Adega
INICIO Áreas temáticas Residuos / Contaminación
Residuos e contaminación
Os galegos e galegas xeramos aproximadamente 1 quilogramo de lixo por persoa e día nos nosos fogares, pero os residuos urbanos inclúen tamén os lodos de depuración e os residuos da construcción e derrubo (mal chamados entullos), de forma que, sumados todos eles, chegamos aos 3 kg por persoa e día. Todo isto non é mais que unha pequena parte dos residuos que botamos ao medio: na industria xérase tamén unha cantidade equivalente a 0,5 kg de residuos tóxicos e perigosos por habitante e día, e considerando os residuos inertes da industria e da minería, superamos os 60 kg/hab/día, cifra que aínda sobrepasa o cento cando temos en conta os residuos agrogandeiros. Por outra banda, unha cantidade superior aos 20 kg/hab.dia emítense continuadamente á atmosfera. Botemos contas e saberemos cantos millóns de toneladas de lixo deitamos na natureza cada día, cada ano ou ao longo dunha vida, e cal é a verdadeira herdanza que deixamos ás xeracións futuras. Estamos claramente diante dun modelo de vida, de producción e consumo, insustentáble.

O vertido de residuos e, sobre todo, a súa incineración teñen graves consecuencias ambientais. Os residuos orgánicos, presentes no lixo doméstico ou nas industrias agroalimentarias, por exemplo, degrádanse consumindo osíxeno e orixinando solos e augas putrefactas. Nese proceso libéranse nutrientes e medran os microorganismos patóxenos. Temos así a aparición de focos infecciosos puntuais, zonas degradadas e contaminación das augas.

Moitos residuos teñen propiedades perigosas, sendo de destacar a súa toxicidade. No propio lixo doméstico temos compoñentes tóxicos (productos de limpeza do fogar; cosméticos e productos de hixiene persoal; colas e adhesivos; pinturas, vernices e disolventes; insecticidas e antiparasitarios; aceites minerais de orixe doméstica; aditivos e outros fluídos de automoción; medicamentos e productos de uso terapéutico; fluorescentes) e na industria xéranse preto de medio millón de toneladas de residuos perigosos, maiormente na industria de tipo químico, nas celulosas, nas refinerías de petróleo, nas metalúrxicas... Os metais pesados (MP) como o mercurio, o cadmio, o cromo, o zinc, o chumbo... por unha banda, e os compostos orgánicos persistentes (COP), entre eles a ducia suxa (pesticidas, dioxinas e furanos, policlorobifenilos...) son as substancias que lle dan máis perigosidade aos residuos. Estas e outras substancias químicas poden causar intoxicacións agudas, xerar enfermidades no sistema nervioso e endocrino, causar cancro ou debilitar o sistema inmunolóxico. Na natureza, moitas especies sofren diferentes anomalías e doenzas debidas á contaminación, que é unha das causas da perda de biodiversidade.

Por todo isto, o vertido incontrolado está hoxe penalizado pola lei. Algúns vertedoiros foron substituídos por plantas incineradoras, pero hoxe hai numerosos exemplos de que estas incineradoras non son unha solución real ao problema dos residuos e da contaminación; ao contrario, en moitos casos o que fan é aumentar a toxicidade dos residuos finais. A incineración non destrúe o lixo: transfórmao en fumes contaminantes e en cinsas tóxicas; nuns e noutras distribúense os metais pesados e contaminantes orgánicos, e mesmo se xeran novas sustancias, como as dioxinas, e centos de compostos químicos que resultan da combustión, sempre incompleta. Nunha incineradora como a de SOGAMA, o tratamento de 500.000 toneladas anuais de lixo orixina máis de 2.000.000 de t/ano de gases, arredor dunhas 100.000 t/ano de residuos perigosos e 50.000 t/ano de augas residuais. A onde van todos estes residuos?: ao solo, ás augas ou á atmosfera, pois non hai outro destino posíbel.
Solucións ecolóxicas

A toxicidade dos residuos foi aumentando ao longo das últimas décadas, e tamén as cantidades xeradas. Por isto, desde hai tempo, o ecoloxismo propón a prevención, a través da reducción en orixe, como a principal medida para resolver o problema dos residuos: o obxectivo é estabilizar primeiro a xeración de residuos e despois diminuíla ano tras ano. Para isto hai que mellorar a eficiencia dos procesos de producción, substituír as materias primas perigosas (por exemplo o PVC), substituír os envases e embalaxes de usar e tirar (plásticos, botes metálicos...) por aqueles outros que poden ser reutilizados ou reciclados (vidro, papel/cartón...), empregar materias primas recuperadas dos residuos na fabricación, e limitar ou penalizar o consumo de productos que conlevan a xeración de grandes cantidades de residuos. A reutilización é, pois, a principal medida para contribuír á reducción do lixo doméstico.

