Ollo aos cantos de serea do PP coa biomasa: Son máis eucaliptos e cultivos enerxéticos! Imprimir
Envia Ollo aos cantos de serea do PP coa biomasa: Son máis eucaliptos e cultivos enerxéticos! a FaceBookEnvia Ollo aos cantos de serea do PP coa biomasa: Son máis eucaliptos e cultivos enerxéticos! a Twitter

eucaliptalmar11 de abril de 2013. Diante da recente aprobación por parte do Parlamento de Galiza dunha proposición non de lei do PP, transacionada con AGE, para o impulsar o aproveitamento da biomasa forestal con fins enerxéticas e "reducir a dependencia enerxética do noso país", ADEGA quere manifestar o seu rexeitamento ao espírito e obxectivos da mencionada iniciativa. Baixo o "inocente" paraugas do autoconsumo doméstico e da promoción das caldeiras de leña e "pellets", agóchase a intención do oligopolio pasteiro-enerxético de recolonizar o país con eucaliptos e outras especies de crecemento rápido, da man dun decreto de cultivos enerxéticos que está a preparar o PP. Plantar milleiros de hectáreas de masas monoespecíficas de eucaliptos transxénicos, paulownias e outras invasoras en cortas de 4-5 anos, para queimar, voltar a plantar, queimar...

1. O subministro das plantas de biomasa a partir de biomasa forestal residual (residuos de aproveitamentos forestais, incluídas as cortizas, de operacións silvícolas en masas forestais e espazos verdes, de residuos de actividades agrícolas e de xardinaría) é unha falacia, pois o modelo de explotación empresarial que se promove procurará un suministro constante e barato da matéria prima, que só é posibel acadar mediante cultivos específicos de espécies leñosas ou herbáceas de rápido crecemento, isto é, cultivos enerxéticos. Neste senso, no documento “Enersilva. Promoción del uso de la biomasa forestal con fines energéticos en el suroeste de Europa”, e relativo á central de biomasa de Mortágua, en Portugal, recóllese o seguinte: “O consumo de biomasa (cun grado de humidade do 30%, plena carga) da central é de 8,7 t/h, o que corresponde a un consumo anual superior a 100.000 t. O abastecemento efectúase mediante unha ‘carteira de provedores’ que ten días marcados para efetuar as entregas. A biomasa consumida provén fundamentalmente dos montes de eucalipto próximos á central.”

2. Os cultivos forestais enerxéticos, para cuxa regulamentación o PP xa presentou un borrador de decreto, corresponderán a especies como eucaliptos, acacias, paulownias, liquidambar, etc. Terán ciclos curtos, en cortas de 4-5 anos para o que se buscará a máxima densidade de plantación posíbel.

3. As 8 plantas de biomasa previstas polo PP (a potencia máxima a instalar en Galiza é de 80MW, 10MW por planta segundo o Decreto 149/2008) son só o principio. Estas 8 plantas previstas poderían supoñer, en termos de toneladas de biomasa necesarias, un subministro anual de case un millón de toneladas. En hectareas de eucalipto significaría entre 15 e 20.000 hectareas anuais de cortas. Mais con toda probabilidade, o oligopolio madereiro-enerxético presionará para modificar este decreto e ampliar o número de plantas e a potencia das instalacións.

4. O Plano Forestal de Galiza de 1993 non contempla esa adicación do monte. Os plantíos de eucaliptos e outras especies con fins enerxéticos estarían fora de calquera planificación. Porén, o borrador do PP sobre cultivos enerxéticos contempla até 100 has de superfície contínua para este tipo de aproveitamentos. A densidade dos plantíos, a súa composición e homoxeneidade estrutural suporán o empobrecemento drástico da biodiversidade, a perda dos servizos ecosistémicos do monte e unha nova desfeita paisaxística.

5. Os cultivos enerxéticos debido ás súas características e ciclos curtos, provocarán un empobrecemento intensivo do solo, coa conseguinte redución da fertilidade e da súa capacidade de renovación, condicionando o seu aproveitamento futuro para outros usos.

6. Dende a perspectiva da xestión das propiedades forestais, a promoción dos cultivos enerxéticos pasa por mobilizar grandes superfícies, incluidos os montes veciñais en man común. Neste senso, o tratamento das CCMM na lei de montes do PP, ás que se lles impoñen enormes cargas fiscais, persegue facilitar a formación de Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) coas grandes empresas do oligopolio da madeira. As SOFOR orientarán os aproveitamentos e a xestión dos montes viciñais segundo os intereses das empresas, que son as mesmas que promoven e van explotar as centrais de biomasa.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com