O "ladrillazo" incesante: ADEGA pide á Fiscalía abrir dilixencias por prevaricación en Barreiros Imprimir
Envia O "ladrillazo" incesante: ADEGA pide á Fiscalía abrir dilixencias por prevaricación en Barreiros a FaceBookEnvia O "ladrillazo" incesante: ADEGA pide á Fiscalía abrir dilixencias por prevaricación en Barreiros a Twitter

obra_lopo1A Mariña, abril de 2012. Ante a reanudación das obras en Barreiros por parte de "CONSTRUCIONES Y PROMOCIONES J. DÍAZ FERNÁNDEZ", ADEGA vén de persoarse de novo ante o Ministerio Fiscal para presentar a documentación que proba a usurpación de terreos de titularidade pública por parte do promotor e a ilegalidade da licenza por non contar con autorización de Augas de Galicia para a ocupación do dominio público hidráulico e da zona de policía, o que invalida calquera licenza municipal. Ademais subliñamos que as solicitudes do promotor para tal autorización son do ano pasado cando o recoñecemento da licenza é de decembro de 2009. A maiores esta licenza de obra está expresamente afectada polo Decreto 15/2007, polo que se suspendían as Normas Subsidiarias do Concello de Barreiros.

obra_lopo2Xa en outubro do ano pasado, ADEGA presentou na Fiscalía do Xulgado de Mondoñedo unha denuncia contra do Alcalde de Barreiros, D. José Alfonso Fuente Parga, por ter recoñecido expresamente (en reunión da Xunta de Goberno Local do 30/12/2009) o outorgamento desta licenza urbanística a CONSTRUCIONES Y PROMOCIONES J. DÍAZ FERNÁNDEZ , a sabendas de todas as ilegalidades e irregularidades que cometía:

-A solicitude de licenza conta cun informe negativo da asesoría xurídica do concello por non axustarse ao planeamento urbanístico,

-A parcela non reúne os requisitos para ter a categoría de solar, porque carece de accesos e non ten asegurados os servizos de auga potable e saneamento, nin o de enerxía eléctrica e comunicacións,

-A parcela está afectada por un Decreto da Xunta de Galicia polo que se suspende a Normativa Urbanística Municipal e que, expresamente, prohibe o outorgamento de novas licenzas urbanísticas sobre dita parcela,

-A obra afecta ao dominio público hidráulico e a zona de policía e nin tan sequera conta coa solicitude de concesión e de autorización para a ocupación das zonas de dominio e de policía dun río, dun rego ou dun regato,

-A obra,  sen ningún tipo de expediente previo, usurpa terreos que, de acordo co Rexistro de Propiedade, son de titularidade pública municipal.

Pese a todo isto, o Sr. Alcalde de Barreiros outorga a licenza de obra por silencio administrativo, cando este outorgamento, de acordo coa lei, nunca se podería ter feito aínda que tan só se acometerá unha soa das irregularidades citadas. Así pois, calquera que conte co favor da Alcaldía de Barreiros pode obter licenza de obra só co informe favorable da  arquitecta municipal e o correspondente acordo da Xunta de Goberno Local. Semella que a Arquitecta Municipal e o Sr. Alcalde teñen competencias (outorgadas pola preguiza, o desistimento e a neglixencia da autoridade urbanística) para interpretar a lei, para falsear datos, ocultar documentos  e ata para facer desaparecer fisicamente o chamado Rego de Lopo (afectado pola devandita obra).

ADEGA tamén repara na actitude do promotor, o cal reanuda as obras a sabendas de que a licenza outorgada polo concello está denunciada diante da Alcaldía e da Axencia para a Protección da Legalidade urbanística. De acordo coa lei, nestas circunstancias, non se poden reanudar as obras; pero en Barreiros, se se conta co favor da Alcaldía, pódese continuar coas obras sen tan sequera necesidade de informe a favor da arquitecta municipal e sen tampouco acordo da Xunta de Goberno Local.

ADEGA confía en que o Ministerio Fiscal poida seguir sendo independente do poder político e se dote da vontade e dos medios suficientes para, con dilixencia, actuar con contundencia contra estes casos de prevaricación e corrupción urbanísticas. Trátase, dende logo, dunha URXENCIA DEMOCRÁTICA: ningunha sociedade minimamente democrática pode aceptar tal discriminación fronte a Lei duns cidadáns con respecto a outros.

Preme nesta  ligazón para ver máis imaxes

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com