A xestión do lixo no século XXI Imprimir
Envia A xestión do lixo no século XXI a FaceBookEnvia A xestión do lixo no século XXI a Twitter

A protección do meio ambiente, a saude das persoas e o uso sustentábel das materias primas e outros recursos naturais deben ser os obxectivos últimos de calquera actuación na xestión de resíduos. Cómo facé-lo?. A alternativa ecoloxista dos 3Rs (Redución, Reutilización e Reciclaxe) non só segue a ser válida, senon máis necesária que nunca. A sua posta en prática requere unha revisión crítica da interpretación que até hoxe se veu facendo da mesma polos axentes máis directamente implicados na cuestión: as administracións e as empresas responsábeis dos resíduos (posta no mercado) ou da sua xestión. Non se pode seguir esquecendo por máis tempo a redución, e tampouco se pode aceptar que procesos destructivos como a combustión se fagan pasar por opcións de reutilización ou reciclado.

Os principios de prevención e precaución seguen sendo necesários. A chamada recuperación (revalorización) térmica non atende ningún deles. Ten que priorizar-se a precaución, aplicando-se sen máis adiamentos á introdución de determinados produtos e/ou materiais no mercado (nos fogares). Os metais e as substáncias orgánicas sintéticas de alta toxicidade, ou aqueles materiais que poden dar orixen a emisións tóxicas ou non ser reciclábeis non poden seguir a ser utilizados alegremente. Quen contamina paga é un principio que só poderemos considerar válido se se lle pon acotacións: muitos problemas ambientais e de saúde non teñen ou non deben ter prezo.

A todo isto temos que sumar a incidéncia social directa das políticas de resíduos. Os obxectivos deben ser a integración social dos sectores máis desfavorecidos, xa que se trata dun eido no que o colectivo é consubstancial, e sempre vai requerir a aportación de fundos públicos. Os grupos de recuperación, reparación, reutilización e reciclaxe de diferentes materiais, por un lado, e os colectivos ecoloxistas e de educación ambiental, por outro, deben ter unha participación directa na xestión do lixo. O consenso social é imprescindíbel, e isto requere a participación na toma de decisións de todos os axentes sociais.

SITUACIÓN TECNOLÓXICA

Os obxectivos directos de calquera tecnoloxia son, a priori:

  • O acondicionamento ou eliminación de resíduos

  • O poder realizar o anterior sen afectar ao meio ambiente (impacto directo ou local)

  • O poder contribuir ao desenvolvemento sustentábel (impacto indirecto ou deslocalizado): redución da contaminación nos proceso produtivos, aforro de enerxia, aforro de matérias primas non renovábeis....

Tradicionalmente valorou-se só o primeiro dos obxectivos, e asi o vertedeiro considerava-se solución adecuada cando ainda se dispuña de suficiente espazo e a afección ao meio natural e aos recursos non era tan patente.

Coa crescente xeración de residuos e a sua acumulación no meio antural, pensou-se que a incineración permitiria eliminar a maior parte do lixo (até un 70%). Non se reparou que todo o que se elimina-se por esta tecnoloxia envia-se a atmósfera ou fica na forma de cinzas tóxicas. A incineración atendia o primeiro obxectivo, pero xa non o segundo: o seu impacto no meio natural, nos cultivos e na atmósfera converteu-se nun grave problema en si mesmo.

Adecuar a tecnoloxia da incineración ao segundo dos obxectivos é posíbel en parte, sempre a costa de encarecer enormemente esta opción. Á depuración dos fumes e o control do proceso de combustión, que fixo que os fornos incineradores pasaran a custar miles de millóns de ptas, suma-se hoxe a posibilidade dos tratamentos de plasma para inertizar cinzas. As instalacións incineradores que se doten destas tecnoloxias faran-se ainda máis costosas.