Todos os residuos que se xeren deben ser recollidos de forma separada en orixe (recolla selectiva) e tratados para a súa reciclaxe. Coa reciclaxe aforramos novas materias primas, auga e enerxía, e tamén a maior parte do impacto ambiental asociado á producción de novos productos. A reciclaxe do papel é un exemplo claro.

A través da reducción en orixe, da reutilización e da reciclaxe e compostaxe (3R) podemos hoxe dar solución a mais do 80% do lixo. O aumento da eficiencia nos sectores productivos, a substitución de materiais ambientalmente non adecuados, as medidas de estandarización, etc., xuntamente coa educación ambiental, necesaria tanto para a elección dun consumo ambientalmente responsábel como para facer posíbel a participación cidadá na recolla selectiva, permitirán consolidar e aumentar esta cifra de prevención e reciclaxe. Esa outra fracción de refugallos non aproveitábeis, debidamente tratados, deberanse depositar nun vertedoiro controlado.

O traballo de ADEGA

Xa a mediados dos oitenta, cando a cantidade de lixo aínda non pasaba dos 0,5 kg/habitante e día, a metade que agora, ADEGA propuña a reducción en orixe e a reciclaxe dos residuos, xuntamente co vertido controlado. E facíao na cidade da Coruña, onde doce anos máis tarde se derrubaría o vertedoiro de Bens, ao non ter en conta naquel entón as propostas ecoloxistas.

Nos anos noventa intensificouse o traballo ecoloxista por unha xestión ecolóxica dos residuos. ADEGA organizou en outubro de 1995 unhas xornadas dirixidas aos xestores municipais, e a partir delas aparecería o pioneiro Proxecto de Reciclaxe e Compostaxe de O Morrazo. O derrubamento do vertedoiro de Bens converteuse nunha axuda ás reivindicacións ecoloxistas, xa que permitiu romper o cerco informativo e puxo de manifesto a irracionalidade da xestión do lixo que se viña facendo. Ao pouco tempo, ADEGA elaborou un preproxecto de xestión ecolóxica do lixo para toda a Mancomunidade da Coruña, preproxecto que sería adoptado nos seus aspectos fundamentais polo propio Concello de A Coruña e polo Consorcio de As Mariñas. Na mesma liña, apareceron os proxectos de reciclaxe e compostaxe da Serra do Barbanza e da Illa de Arousa. Foron catro anos, os que separaron as eleccións municipais de 1995 das de 1999, de grandes cambios na xestión do lixo, e hoxe estanse a consolidar algúns destes proxectos.

A campaña de reivindicación e concienciación social foi moi intensa, e tivo como principal actividade a iniciativa lexislativa popular (ILP) pola xestión adecuada dos residuos e a prohibición da incineración (1995-1996). Esta iniciativa acadou algo mais de 50.000 sinaturas en todo o país, sendo a mais referendada de cantas chegaron ao Parlamento galego. Simultaneamente, organizáronse numerosos actos e debates arredor da xestión dos residuos. ADEGA elaborou un proxecto alternativo ao de SOGAMA (FENOSA-Xunta), e publicouno no número 3 de ADEGA-CADERNOSEste proxecto describe as instalacións e os programas de xestión xuntamente cos orzamentos necesarios para toda Galiza. Posteriormente, ADEGA elaborou proxectos específicos para diferentes comarcas, seguindo o esquema do elaborado para a Mancomunidade de A Coruña.

As eleccións municipais de 1999 abrían a porta a novos proxectos de xestión ecolóxica do lixo, esperanza que foi perdendo peso a medida que as presións da Xunta e de SOGAMA sobre os Concellos se foron facendo máis estreitas. Os intereses antiecolóxicos de FENOSA e o autoritarismo do poder autonómico acabou por afogar esa esperanza, se ben os gobernos municipais de Vigo, Pontevedra, Lugo, Ferrol e Santiago continúan sendo partidarios da reciclaxe e da compostaxe no lugar da incineración.

O inmobilismo da Xunta en materia de residuos manifestouse en todo o traballo da Consellería de Medio Ambiente e afectou tamén aos planos de residuos agrarios, residuos hospitalarios, residuos industriais e residuos especiais. Os avances nesta materia derivados do goberno autonómico son practicamente nulos, e proba disto é a caótica xestión das recolla selectiva que fai SOGAMA a través do contedor amarelo.

recilcaxe.jpg

A campaña da iniciativa lexislativa popular pola redución, a reutilización e a reciclaxe foi o desencadeante dunha forte campaña de concienciación da sociedade galega sobre o problema do lixo

 

composteiro.jpg

A compostaxe ou reciclaxe da materia orgánica é un método de tratamento viábel, ecolóxico e pouco custoso en comparación coa incineración. ADEGA conta cun Programa de Fomento da Compostaxe Caseira que está a desenvolver en colaboración con distintos Concellos galegos

 

marchacerceda.jpg
Mais de tres mil persoas marcharon a pé en xuño de 1995 desde a central térmica de FENOSA até Cerceda, para expresaren a sua total oposición á incineración do lixo.



