ADEGA recorrerá a sentenza da canteira ilegal de Muras, cuxos responsábeis foron absoltos cun informe falso do IIT Imprimir
Envia ADEGA recorrerá a sentenza da canteira ilegal de Muras, cuxos responsábeis foron absoltos cun informe falso do IIT a FaceBookEnvia ADEGA recorrerá a sentenza da canteira ilegal de Muras, cuxos responsábeis foron absoltos cun informe falso do IIT a Twitter
30 de abril de 2013. En relación á recente sentenza da Audiencia Provincial de Lugo absolvendo de delicto contra o medio ambiente aos responsábeis e director facultativo da canteira "Angelita" de Muras que dende 2003 ao 2006 forneceu de pedra á Cidade da Cultura, dende ADEGA anunciamos que será recorrida. O fallo, a pesares de recoñecer que se tratou dunha actividade ilegal por carecer de licenzas, incumprir a declaración de impacto e invadir un espazo da Rede Natura 2000, non recoñece a presenza de hábitats prioritarios minimizando o dano ecolóxico, a teor dun informe do "Instituto de Investigaciones Tecnológicas" da USC asinado polo Prof. Felipe Macías (o mesmo que avalou os eólicos no Xistral). Dito informe é manifestamente falso e lixa o prestixio dunha institución, a USC, que debera realizar con urxencia unha auditoría científica e económica do dito IIT. A USC non pode prestarse a fabricar mentiras para defender un negocio privado!

Consideracións de ADEGA á sentenza de 9 de abril de 2013 da sala 2ª da Audiencia Provincial de Lugo en relación á canteira ilegal "Angelita" en Muras:
 
1. A pesares do fallo absolutorio da sentenza, consideramos moi positivo o traballo do Ministerio Fiscal e do Xulgado de Instrucción nº 2 de Vilalba en todo o relativo ás dilixencias previas que levaron á imputación dos responsábeis e director facultativo da mina Angelita: Através da actuación xudicial puido comprobarse que se trataba dunha actividade ilegal (por canto carecía de autorización urbanística e de licenza municipal) e que nen sequera respectou o contido da declaración de impacto ambiental.

2. A sentenza declara probada esta falta de autorización, o incumprimento da declaración de impacto ambiental e máis a invasión dun espazo da Rede Natura por parte da actividade extractiva. A este respeito, temos que engadir que o fallo pon tamén de manifesto a falta de dilixencia (ou pode que conivencia) da Xunta, non só por consentir o exercicio dunha actividade ilegal, senón por contratar uns servizos de subministro de pedra procedente dunha actividade ilegal.

3. Discrepamos profundamente co contido da sentenza, pois, aínda recoñecendo que se xulgaba sobre conceptos de hábitats e especies protexidos e prioritarios non sempre doados de explicar ou de entender por parte de letrados e xuíces, os maxistrados deberían saber que non poden ter o mesmo valor os informes periciais aportados polo Seprona e o Ibader a solicitude do Ministerio Fiscal e o Xulgado que os informes de parte que, como é natural, tratan de rebater os argumentos da acusación.

A este respeito, hai dous estremos que a sentenza pon en dúbida: Un refírese á presenza de hábitats prioritarios e o outro á posibilidade de recuperación destes hábitats no caso de habelos. Tanto nun aspecto como noutro, botamos de menos que os maxistrados non teñan a preparación necesaria para non deixarse atrapallar polas mentiras da defensa, por moito que sexa o prestixo dos asinantes do informe.

De contar con esta mínima preparación, e en relación á existencia de hábitats prioritarios, o xuíz podería ter comprobado por si mesmo que os informes periciais do Seprona e do Ibader solicitados polo Ministerio Fiscal e o propio xulgado non fan máis que trasladar a información que figura nas fichas e na cartografía oficial do Ministerio e da Consellería de Medio Ambiente. Portanto, sobre a presenza destes hábitats, non debería haber dúbida algunha. E en relación á recuperabilidade do hábitat prioritario afectado, o xuíz debería saber que recuperalo é algo moito máis complexo que facelo cunhas plantas de xardín nunha maceta e que, se un hábitat ten a cualificación de prioritario na Directiva 92/43 é, entre outras cousas, polo difícil que resulta a súa recuperación.

Na sentenza hai, en resume, unha máis que inadecuada valoración das probas periciais e de parte, que nos anima a recurrila sen máis ánimo que o de sentar adecuada xurisprudencia en materia de delictos contra o medio ambiente e o patrimonio natural.

4. En relación ao Informe presentado polo "Instituto de Investigaciones Tecnológicas" da Universidade de Santiago, dirixido por D. Felipe Macías, temos que denunciar que (aparte que fora tomado en consideración malia á súa extemporaneidade) non é admisíbel que alguén, por moi amplo que sexa o seu currículum, poida utilizar o prestixio da institución universitaria para, sen reparo e escrúpulos de ningún tipo, dar credibilidade a unha auténtica mentira negando a presenza de hábitats prioritarios na parte da Rede Natura invadida pola explotación e  soster irresponsabelmente que tal hábitat sería en todo caso de doada recuperación.

Dende ADEGA entendemos que unha institución coma a USC, dende o seu compromiso coa formación e investigación científicas, non pode prestarse a fabricar mentiras coas que defender un negocio privado. Dende ADEGA recomendamos á USC que realice con urxencia unha auditoría científica e económica dun Instituto que, reiteradamente, dende xa a implantación dos primeiros parques eólicos sobre as turbeiras do Xistral, demostrou non ter reparos en fabricar falsidades a favor dos intereses do negocio privado (eléctricas, eólicas, canteiras...). 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com