (Presidenta de ADEGA), Luis Tapia (Biólogo) e Luis Piñeiro (Pescador).

A Plataforma pola Defensa do Sar pretende facer entre outras as seguintes actividades:

1.- Realizar observacións directas do cauce fluvial e as súas ribeiras e no caso de que se considere necesario proceder a denunciar aqueles feitos que atenten contra este ecosistema.

2.- Colaborar co mellor estado do río organizando limpezas da súa canle e ribeiras.

3.- Solicitar o cumprimento da lexislación e o establecemento das disposicións que sexan necesarias, así como colaborar con todo tipo de autoridades e administracións para a mellor consecución dos fins sinalados.

4.- Organizar actividades con centros educativos.

5.- Poñer a situación do río e as actividades da asociación en coñecemento da sociedade por medio da realización directa de charlas así como a través dos medios de comunicación.

6.- Documentar aquelas situacións ambientais que se consideren de interese para a consecución dos fins que son propios.

7.- Solicitar a colaboración doutras asociacións e no seu caso recíprocamente colaborar con elas.

A nova entidade continuará con presentacións polos diferentes concellos da bacía do Sar. A vindeita será este 24 de febreiro en Santiago de Compostela.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com