Efectos sobre a saúde dos Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos (HAPs) PDF Imprimir Correo-e
Envia Efectos sobre a saúde dos Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos (HAPs) a FaceBookEnvia Efectos sobre a saúde dos Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos (HAPs) a Twitter
O pasado mes de Nadal a Comisión pro residuos mínimos de Oural fixo entrega ,a todos os grupos parlamentarios galegos, dun informe sobre os efectos sobre a saúde de dioxinas furanos e PCBs. A Comisión sigue traballando no tema e tras consultar con especialistas foi alertada sobre o gran risco de emisión de Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos (HAPs) si o proxecto de incineración de neumáticos na Cementeira Cosmos de Oural fora levado adiante.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
Ler máis...
 
Efectos sobre a saúde de dioxinas, Furanos e PCBs PDF Imprimir Correo-e
Envia Efectos sobre a saúde de dioxinas, Furanos e PCBs a FaceBookEnvia Efectos sobre a saúde de dioxinas, Furanos e PCBs a Twitter
Os efectos tóxicos sobre a saúde producidos por dioxinas e substancias químicas relacionadas, son un elemento de preocupación tanto na comunidade científica como nas autoridades sanitarias. Desde as diferentes fontes de contaminación, estes productos químicos acumúlanse nos alimentos, sobre todo nos de orixe animal, chegando ós humanos a través da alimentación.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
Ler máis...
 
A problemática ambiental das estacións de transferencia PDF Imprimir Correo-e
Envia A problemática ambiental das estacións de transferencia a FaceBookEnvia A problemática ambiental das estacións de transferencia a Twitter
Como é ben sabido, o plano de xestión do lixo da Xunta, concretado a tarvés da empresa SOGAMA cosntituida pola Xunta e FENOSA, foi aprobado en xaneiro de 1992. Nese primeiro documento manexaba-se a cifra de 34 instalaciónS destinadas a facilitar o transporte do lixo até un único ponto do país: Cerceda. Estas instalaciónS recebian o nome de Estacións de Transferéncia (ET) nuns casos, e de Peiraos de Trasferéncia, noutros. Mais tarde, en modificaciónS posteriores pasaria-se a falar de tan só 8 ET en 1996, cando non estava prevista ningunha para a Mariña luguesa, ás 18 actuais, a situar en diferentes pontos de Galiza ainda sen identificar pola Xunta. As localizacións previstas varian dun momento a outro.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
Ler máis...
 
A Contaminación Electromagnética: Unha ameaza para a nosa saúde PDF Imprimir Correo-e
Envia A Contaminación Electromagnética: Unha ameaza para a nosa saúde a FaceBookEnvia A Contaminación Electromagnética: Unha ameaza para a nosa saúde a Twitter

A contaminación electro-magnética xorde nos países industrializados como consecuéncia do uso cada vez maior de aparellos e instalacións rádio-eléctricas. A proliferación incontrolada destes elementos, próprios da sociedade do consumo e da información, fai que estexamos baixo a constante influéncia de campos eléctricos e radiacións electro-magnéticas, que contribúen á deterioración da nosa cualidade de vida.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
Ler máis...
 
Alegacións ao Plano de Resíduos Sólidos Urbanos de Galiza. 1998 PDF Imprimir Correo-e
Envia Alegacións ao Plano de Resíduos Sólidos Urbanos de Galiza. 1998 a FaceBookEnvia Alegacións ao Plano de Resíduos Sólidos Urbanos de Galiza. 1998 a Twitter

1. VALORACIÓN GLOBAL.

Descrebe-se o plano de SOGAMA pero non os planos comarcais alternativos en vigor (citán-se pero non se descreben as accións, instalación e obxectivos dos mesmos), polo que o documento resulta claramente insuficiente en relación ao que establece a Lei 10/97 de 22 de agosto, de RSU de Galiza. En todo caso, por esta razón, as alegacións referen-se ao plano de SOGAMA que é o que se recolle no documento.

