Adega
INICIO Áreas temáticas Montes
Montes
Dous millóns de hectáreas (has), é dicir, o 69% do territorio do país, é considerado superficie forestal. A superficie arborada é de 1.405.000 hectáreas, da cal só 375.000 hectáreas están ocupadas por especies de frondosas autóctonas (carballos, castiñeiro, bidueiro, ameneiro,
faia, aciñeira,...). O resto son plantacións de piñeiros e eucaliptos . En Galiza temos moitas plantacións forestais pero poucos bosques.

Son moitos os problemas que aqueixan aos nosos montes, consecuencia dunha planificación e xestión inexistentes ou inadecuadas. Os lumes, a expansión masiva e desordenada das plantacións de eucaliptos, a degradación e destrución dos bosques autóctonos máis valiosos, as prácticas de manexo ambientalmente inapropiadas das plantacións (talas rasas, realización de queimas para a preparación das plantacións, rozas non selectivas do mato,...), a construción de pistas forestais e devasas sen planificación axeitada, a eliminación de bosques das ribeiras dos ríos, etc., provocan importantes danos ambientais, con consecuencias negativas de carácter económico e social: erosión do solo, deterioración da paisaxe, perda de biodiversidade, etc.

Os incendios forestais seguen a ser un dos principais problemas ambientais da nosa terra. Os Planos INFOGA promovidos pola Xunta desde 1990 carecen do suficiente enfoque preventivo, polo que non conseguiron nin sequera estabilizar o número de incendios. En Galiza están a se rexistrar 50 lumes por cada 10.000 hectáreas de superficie forestal, índice 11 veces superior á media do resto das comunidades autónomas.

Entre as propostas defendidas por ADEGA no eido forestal, podemos destacar as seguintes:

  • A protección especial dos bosques autóctonos máis valiosos, para o cal é preciso a compra para o patrimonio forestal público ou o establecemento de convenios cos seus propietarios.
  • A promoción decidida da plantación de árbores autóctonas e dunha xestión forestal que integre as tres funcións básicas do monte (ambiental, productiva e de uso social ) e procure o aproveitamento múltiple do monte (madeira, gando, froitos, cogomelos,...).
  • O control da expansión das plantacións de eucalipto.
  • O fomento da certificación forestal do FSC (Forest Stewardship Council ou Consello de Manexo Forestal).
  • A conservación e restauración dos bosques da ribeira dos ríos e do arboredo das beiras de camiños e leiras. Asemade, cómpre preservar as pequenos bosques autóctonos intercalados entre cultivos e prados que caracterizan a paisaxe agraria tradicional galega.
  • Desenvolvemento dunha estratexia de loita contra os lumes forestais fundamentada en medidas de carácter preventivo que ataquen as causas estruturais dos lumes (abandono e xestión inadecuada dos montes, utilización do lume para crear pastos e en labores agrícolas e forestais, especulación madeireira, persecución de especies causantes de danos en cultivos e gando,...).
  • Desenvolvemento dun sector industrial forestal que aproveite os recursos dos nosos montes de forma compatíbel co medio e creando riqueza no país.

ADEGA desenvolveu múltiples actividades a prol dunha xestión adecuada dos nosos montes. En 1989, ADEGA foi unha das principais organizacións impulsoras da proposición de lei de iniciativa lexislativa popular para a defensa do patrimonio forestal galego, que logrou un importante apoio social. ADEGA tense mobilizado en numerosas ocasións contra os incendios forestais e a eucaliptización masiva, pola defensa dos bosques autóctonos, pola minimización do impacto ambiental das concentracións parcelarias (unha das principais causas de destrucción de árbores autóctonas),... Está entre as entidades promotoras do Comite de Defensa do Monte Galego.

eucaliptizacion.jpg
A eucaliptización é un grave problema ambiental que debe ser combatido mediante un adecuado ordenamento forestal e un correcto manexo das plantacións.
lumes.jpg
Os incendios forestais arrasan os montes, causando múltiples danos anbientais entre os que salienta a erosión do solo. Cada ano prodúcense uns 10.000 incendios no noso país
montes1.gif
Comprando produtos coa etiqueta do FSC axudamos a promover unha xestión forestal sostíbel
Filtrar por título     Amosar # 
# Título do Artigo Accesos
1 Certificación Forestal críbel? Non sempre 6028
2 Galicia en chamas: Moito fume e poucas solucións 6599
3 Podemos vencer o lume 6726
4 A Sociedade Civil e a certificación forestal 4808
 


ADEGA