Plano Sectorial de Actividades Extractivas: A coartada da Xunta para autorizar minas en calquera lugar do país Imprimir
Envia Plano Sectorial de Actividades Extractivas: A coartada da Xunta para autorizar minas en calquera lugar do país a FaceBookEnvia Plano Sectorial de Actividades Extractivas: A coartada da Xunta para autorizar minas en calquera lugar do país a Twitter

ExtractoPSAEG

8 de maio de 2013. A Xunta vén de presentar o Plano Sectorial de Actividades Extractivas (PSAEG), documento polo cal ningún solo, por moita protección que teña, estará libre de minas. É o derradeiro cravo co que o PP remacha o anuncio de "Galiza é unha mina", e que permitirá á patronal mineira asaltar novos territorios até agora vedados: Espazos naturais, paisaxes protexidas, xacementos e monumentos históricos... Na redacción do documento, dirixido pola Cámara Mineira, participou unha importante consultora, EPTISA, que preside o ex-banqueiro Ángel Corcóstegui e de cuxo consello asesor fixo parte até decembro de 2011 Luis De Guindos. Outro dato curioso é que no documento, a respeito da minaría do ouro, afírmase que Corcoesto xa foi declarado proxecto industrial estratéxico (pp. 52 e 79), o que non se producíu (aínda). Está claro que intereses moven o plan mineiro da Xunta...

Logo da rebaixa que Feijóo e Hernández perpetraron na Lei do Solo 9/2002 através da lei 2/2010 de medidas urxentes, as minas e canteiras anteriores á lei 9/2002 podían continuar a súa actividade se contaban con licenza municipal (todo tipo de chan rústico), e de non tela, podían legalizarse se acreditaban seren anteriores á lei 9/2002 e estaban en chan rústico ordinario, de especial protección forestal ou de augas. No chan rústico de especial protección de infraestruturas, costas, espazos naturais, protección paisaxística e histórico-patrimonial, as minas e canteiras, anteriores á lei 9/2002, tamén podían autorizarse polo Consello da Xunta. Porén, para abrir novas explotacións en todo tipo de solo especialmente protexido, precisábase ter aprobado un instrumento de planificación territorial ad hoc, isto é, un Plano da Minaría, o actual PSAEG.

Cadro23PSAEGEis a razón da Xunta para abrir completamente con este Plano o "melón" da minaría en todo o territorio galego, atendendo ás demandas de especuladores e multinacionais, que fregan as mans cos elevados prezos dalgúns recursos minerais (ouro, litio, tántalo, niobio, itrio, etc.). A Xunta pretende aprobar agora este Plano, camuflando as súas intencións baixo o engado de "harmonizar a actividade extractiva co resto dos usos do solo" e "establecer as bases para o desenvolvemento dunha minaría sustentable". Unha "minaría sustentábel" que para a Xunta non entende de zonas de exclusión nen de áreas vedadas. Déixao ben claro neste PSAEG cando expón o seu alcance: "O Plan debe comprender todo o territorio de Galicia xa que aínda existen grandes superficies de territorio susceptibles de aproveitamento dos recursos minerais nas que non se realizaron as correspondentes labores (sic) de exploración e investigación, polo que restrinxir o ámbito do Plan podería supoñer reducir as posibilidades futuras de aproveitamento dos recursos minerais", p. 9 do PSAEG.

Non se trata portanto de "regularizar" a situación anómala de minas e canteiras en funcionamento, xa "liberadas" coa lei 2/2010, senón de facer francos novos territorios actualmente protexidos e fóra do alcanzo das gadoupas das multinacionais mineiras, grazas a algúns instrumentos de planificación territorial e lexislación ambiental (POL, Directiva Hábitats, Lei da Paisaxe, Lei do Patrimonio Cultural, etc.). O molesto destes atrancos proteccionistas fica ben claro no seguinte parágrafo, que parece redactado pola Cámara Mineira: "Nestes últimos anos o aumento da demanda de solo supuxo a creación de instrumentos de planificación e ordenación do territorio que ignoraron as explotacións mineiras [...]. Como resultado diso, hoxe existen en Galicia solos especialmente protexidos para ámbitos nos que non se pode desenvolver a actividade mineira [...], p. 23 do PSAEG.

Particularmente lamentábeis son as gabanzas que a Xunta, da man da Cámara Mineira, fai da lei franquista de minas de 1973, poñéndoa de exemplo ambiental no PSAEG: "O sector mineiro é pioneiro na protección do medio ambiente, como xa queda recollido no artigo 5 da Lei preconstitucional que regula o sector, a lei 22/1973 de minas...", p. 89 do PSAEG. E igualmente reveladoras da perspectiva que ten a Xunta sobre o control ambiental das explotacións, son as continuas gabanzas á mina de As Pontes, ao considerala "un exemplo de restauración mineira referente a nivel estatal". Apresentar como exemplo de restauración o perigoso experimento de Endesa (e o de GN-Fenosa) coa xigantesca balsa ácida das Pontes (e a de Meirama), só é entendíbel para unha administración que considera os impactos da minaría "temporais", as explotacións a ceo aberto como "favorábeis para o seu reenchido" e os montes fendidos de arriba a abaixo como espazos "de rápida revexetación natural arbustiva e herbácea, nalgúns casos mesmo con especies arbóreas como o eucalipto".

Outro vergoñento exemplo que evidencia que mans moven os fíos da minaría en Galiza baixo o monicreque da Xunta, é o feito de que no texto do Documento de Inicio deste PSAEG, repítese por dúas veces que o proxecto mineiro de Corcoesto xa foi declarado "proxecto industrial estratéxico" pola Xunta, atendendo á Lei 13/2011 de Industria. Até o de agora, a Xunta non fixo pública esta declaración, nen hai constancia oficial (DOG) de que lle tivera concedido ao proxecto de Edgewater en Cabana esta prebenda. Fallo do subsconsciente ou información privilexiada? O que está claro é que a Xunta móvese ao son que marca a Cámara Mineira e as consultoras "amigas" de capital luxemburgués nas que traballan (ou traballaron até hai pouco) algúns dos responsábeis da debacle financeira e dos brutais recurtes que estamos a sofrer.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com