Cumpre aclarar, en relación cos motivos desta adaptación (pax. 6), supostamente a recente aprobación de directivas e leis que modificaron o marco lexislativo, que a referida Directiva da UE sobre envases e resíduos de envases está aprobada e vixente hai mais de 4 anos (1994), que os borradores da mesma circularan durante vários anos antes, mentres a Xunta elaboraba o seu proxecto de 1992, sen ter en conta ningún dos critérios avanzados que se manexaban a nivel europeu, nen tampouco os tantas veces mentados critérios do 51 Programa de acción Meioambiental da UE, aprobado o 17 de maio de 1993. Ven isto a conto, non para por de manifesto a grave desorientación que rexiu as actuacións da Xunta nesta matéria durante toda a década dos 90, senon coa finalidade de que a história non se repita nos próximos anos, ou no primeiro quiquénio do 2000.

En tal sentido, a Adaptación do Plano que se presenta á información pública apenas garante o cumprimento dos mínimos requeridos pola Lei 11/1997, de 24 de abril, de Envases e Resíduos de Envases, xa que:

a) As accións estabelecidas coa finalidade de reducir a cantidade de resíduos de envases, cun obxectivo do 10%, son claramente insuficientes, e todo indica que con este plano seguirá-se a incrementar a xeración deste tipo de resíduos.

b) Están ausentes calquera outra medida de minimización. En tal sentido, non se cumpre cos estabelecido sobre a redución cualitativa, referida á redución de contaminantes tais como os metais pesados nos materiais de envases e resíduos de envases.

c) As unicas modificacións no programa de recollida selectiva referen-se ao número de contentores, que sorprendentemente pasan de considerar-se uns 1000 na versión anterior do plano a mais de 37.000 para o caso do papel e 26.000 para plásticos. A organización da recollida selectiva segue sendo altamente deficiente, polo que dificultará a participación cidadá, e dificilmente permitirá atinxir os obxectivos mínimos do 25% de reciclaxe dos resíduos de envases.

d) Polo anterior, o plano é económicamente inviábel no rural, agravando-se os custos en relación á versión anterior.

e) Manten-se en todo o esencial as instalacións de recollida conxunta do lixo, trasferéncia e transporte, tratamento e eliminación (incineración), asi como a sua capacidade, o que nos indica que, no ámbito do plano, a maior parte do lixo seguirá a via de incineración, no canto da redución, a reutilización e a reciclaxe.

Sen embargo, as modificacións incluen dentro do plano (ainda que citando-os unicamente) os planos comarcais alternativos, que si prevén promedios de reciclaxe do 70%, polo que poderia ocorer que o cumprimento dese mínimo de reciclaxe no conxunto do pais se acade esclusivamente a conta dos planos alternativos.

En resumo, trata-se dunha adaptación forzada para cumprir os obxectivos mínimos exixidos pola actual lei de envases e resíduos de envases: 4% de redución e 10% de reciclaxe, sen que facilite a sua superación. Sendo previsíbel que estes mínimos se vaian elevando progresivamente, a medida que se constata a viabilidade e o interese ambiental das opcións mais avanzadas, como son as marcadas polos planos alternativos (que teñen obxectivos de reciclaxe do 70-80%), o plano de SOGAMA non tardará en estar novamente fora de lei.

2. CARÁCTER INTEGRAL.

Di-se que o Plano se rixe polo principio de integración (pax. 18), que se explica como a Ainclusión de todos os tipos de tratamento que dén unha solución total ao problema do lixo@ (pax. 46). Porén, nen isto é certo no caso do plano de SOGAMA, nen esa é a definición de método integral:

- Primeiro, non inclue todos os tipos de tratamento, senon que opta en exclusiva pola elaboración de combustible e a incineración, desbotando os tratamentos biolóxicos, tais como a compostaxe aeróbia e anaeróbia (biogás).

- Segundo, non dá solución total ao grave problema dos resíduos, senon que desde o aspecto da cantidade de Resíduos Tóxicos e Perigosos xerados, ten lugar un forte incremento, praticamente a sua multiplicación por un factor de 10, xa que as mais de 50.000 Tm de cinzas tóxicas xeradas na incineración (ás que haberia que sumar no seu caso as escórias e outros refugallos tóxicos) só terán como solución o seu vertido.

- Terceiro, non é unha solución integral aos Resíduos Sólidos Urbanos, xa que só aborda o lixo doméstico, pero non así os lodos de depuradora nen os resíduos de derrubo (tamén RSU), nen outros como os resíduos forestais que requeren dunha solución que si aportan os planos comarcais.

3. PREVISIÓNS DE CRECIMENTO DA XERACIÓN DE LIXO.

Estima-se a xeración de lixo na Galiza, no ano 1996, en 810.000 Tm. En 1990, o MOPT contabilizaba unhas 752.000 Tm. O plano da Xunta de 1992 asumia esta cifra como ponto de partida e predicia un incremento anual do 3%, especialmente da fracción de plásticos. Asi, dimensionaban unha incineradora con capacidade para queimar até mais de 1.200.000 Tm, cantidade que preveian atinxir no periodo de 25 anos.

