ADEGA pide a anulación da DIA de Corcoesto pola ocultación de datos sobre o arsénico e a incorrecta catalogación dos residuos Imprimir
Envia ADEGA pide a anulación da DIA de Corcoesto pola ocultación de datos sobre o arsénico e a incorrecta catalogación dos residuos a FaceBookEnvia ADEGA pide a anulación da DIA de Corcoesto pola ocultación de datos sobre o arsénico e a incorrecta catalogación dos residuos a Twitter
As5 de xullo de 2013. Outro pdfestudo científico vén a cuestionar os datos sobre a potencial contaminación por arsénico ocasionada pola mina de Corcoesto e que tanto a mineira como a Xunta minusvaloraron, ignoraron ou ocultaron no proxecto e na declaración de impacto. Os investigadores da USC advirten dunha alta mobilización de arsénico polo proxecto mineiro, poñen en dúbida os métodos de Edgewater e a Xunta para calcular este parámetro e a consecuente avaliación dos riscos sanitarios e ambientais que fixo a empresa e ratificou a Xunta. ADEGA xa denunciara que outra das mentiras do proxecto mineiro de Corcoesto era a caracterización dos refugallos mineiros. Edgewater e a Xunta considéraos "non inertes, non perigosos" malia a conter altas cantidades de arsénico e cianuro. ADEGA esixe á Xunta a anulación da DIA (Declaración de Impacto Ambiental) de Corcoesto e a redacción dunha nova DIA que contemple os datos e o risco real de contaminación por arsénico sinalados pola USC. En caso contrario, advertimos á Xunta que acudiremos aos tribunais e pediremos a anulación da fraudulenta DIA e de calquera proxecto que aprobe a Xunta en base a ela.

O proxecto de Edgewater para Corcoesto utiliza métodos analíticos impropios coa intención de minimizar o risco de mobilización do arsénico nas augas provocado pola actividade mineira. Tal é a contundente conclusión dun estudo científico asinado recentemente por catri prestixiosos investigadores/as da USC e que se engade ás advertencias que o mundo académico vén facendo á Xunta a respeito das gravísimas carencias, omisións oi terxiversacións deste proxecto mineiro.

Asemade, clasifica os residuos da actividade mineira como “non inertes non perigosos”. Para ADEGA, e a teor tanto da caracterización analítica previa, que sinala uns níveis de As superiores aos níveis de referenza, como do uso de substancias perigosas como o cianuro para a extracción do ouro por lixiviación dinámica, concluimos que, á marxe dos residuos da extracción de minerais metálicos (código LER 01 01 01) e non metálicos (LER 01 01 02), existen outros tres tipos de residuos non catalogados: Os residuos mineiros de parte dos estériles da actividade extractiva e os residuos da lixiviación deberían clasificarse como “non inertes perigosos”, correspondéndolles os códigos LER 01 03 04*[1] (estériles ácidos pola transformación dos sulfuros -mineralizacións con arsenopirita e outros compostos de xofre-); 01 03 05* (outros estériles con substancias perigosas -As-); e 01 03 07* (residuos que conteñen substancias perigosas -cianuro- procedentes da transformación física e química de minerais metálicos).

Tendo en conta esta nova caracterización dos residuos mineiros xerados pola explotación, as instalacións destinadas a albergar tais materiais de rexeite deberían ser clasificadas como de tipo A, a teor da Directiva 2006/21 CE, transposta ao ordeamento xurídico español polo RD 975/2009. Atendendo a esta normativa, unha instalación de residuos mineiros considérase de categoría “A” cando, alomenos, concorra unha destas circunstancias:
-Que exista risco de accidente grave por colapso ou fallo debido á perda de integridade estrutural ou por unha incorrecta operación.
-Que conteña residuos perigosos.
-Que conteña substancias perigosas.
Neste caso, as instalacións proxectadas cumpren as tres condicións para seren consideradas de categoría “A”. Portanto, e a teor no disposto no devandito RD 975/2009, establécese para estas a necesidade de contar cun Plano de Emerxencia Exterior que deberá elaborarse denantes da autorización do plano de restauración (art. 40.1), para o que a empresa deberá facilitar á administración a información necesaria. Os obxectivos do Plano de Emerxencia Exterior (PEE) serán (art. 40.3):
“a) Conter e controlar os accidentes graves e outros incidentes para reducir ao mínimo os seus efectos e, en particular, para limitar os danos á saúde das persoas e ao medio ambiente.
b) Aplicar as medidas necesarias para protexer a saúde das persoas e o medio ambiente dos efectos de accidentes graves e outros incidentes.
c) Comunicar a información necesaria ao público e aos a servizos ou ás autoridades correspondentes da zona.
d) Tomar medidas para a rehabilitación e limpeza do medio ambiente tras un accidente grave.”

Portanto, a incorrecta catalogación dos refugallos mineiros que realiza Edgewater, bendicida pola Xunta na súa DIA e derivada de minimizar sistemáticamente a toxicidade (As, CN) dos estériles e lamas mineiras, fai que a empresa non teña que apresentar un Plano de Emerxencia Exterior, aforrando cartos e trámites a costa de poñer en perigo o medio ambiente e a saúde da poboación. Para ADEGA estes feitos son unha omisión dolosa, e poderían constiuir cando menos e presuntamente, delicto de prevaricación, contra a saúde pública e contra o medio ambiente. A Xunta debería anular a DIA recentemente aprobada e obrigar á empresa a dar cumprida resposta aos riscos derivados do seu proxecto mineiro (en particular a toxicidade dos refugallos) se non quere expoñerse ás accións xudiciais eventualmente derivadas da súa vergoñenta declaración de impacto.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com