Pero vistas asi as cousas, non falta quen afirma que o problema ambiental é un problema de desenvolvimento tecnolóxico e de diñeiro. Unha forma algo burda de dar-lle a volta a tortilla, como pon de manifesto o mesmo tema da xestión do lixo. No mellor dos casos, a tecnoloxia de incineración do futuro, con todas as medidas de control ambiental que se queiran, só poderá atender os obxectivos a) e b), é dicer xestionar o lixo sen provocar emisións que causen un impacto ecolóxico directo. Pero en nada contribuirá a acadar o obxectivo c), xa que sempre incrementará o seu impacto indirecto: maior custo, necesidade de novos e complexos equipos de tratamento e controle, maior consumo enerxético, e redispersión ambiental dos contaminantes. Poderemos reducir as emisións directas da planta incineradora, pero sempre estaremos a destruir matérias primas elaboradas que teñen tras si unha importante carga ambiental, e que o sistema produtvo requere volver a producir, ou que nen siquera son renovábeis.

Porque ademáis do grave problema de emisión de tóxicos, na incineración queiman-se plásticos derivados do petróleo que pouco teñen de renovábeis. Isto choca calramente co actual marco legal-administrativo, no que se considera a enerxia recuperada por incineración do lixo como enerxia renovábel (por exemplo no plano enerxético da Xunta de Galicia), e por tal concepto se subvenciona a incineración.

Porque incluso no caso de combustíbeis de carácter renovábel como é a celulosa presente no papel que forma parte do lixo, a enerxia que se obtén da sua incineración non xustifica a utilización destes materiais con esta finalidade, pois na sua obtención xera-se un elevadísimo impacto ambiental (fábricas de celulosa). Aliás, o aprveitamento enerxético dos resídos conduce ás máis baixas eficácias, e requere o consumo paralelo de combustíbeis fóseis. No caso de SOGAMA, a xestión dunhas 500.000 Tm/ano de lixo para xerar CDR (combustíbel derivado de resíduos) e logo queimar este, requere a combustión de máis de 50.000 Tm de produtos petrolíferos (fuel-oil ou gas natural). Cun rendimento enerxético global do 25%, o rendimento neto aplicado ao lixo cae a menos do 5%. Isto debe-se a que na localización prevista do proxecto non é posíbel un aproveitamento óptimo da enerxia. Pero incluso no mellor dos casos, supondo un 25-30% de recuperación enerxética, a reciclaxe permite acadar un aforrro enerxético 4 veces maior, e isto de forma compatíbel coa conservación de materiais.

En definitiva, a incineración nunca contribuirá a un desenvolvimento sustentábel, senon esactamente o contrário. Unha análise do ciclo de vida rigurosa asi o mostra. Aliás, por máis que hoxe existan, en teoria, tecnoloxias para reducir o impacto ambiental local da incineración, o certo é que a lexislación segue permitindo a emisión de tais cantidades de gases ácidos e tóxicos que a seguen presentando como unha actividade de alto risco ambiental. Asi, a actual lexislación premite-lle a SOGAMA as seguintes emisións á atmósfera: 15.000 kg/ano de metais pesados, 1.750 Tm/ano de gases ácidos, 87.468 Tm/ano de cinzas e escórias (resíduos tóxicos ou potencialmente tóxicos), e 44.890 m3/ano de augas residuais. A maior parte destas emisións son totalmente evitadas nunha alternativa baseada nos 3Rs.

A incineración no plano SOGAMA permite acadar unha redución en peso do 77%, e unha redución en volume a respeito dun vertedeiro convencional, do 88%. Unha alternativa baseada nos 3Rs, tal como a elaborada por ADEGA para toda Galiza, ou as existentes nestes momentos para diversas mancomunidades, atinxen reducións en peso do 74% e en volume do 88%. Concluimos por tanto que A INCINERACIÓN É HOXE TOTALMENTE INNECESARIA.