Pero como podemos calcular, o incremento foi de 68.000 Tm neste periodo de 6 anos, menos da mitade do 3% previsto, que suporia un incremento de 146.000 Tm. O crecimento real foi do 1,25%, pero na adaptación segue-se prevendo un crecimento do 2% anual (pax. 29).

Hoxe, a Lei de resíduos de envases estabelece o obxectivo dun 10% de redución dos mesmos, o que se traduciria nunha redución global de aprox. o 4%. Se temos en conta que a cantidade de matéria orgánica no lixo e a sua xeración total está-se reducindo lixeiramente, resulta claro que a previsión de incremento do 2% é contraditoria cos obxectivos que, en teoria, din alcanzar, e que o marco legal fixa.

 

4. AS OBRIGACIÓNS DOS CONCELLOS QUE TEÑAN PLANOS ALTERNATIVOS.

O parágrafo 3 da pax. 40 é claramente incompatível coa independéncia dos concellos, ademaís de marcar unha prioridade contrária ao principio de redución do impacto ambiental. Literalmente, obriga aos concellos a incinerar, incluso se deciden non participar en SOGAMA.

En primeiro lugar, no mesmo ponto, di-se que os concellos implantarán a recollida selectiva como fase fundamental para a Valorización dos resíduos, o cal é un contrasentido, pois a recollida selectiva só é necesária para a reciclaxe (dos inertes e da matéria orgánica na forma de compost) pero non para a valorización enerxética mediante incineración.

En segundo lugar, os planos comarcais contemplan unha redución do vertido final de mais do 80%, mediante redución, reutilziación e reciclaxe, e a estabilización e vertido como inerte da fracción restante (entorno ao 20%, ou mesmo inferior). Comparativamente, o plano de SOGAMA xerará un 18% de escórias e cinzas tóxicas, ademáis doutros resíduos non aproveitábeis. O resultado é claramente favorábel para os planos que non contemplan a incineración (cantidades similares de vertido, pero de refugallos tóxicos no caso de SOGAMA e de refugallos inertes no caso dos restantes planos). Porén, como se dixo, este ponto 3 da pax. 40 obrigaria a estes planos alternativos a conveter os seus resíduos inertes en resíduos tóxicos, sometendo-os á incineración (valorización enerxética) como etapa prévia ao vertido.

5. O PLANO DELEGA A RESPONSABILIDADE DOS RESULTADOS DA RECICLAXE NA POBOACIÓN, AO TEMPO QUE DIFICULTA A SUA COLABORACIÓN: O MODELO DE RECOLLIDA SELECTIVA.

Na pax. 19 di-se, entre outras cousas, que Ao éxito da reciclaxe depende en grande medida da colaboración cidadá@, o que é sen dúbida certo, pero tamén é certo que a colaboración cidadá depende de que se poñan os meios para facilitá-la. Asi o parece recoñecer na pax. 50 cando se di que ACombinando unha Recollida Selectiva amplamente difundida e correctamente planificada, e os adecuados sistemas de separación e tratamento é posible alcanzar cotas de Reciclaxe de materiais moi altas@. É xusto recoñecer este cambio de opinión dos xestores do plano (anteriormente algúns afirmaban que era imposíbel chegar ao 20% de reciclaxe), se ben de novo trae á mente a contradición do plano, que tamén prevé altas cotas de valorización enerxética de materiais, xa que a capacidade da incineradora non se reduciu.

Cumpre por tanto analisar a planificación que se fai da recollida selectiva, para sabermos a que ater-nos. Pero é este un tema dificil, en certo sentido dado as numerosoas contradicións e erros que existen ao longo do documento.

Así, non fica claro cales son os materiais a recoller selectivamente: fracción seca, papel e cartón, vidro e fracción húmida (pax. 51); plásticos, latas, vidro, papel/cartón, pilas e Arechazo@ (pax. 57); ou papel, fracción seca, vidro e resto (pax 75). Ficaremos con esta última, que coincide coa primeira, se chamamos ao resto fracción húmida, xa que a segunda é a que habia na versión do plano de novembro de 1996, que suporemos por tanto sustituida. Desta forma, o gráfico da pax. 57 non seria correcto.

Este último modelo de recollida selectiva (papel, fracción seca, vidro, resto) parece que é tamén a que se ten en conta á hora de estimar os meios de recollida. Non hai por tanto recollida selectiva de matéria orgánica (fracción húmida), senon que esta última irá no contentor do resto. A consecuéncia é que a sua calidade para elaborar compost non será adecuada, contradicindo neste ponto as recomendacións feitas polo Consello Galego do Meio Ambiente.

