Campo de voluntariado ambiental no Tea: 8 anos de traballo pola conservación dos nosos ríos Imprimir
Envia Campo de voluntariado ambiental no Tea: 8 anos de traballo pola conservación dos nosos ríos a FaceBookEnvia Campo de voluntariado ambiental no Tea: 8 anos de traballo pola conservación dos nosos ríos a Twitter

Durante a pasada fin de semana de maio, do venres 24 ao domingo 26, continuaron as actividades deste proxecto que ADEGA levou a cabo através do Programa de Voluntariado en Ríos, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente –MAGRAMA– dende o ano 2006. Este 2013 as axudas deste programa de voluntariado non se convocaron, mais contamos desta volta coa colaboración da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Como noutras veces o voluntariado fixo uso das ferramentas axeitadas para a realización das actividades de eliminación de flora exótica e invasora, contou cun seguro de responsabilidade civil e accidentes colectivos, así como co aloxamento e mantenza. Como actividades complementarias particupamos nun roteiro guiado polo río Alén que serviu para coñecer máis de cerca os valores naturais que alberga a bacía do río Tea. Podedes ver as fotos do VIII Campo do Tea neste Álbum de Google+

img_1521.jpgO campo comezou o venres 24. Combinamos na vila de Mondariz coa maioría do voluntariado e dende alí desprazámonos ata o albergue Alentea. Logo de instalarnos houbo dúas presentacións por parte da equipa de Proxecto Ríos, nas que se lle explicou ao voluntariado a traxectoria do Proxecto Tea, os traballos desenvolvidos dende o 2008 así como una presentación sobre as especies exóticas invasoras e a súa problemática. Explicóuselles tamén o programa da fin de semana e a metodoloxía de traballo, as normas de seguridade, os seus dereitos e deberes, etc. Tamén se lles entregou unha carpeta con documentación sobre especies invasoras.
Aproveitamos o resto da noite para coñecernos e cear no albergue, desfrutando da marabillosa cociña de María e Josu.
 
img_1548.jpgO sábado, despois do almorzo, recollemos a ferramenta e desprazámonos ata a zona de traballo. A primeira parada foi nas charcas artificiais que se atopan no aparcamento onde deixamos os coches. Alí xa se tiña traballado en ocasións anteriores. Na primeira charca xa retiraramos xacinto de auga (Eichhornia crassipes), fento acuático (Azolla filiculoides), cola de raposa (Myriophyllum aquaticum) e papiro (Cyperus eragrostis), e constatamos que a flora exótica presente en quendas anteriores non volveu a colonizar a charca. Na máis pequena, nutrida polo caudal da fonte construída na zona de aparcamento, a presenza de cola de raposa, fento acuático e papiro era bastante abundante, sobre todo da primeira. Deixamos as labores de eliminación e a inspección das condicións ecolóxicas das dúas charcas para a tarde.
 
A continuación baixamos ao río para ver os lugares onde se traballou nos campos anteriores na eliminación de mimosa (Acacia dealbata) na principal mancha, e onde hoxe en día case non se atopan individuos da especie invasora, e onde si se identificaron numerosas especies herbáceas autóctonas. Fixemos tamén un percorrido pola beira do río para observar os lugares onde se eliminou a Tritonia x crocosmiiflora. Aínda atopamos algunhas plantas que máis tarde retirou o grupo itinerante, e aproveitamos o roteiro para identificar numerosas e variadas especies de flora ribeiriña.
 
img_1621.jpgOrganizamos ao voluntariado participante en dous grupos como xa ven sendo habitual: un itinerante que inspeccionou as zonas de traballo de anos anteriores eliminando a flora exótica que ía atopando. Este grupo, formado por 5 persoas, retirou 23 pés de Tritonia x crocosmiiflora na beira do río, 48 de A. dealbata ao longo de 1,5 Km., e tamén 15 de falsa acacia (Robinia pseudoacacia). Esta especie, atopábase no lugar onde se eliminou unha grande mancha de bambú (Phyllostachys sp.). Atopáronse 10 pés desta especie asiática, que foron eliminados. Pola súa parte, o grupo das acacias continuou os traballos de eliminación sobre a última mancha de mimosa escollida. Ás 14:30 dispuxemos una zona para xantar á beira do río onde demos boa conta dos bocadillos e froita preparados por Josu e Mari.
 
Xa pola tarde, o grupo desprazouse para coñecer a zona de traballo do bambú (Phyllostachys sp.), que quedou completamente limpa desta perigosa especie invasora. Os participantes do grupo itinerante uníronse aos do grupo das acacias para abordar unha nova mancha desta árbore invasora. Encetamos así unha nova área de traballo. O grupo de 22 voluntarios/as traballaron duramente levantando raíces, sachando, serrando, arrincando e recollendo os restos das mimosas. Tamén se fixeron varios aneis de descortizado a exemplares grandes. A maioría dos restos retirados non tiñan perigo de rebrote, polo que deixamos amoreada moita materia vexetal á beira do camiño. Porén, algunhas das árbores retiradas posuían sementes, polo que se cortaron os froitos e se meteron en bolsas para evitar a súa xerminación.
 
img_1839.jpgÁs 18:00 desprazámonos de volta ás charcas para retirar as acuáticas invasoras da charca pequena. De forma manual e con sachos retirouse a gran cantidade de cola de raposa que tapizaba por completo a charca. Os restos pousáronse sobre plásticos para tentar recuperar a fauna que puidera quedar atrapada entre a vexetación. Rescatáronse 5 pintafontes verde (Triturus marmoratus) e un ibérico (Lissotriton boscai), así como numerosas larvas de odonatos. Antes de facer estas tarefas de eliminación, realizouse unha inspección na charca grande onde se mostreou a fauna e flora presente; tamén se tomaron medidas de tamaño e temperatura, así como das características químicas da auga, medindo o pH, nitratos e osíxeno disolto. Xa de volta ao albergue desfrutamos dunha cea ben merecida. A noite seguiu con charla, risas, e un bo concerto de voces por parte de todos os voluntarios e voluntarias.
 
img_1867.jpgÁ mañá seguinte tras almorzar reunímonos no albergue para facer unha posta en común dos traballos realizados o día anterior. Como sempre neste espazo demos pé a escoitar as propostas de mellora do grupo de voluntariado.
 
Despois, para rematar o campo de voluntariado fomos a visitar a reitoral e a igrexa de Barciademera. Alí Josu ilustrounos sobre os elementos arquitectónicos máis salientables destes edificios. A continuación fomos ata a capela da Inquisición onde degustamos un xantar de campo para coller forzas para o roteiro que se fixo de seguido polo río Alén.
 
Puidemos ver a flora característica que acompaña ás carballeiras termófilas que habitan nesta comarca. Puidemos tamén ver a Woodwardia radicans, fento relicto do terciario que aínda vive nestes paraxes, testemuño de épocas climáticas pasadas.
Rematado o roteiro, despedímonos do grupo de voluntarios/as que participaron nos VIII campos de voluntariado do río Tea.
 
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com