A REDUCIÓN, INAPRAZÁBEL

Unha xestión do lixo baseada na recollida selectiva e na reciclaxe como se ten elixido para A Coruña e outras localidades galegas, combinada coa inertización e comapactación do refugallo non reciclábel e cun vertedeiro de apoio, pode atinxir cifras de redución do vertido superiores ao 70% en peso, e ao 85% en volume. Estes planos enmarcan-se na opcións dos 3Rs, pero cando se pergunta como resolver no futuro o problema dese 30% restante, os seus responsábeis non acostuman falar de REDUCIÓN, senon que recurren aos avances tecnolóxicos, que nun futuro próximo permitirian unha xestión ambientalmente correcta dese resto.

Pola contra, desde o ecoloxismo non acreditamos na viabilidade ambiental e social desas tecnoloxias, xa que non se pode tratar de outra cousa que de sistemas destructivos, habida conta de que ese refugallo está constituido por un elevado número de materiais mesclados entre si, e constituen precisamente o non reciclábel na situación actual. A redución é imprescindível, pois se hoxe é reciclábel un 50-70% do lixo, de non termos un avanzo claro neste eido, a meio prazo esta porcentaxe pode caer significativamente. E todo o feito seria en van.

Asi, a redución ten por obxectivo:

  • Reducir a toxicidade dos resíduos que xeramos: prevención cualitativa. Trata-se de eliminar a fabricación e o uso de materiais tais como pillas eléctricas con metais pesados, PVC e produtos de PVC e outros plásticos tóxicos, CFC, determinados pesticidas....

  • Reducir o consumo de produtos non reciclábeis, tais como plásticos de película (bolsas), bandexas de corcho sintético, materiais mixtos diversos...

A sustitución de matérias primas e a estandarización de usos son algunhas das medidas que é urxente aplicar.

Por outro lado, á redución global do impacto ambiental poden contribuir outras medidas, como a utilización dos envases retornábeis de vidro no canto dos reciclábeis, ou as bolsas de vários usos para a compra, por exemplo. No caso galego, seria mui importante o establecimento de obxectivos de envases acollidos ao sistema de retorno.

INTEGRACIÓN SOCIAL

A reutilización e reciclaxe ofrece directamente mais emprego que outras tecnoloxias de xestión do lixo, e indirectamente pode-se combinar adecuadamente coa actividade dos grupos recuperadores. Estes grupos tiveron desde sempre unha incidéncia na xestión dos resíduos, sendo os máis coñecidos os grupos de trapeiros e chatarreiros. As praticas de xestión actual, porén, están deixando fora de xogo este sector que depende economicamente do lixo. Cos vertedeiros incontrolados, acudian directamente ao vertedeiro, pero que vai pasar se queremos implantar unha xestión ecolóxica do lixo?. A primiera consideración e que a xestión ecolóxica do lixo non só é compátibel coa supervivéncia deste sector, senon que estas entidades deben xogar un papel activo na mesma, ao tempo que melloran substancialmente as suas condicións de traballo. A realidade é que muitos grupos e entidades teñen incorporado xa critérios de xestión ambiental correcta, e potencian especialmente os eslabóns da reutilización e a reciclaxe.

Na Galiza contamos coa experiéncia de COREGAL e outras actuacións de COGAMI (Confederación Galega de Minusválidos), que realizan a recollida de papel e cartón para a sua reciclaxe, e teñen en proxecto a recuperación de veículos usados. COREGAL, tras a introdución dos contentores iglues en Santiago, pasou de pouco mais de 3000 tm de papel/cartón recollidas en 1997 ás 6000 no ano 1998. Traballa nas comarcas de Santiago, Barbanza e Costa da Morte. COREGAL realiza tamén a recollida porta a porta de cartón, dirixida especialmente ao comercio. Outros muitos grupos e pequenas empresas tamén actuan no eido da recollida e reciclaxe de materiais, ainda que as suas práticas non sexan dadas á coñecer nen controladas. Procurar a sua integración debe ser un obxectivo parello ao de acadar a xestión ecolóxica do lixo.