En canto aos meios para recoller papel/cartón, vidro e fracción seca, o plano estiman as seguintes necesidades:

- 37.074 contentores de papel, de 800 litros

- 25.974 contentores de fracción seca (plásticos?, din que a chatarra non) de 800 l

- 1464 contentores de vidro, de 2.500 l

prevendo que participará un 75% da poboación na recollida selectiva, e que esta se realizará 1 vez por semana.

Sen dúbida, incrementaron-se as cantidades de contentores previstas na versión anterior (96/97: 518 contentores para vidro, 850 para papel e 1275 para plásticos), mesmo até o ponto de que o número de contentores de papel excede con cresces as estimacións realizads por ADEGA, que as cifraba en aprox. 6000 para toda Galiza. Segundo se explica no documento, nestas extimacións non se tiveron en conta mais factores que o volume de cada fracción a recoller e a frecuéncia, factores que nada teñen que ver coa necesidade de facilitar a participación cidadá. Consideramos, como se argumenta na alternativa de ADEGA que se deberian ter en conta os seguintes factores:

- O modelo de recollida selectiva non debe ser xenérico para todo o pais (cidades, vilas, rural), senon que se debe adaptar as caracter´siticas de cada ámbito, tanto para facilitar a participación como minimizar os custos para os concellos. O modelo escollido será inviable economicamente no rural.

- É mui positivo, dentro de cada ámbito, instalar illas de reciclaxe que conten con todos os contentores de un só componente, xa que isto facilita a colaboración cidadá: non seria necesário andar a buscar en sitios distintos o contentor para cada resíduo. Ademáis, isto unifica a imaxe do sistema facilitando mesmo as campañas de concienciación. Polo contrário, o plano prevé cantidades diferentes para cada tipo de contentor.

- O número de contentores de vidro segue sendo claramente insuficiente. Mentres, o número de contentores de papel e fracción seca resultan claramente escesivos, polo que o seu manexo (recollida, lavado, etc) fará insostible economicamente o modelo, incluso nas cidades. Mesmo no referido ao espazo urbano, este modelo requere triplicar o número de contentores convencionais de lixo que hai actualmente, e iso só para unha baixa cota de reciclaxe (ese 25% de resíduos de envases, que supoñen só o 10% do lixo). Incluso no caso de que a participación cidadá fose alta, muitos dos plásticos e outros materiais (mixtos) que se recollerian no contentor de fracción seca non serian recicláveis, polo que estariamos pedindo a colaboración cidadá para que logo o material recollido selectivamente acabase na incineradora. Isto pode ser causa do fracaso do plano e dunha frustación social mui dificil de recuperar.

En definitiva, o modelo elixido, a sua combinación cun sistema de eliminación altamente contaminante (incineración) e o carácter centralizado do plano (debate das empacadoras) entorpecen a colaboración cidadá mais que favorece-la. O fracaso semella entón seguro. En tal sentido, os resultados da experiéncia piloto, da que depende o modelo final, poden ser pouco orientativos, a parte de servir para estabelecer os custos do modelo.

Chama a atención que os meios de recollida selectiva se calculen para toda Galiza e non para o ámbito de SOGAMA. Poderiamos deducir que a Xunta vai financiar a recollida selectiva dos planos alternativos, pero tal extremo non se especifica claramente. En todo caso, non se teñen en conta as exixéncias dos planos alternativos en tal sentido: nen o tipo de contentores nen o seu tamaño coinciden cos elexidos polos planos alternativos.

Compre, por último, por de manifesto que SOGAMA non é quen de xestionar os escasos centos de contentores de recollida selectiva entregados aos concellos membros até o dia de hoxe: utilizan-se para o lixo conxunto, e isto poderia continuar asi.

 

RECOLLIDA DE PILAS E RESIDUOS DOMÉSTICOS TÓXICOS E PERIGOSOS (RDTP).

Establecen-se meios (contentores) para a recollida de pilas eléctricas, pero non se fala da necesidade de separar en orixen e recoller selectivamente non só as pilas, senon todos, ou cando menos a maior parte, os resíudos tóxicos, tais como medicamentos, vernices, pinturas, cosméticos, lámparas e tubos fluorescentes, entre outros. Tampouco se establece nengún tipo de redución da carga tóxica dos materiais de envases e embalaxe (redución do contido en metais pesados, por exemplo) nen da preséncia de determinados produtos ambientalmente mui daniños, tais como o PVC. Os pontos limpos previstos, aparte de non estar detallados, son claramente insuficientes.

 

PLANTAS DE SELECCIÓN.

