Día Mundial da Biodiversidade: ADEGA criando e coidando da biodiversidade; a Xunta... Imprimir
Envia Día Mundial da Biodiversidade: ADEGA criando e coidando da biodiversidade; a Xunta... a FaceBookEnvia Día Mundial da Biodiversidade: ADEGA criando e coidando da biodiversidade; a Xunta... a Twitter
VoitreXistralEste 22 de maio é o Día Mundial da Biodiversidade, un acordo da ONU para comemorar a sinatura en 1992 da Convención Internacional para a Diversidade Biolóxica en Nairobi (Kenia). Este ano, o lema é "Auga e Biodiversidade", para resaltar o papel da biodiversidade e os ecosistemas en garantir a seguridade da auga e o desenvolvemento sustentábel. En Galiza, moitos dos nosos máis valiosos ecosistemas húmidos, dende as serras interiores até a costa, están en perigo xunto coa enorme biodiversidade que acubillan. Son as políticas públicas sectoriais (enerxética, mineira, de infraestruturas...) e a nefasta xestión dos espazos naturais, a principal ameaza aos servizos ecosistémicos que prestan á sociedade: Auga limpa, autodepuración, xeración de biomasa, amortecemento dos impactos do cambio climático... Sen ecosistemas sans e biodiversos, non será posíbel termos auga limpa e alimentos para todos/as. Mentres, ADEGA segue a traballar a prol da biodiversidade: Construindo outra charca, eliminando flora exótica dos nosos ríos ou celebrando a diversidade con música, curtas e roteiros.

VoitreXistral2O paradigma da destrución de hábitats que prestan servizos ecosistémicos chave para o mantemento do ciclo da auga podería ser a ocupación polos eólicos das serras litorais e interiores, particularmente na serra do Xistral sobre as súas valiosísimas turbeiras.

Ducias de parques eólicos, mais tamén canteiras e plantacións de pirófitas instaláronse cos parabéns da Xunta nesta serra salferindo a paisaxe e fragmentando un substrato maioritariamente ocupado por diversos tipos de turbeiras, un hábitat húmido responsábel de gran parte da retención e o subministro de auga nas cabeceiras de moitos ríos da rexión bioxeográfica atlántica.

Alén destas agresións aos servizos ecosistémicos que prestan estes hábitats protexidos, valiosos exemplares de especies en perigo de extinción ou ameazadas sofriron tamén a pegada dos muíños. Un dos últimos casos é o dun voitre negro (Aegypius monachus) morto no Xistral e marcado cun transpondedor, que formaba parte dun proxecto internacional de recuperación desta especie desenvolvido pola GREFA, no Pireneo!!

En ADEGA seguimos coa teima de que fronte ao desleixo e a parálise institucional, as organizacións sociais temos que facernos cargo da conservación da nosa biodiversidade. Por iso, nesta semana da biodiversidade imos desenvolver varios proxectos relacionados coa diversidade biolóxica e a conservación dos ecosistemas húmidos:

-Este 22 de maio, na UDC imos construir unha charca, dentro do proxecto "Charcas cion Vida", e o 29 no mesmo campus, eliminaremos flora exótica e invasora.

-O sábado 25 de maio, na Eira da Xoana o Festival da diversidade natural e cultural: Un festival literario-musical con proxección de curtas e roteiro na república ecolóxica do Alto Ulla.

-A fin de semana do 25 ao 27 de maio, incluido, realizaremos unha cunha nova edición do campamento de voluntariado ambiental do río Tea, para a erradicación das especies exóticas e invasoras neste treito fluvial protexido.

Reaxe fronte ao desleixo da Xunta e colabora con ADEGA na conservación activa da nosa biodiversidade!

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com