Un estudo realizado por AERESS (Asociación de Recuperadores de Economia Social e Solidária) mediante unha enquisa contestada por 19 grupos, indica unha facturación de 1.120 Mptas, cunha distribución entre maioristas, rastros (voluminosos), e outros. O 65% dos gastos corresponden a persoal, uns 500 empregados/as, o que constiue unha mostra co carácter social e sólidário deste grupos. As cantidades xestionadas por estes 19 grupos superan as 35.600 Tm/ano, pero máis de medio cento de grupos intercámbian información e experiéncia a través das xornadas de Amantes.

Hoxe debe-se prestar especial atención ás obrigacións derivadas das recentes leis, que están favorecendo a entrada das constructoras neste sector, o que pode desestabilizar notoriamente a actividade dos grupos de recuperación existentes. Como unha medida imprescindíbel, consideramos que nos concursos deben-se separar as diferentes contratas, posibilitando asi a participación dos grupos recuperadores, que se engloban sempre na pequena empresa.

A SITUACIÓN NA GALIZA

A finais dos anos 80, o proxecto de xestión do lixo da Xunta de Galicia preveia a instalación de duas plantas incineradoras (no Norte, perto de A Coruña e no Sul, perto de Vigo). Ningunha delas se chegou a instalar pola oposición directa da poboación. En xaneiro de 1992 modificou-se o referido proxecto, pasando-se a contemplar unha única incineradora para o 100% do lixo galego, a construir en CERCEDA. A inviabilidade ambiental, legal e social deste proxecto foi posta de manifesto reiteradamente por parte de ADEGA. As modificacións de 1995, 1997 e 1998 tiveron por finalidade adapta-lo á normativa vixente, que requere actuacións en matéria de reciclaxe, e facé-lo máis aceitábel por parte da poboación.

 

No ámbito do plano SOGAMA, a planta incineradora prevista ten capacidade para queimar máis do 80% do lixo. Os obxectivos de recollida selectiva e reciclaxe exixidos pola UE, que financia o plano cuns 12.000 millóns de ptas, son do 25% dos resíduos de envases e embalaxes, o que se traduce no mellor dos casos nun 10% de reciclaxe do lixo total. Nunca uns obxectivos tan pobres recibiron tal apoio económico das arcas públicas.

Os responsábeis do proxecto negaron desde sempre a posibilidade e o interese de elaborar compost coa matéria orgánica fermentábel, pois no seu secado para combustión (elaboracón do CDR) radica a principal parte do negocio de SOGAMA, que é a queima dunhas 50.000 Tm de fuel-oil, actividade da que se obterá enerxia eléctrica subvencionada (polo concepto de coxeneración) para vender á rede. O responsábel da actual Conselleria de Meio Ambiente non só segue esta liña, senon que arremete publicamente contra os proxectos alternativos que optaron pola compostaxe.

Pola contra, ADEGA é consciente da necesidade de matéria orgánica de calquera solo agrícola, e os solos galegos non son unha excepción. Por causa do cambio habido na agricultura nas últimas décadas (cambio que na Europa se produciu muito antes), os solos galegos están-se empobrecendo en matéria orgánica, até o ponto de que todo compost que se poda producir será insuficiente para satisfacer as necesidades. O desenvolvimento dunha agricultura ecolóxica no pais constituirá outra saída para as partidas de maior calidade. A cuestión radica por tanto na obtención dun compost de calidade, o que poden garantir os planos alternativos mediante unha recollida selectiva adecuada.

Como obxectivos xerais, os planos comarcais de reciclaxe (A Coruña, O Morrazo, O Barbanza, A Illa de Arousa) pretenden a recollida selectiva da matéria orgánica e dos materiais inertes por separado, e a reciclaxe da maior fracción de resíduos, que poderá atinxir o 70%, fronte ao 10% do plano SOGAMA. Ao tempo, minimiza-se a contaminación, ao prescindir totalmente da incineración. Pero se A Coruña optou pola reciclaxe por razóns ambientais, necesariamente a cidadania desta comarca terá que rexeitar a instalación dunha planta incineradora na porta da casa: os ventos predominantes fan que toda a comarca coruñesa se vexa afectada pola contaminación procedente da futura incineradora de Cerceda.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com