Fala-se de 4 Plantas de selección, a situar cerca das estacións de transferéncia (pax. 79), pero non existe a descripción das mesmas, nen tampouco nas versións anterioes do plano. Di-se na pax. 51 que os concellos entregarán a fración seca e o papel nas instalacións de selección, o que implicaria que terian que realizar o transporte das cantidades recollidas a grandes distáncias nos mesmos camións de recollida. A inversión para estas plantas de selección estima-se en 160 millóns de Ptas, claramente insuficiente, pero ademáis, tal inversión non se recolle no cadro final da px. 84.

PONTOS LIMPOS

Contemplan-se 18 pontos limpos a instalar en todo o pais, sen dicer onde deberian estar nen aportar a descripción dos mesmos: en que consistirán, instalacións necesárias, obxectivos. Só se di que recollerán voluminosos e algúsn resíduos tóxicos. Nos documentos prévios, nen no plano de 1992 tampouco se descrevian estas instalacións.

 

PLANTA DE RECUPERACIÓN

Menciona-se como parte dos meios de recollida selectiva e reciclaxe unha planta de recuperación a situar en Cerceda (pax. 61). Non indican as suas características, polo que temos que supor que se trata da chamada nos documentos anteriores APlanta de Reciclaxe, Tratamento e Elaboración de Combustíbel@ (PRTEC). En tal sentido, tal instalación ten pouco de recuperación, xa que do lixo unha vez triturado só se poderá extraer a chatarra. A sua eficacia recuperadora será inferior ao 3%. Trata-se polo contrario dunha planta de tratamento do lixo para a sua eliminación por incineración, polo que, a efeitos do computo de inversións correspondentes a cada un dos programas, debe-se considerar entre os meios de eliminación final.

 

ESTACIÓNS DE TRANSFERÉNCIA

Contemplan-se 18 plantas de transferéncia valoradas nunha inversión total de 2302 millóns de Ptas. Na versión de novembro de 1996 eran 8 plantas de transferéncia valoradas en 2731 millóns de ptas. A E.T. de Guixar requeriu unha inversión de 675 millóns de ptas. No presente documento preven-se 4 E.T. cunha capacidade similar á esta de Guixar, pero cun custo de só 250 millóns de Ptas. Non se explican cales van ser as diferéncias existentes, xa que os proxectos básicos válidos han de ser os sometidos a exposición pública en xullo de 1997. Se se cambia este, deberian-se especificar as modificación no presente documento.

Pero di-se que as inversións necesárias dependerán, entre outros factores, dos requerimentos de tipo ambiental a que se sometan. Preve-se acaso que sexan mui inferiores os requerimentos para as seguintes E.T.? Por outro lado, o importe da inversión para as restantes 14 é ainda mui inferior, de 93 millósn de ptas cada unha.

 

 

PROGRAMA DE RECUPERACIÓN DE VERTEDEIROS.

Permanecerán activos até mais alo do 2000, indicando-se que se manterán nas mellors condicións ambientais, pero non se especifican cales serán esas condicións, nen cales serán as medidas que a Xunta tomará de forma provisional. Un ano depois de aprobar-se a Lei de RSU de Galicia, os vertedeiros seguen ardendo igual que antes.

 

FASES DE ACTUACIÓN

Descreve-se de forma vaga o calendário de actuacións, no que é de salientar que as medidas de minimización e reutilización só aparecen a partir do segundo semestre do ano 1999.

 

ORZAMENTOS.

Manteñen-se cantidades ínfimas para a redución e a reutilziación, incrementando-se só apreciablemente a cantidade correspondente aos meios de recollida selectiva que, como xa temos visto, corresponden a un modelo pouco efectivo. O reparto das inversións para cada tipo de actuación é o seguinte:

Millóns de Ptas %

Minimización: 450 1,4

Reutilización 530 1,6

Recollida selectiva e reciclaxe: 4985 15,2

 

Eliminación 81,8

- Est. Transferéncia 2302

- PRTEC 6683

- Incineradora 17972

TOTAL 32982 100

Como vemos, manten-se o groso da inversión destinada á eliminación por incineración, que ademáis requere a conatrucción das estacións de transferéncia e a planta de elaboración de comnbustível (PRTEC). Na versión anterior do plano, nesta partida tamén incluia as inversións en contentores e camións de recollida convencional, inversións que agora non aparecen contabilizadas pero que serán necesárias e que incrementarán a cuantia do capítulo de eliminación. As inversións están por tanto claramente desconpensadas, discriminando ás actuacións correspondentes aos 3Rs: Redución, Reutilización e Reciclaxe), que só contabilizan, no mellor dos casos, o 18% das inversións.

 

CUSTOS

SOGAMA estimou os custos de recollida do seu plano en 10.800 Ptas/Tm, considerando que 6.000 Ptas coresponden á recolida convencional (situación actual), e 4.800 Ptas á sobrecarga pola recollida selectiva. O custo desta recollida resulta claramente superior ao do proxecto do Morrazo (8.500 Ptas/Tm), pero o realmente significativo non é esta diferéncia aparente (2.300 Ptas/Tm mais no de SOGAMA), senon a diferéncia que existe se temos en conta a eficácia da recollida selectiva e reciclaxe: o compromiso de SOGAMA coa UE é de reciclar o 26% dos resíduos de envases, o que resulta nun 10% sobre o total do lixo. O sobrecusto de 4.800 Ptas/Tm ten por obxecto a recollida selectiva dese 10%, resultando por tanto:

(4.800/10)*100 = 48.000 Ptas/Tm reciclada

Polo contrário, o sobrecusto no plano do Morrazo é de 2.500 Ptas/Tm, e o rendimento en reciclaxe previsto é do 73% sobre o lixo global. Resulta por tanto:

(2.500/73)*100 = 3.425 Ptas/Tm reciclada.

As diferéncias resultan abrumadoras.

Aliás, temos o custo de tratamento da fracción non reciclábel, que tamén é maior no caos de SOGAMA, que o estima en 4.500 Ptas/Tm, frente ás 2.900 do Morrazo. Por tratar-se de incineración, subxeita ao mercado eléctrico e as subvencións que este recebe, e subxeita tamén á necesidade de incluir maiores controles ambeintais asi como á ecotaxas, o custo de tratamento de SOGAMA poderá-se ir incrementando indefinidamente.

 

Manuel Soto Castiñeira, con D.I. 76 348 287, Presidente da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza - ADEGA, con domicílio a efeitos de notificación en Rua de Touro 21-21, 15704-Santiago, actuando en nome da devandita Asociación,

 

EXPON QUE:

Estando a exposición pública, por resolución do 21 de abril de 1998, a adaptación do Plan de Xestión de Resíduos Sóldios Urbanos de Galicia,

Considerando que tal adaptación resulta insuficiente para garantir unha xestión ecolóxica do lixo no noso país debido a que se fundamenta na incineración do lixo, á que destinarian unhas 500.000 Tm anuais (mais do 80% do lixo do ámbito SOGAMA) asi como o 82% do orzamento do plano no ámbito de SOGAMA-Xunta, e que a incineración conleva unha forte contaminación, tal como se expón na documentación adxunta.

Considerando que as opcións de redución en orixen e reutilización, con só o 3% do orzamento, están claramente marxinadas, cando deberian ter un papel preponderante na xestión, xuntamente co recollida selectiva e a reciclaxe

Considerando que os obxectivos de recollida selectiva e reciclaxe, avaliado nun 26% dos materiais de envases e embalaxes, o que resulta en aproximadamente o 10% do lixo total, son claramente insuficientes, e que poden ser doadamente incrementados até un 70-80% como contemplan os planos aternativos a SOGAMA

Recoñecendo que hai un incremento significativo das inversións destinadas á meios de recollida selectiva (que atinxe o 15% do total), pero que a organización da mesma e o modelo de R.S. é mui deficiente, con aspectos que dificultarán a participación cidadá e que disparan os custos da mesma

Considerando que globalmente o plano non se axusta ás propostas que ten feito ADEGA, e que tamén é mui dispar de calquera outra proposta baseada na recollida selectiva e a reciclaxe,

Consideranso asimesmo que a adaptación do plano non recolle as propostas aprobadas no Consello Galego do Meio Ambiente na primavera de 1997, especialmente no referido á necesidade e conveniéncia de elaborar compost de calidade coa fracción orgánica recollida selectivamente en orixen

Por todo isto, ADEGA presenta as ALEGACIÖNS que acompañan o presente escrito, nas que se amplia a nosa valoración do plano, e

SOLICITA

A reformulación da actual proposta de xestión do lixo, desbotando a incineración como forma de xestión de calquera fracción do lixo, e optando pola recollida selectiva correctamente organizada e a reciclaxe e compostaxe das fraccións recollidas.

Con tal finalidade, ADEGA fai-lle entrega da sua proposta de xestión para o conxunto de Galiza, que consideramos válida como marco xeral para unha xestión ecolóxica do lixo.

Solicitamos asimesmo que, mentras se re-elabora o plano de xestión, se destinen os fundos disponíbeis a financiar a instalación dos planos comarcais baseados na reciclaxe: O Morrazo, A Coruña, O Barbanza, Illa de Arousa.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 
<< Inicio < Anterior 1 2 3 Seguinte > Final >>

Páxina 2 de 3


ADEGA