Adega
INICIO Áreas temáticas Litoral Pola Defensa das Rías: Analise da situación e propostas de actuación
Pola Defensa das Rías: Analise da situación e propostas de actuación PDF Imprimir Correo-e
Envia Pola Defensa das Rías: Analise da situación e propostas de actuación a FaceBookEnvia Pola Defensa das Rías: Analise da situación e propostas de actuación a Twitter
Documento promovido pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), a Coordenadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños (CEMMA), a Federación Ecoloxista Galega (FEG) e as Plataformas pola Defensa das Rías de Ares-Betanzos, Arousa, Ferrol, Ribadeo e Vigo.

I. A IMPORTANCIA NATURAL E SOCIO-ECONÓMICA DAS RÍAS GALEGAS

I.1. Valores Naturais

A liña de costa abrangue en Galicia uns 1720 quilómetros, máis do 30% de toda a costa da península Ibérica. Conta con acantilados de até 600 m de altura, na Serra da Capelada, os maiores da Península; rasas mariñas e numerosas illas e illotes. Arredor dun 35% do litoral, uns 600 km, son de praias e outros areais., incluindo as áreas dunares. Un rosario de lagoas ornan o litoral galego, algunhas totalmente illadas do mar e outras comunicadas por unha pequena canle.

No litoral galego combínanse e coexisten meios de elevada produtividade (rias, lagoas...) con outros meios de condicións dificeis e extremas para a vida (areais, acantilados...). Isto explica que se trate de zonas onde se dan elevados índicies de biodiversidade (ecosistemas diversificados) xuntamente coa presenza de numerosas espécies endémicas, que se adaptaron ás condicións especiais dalgunhas destas áreas.

Protexer e conservar uns e outros meios é requisito necesario para conservar a biodiversidade no seu conxunto e preservar os recursos naturais que son base dunha importantísima actividade económica, garantindo a sua renovabilidade. Desde este ponto de vista, sobresaen as rias como elementos básicos dos ecosistemas litorais e de competitividade económica do litoral.

As rias galegas son contornos mariños semipechados complexos, pois no seu conxunto agrupan unha área considerábel de auga mariña sometida a procesos de afloramento costeiro e complementada coa aportación dos rios. Esta combinación de elementos físicos, oceanográficos e biolóxicos configuran as rías galegas como espazos naturais únicos no mundo e explican a sua elevadísima productividade primaria e a sua riqueza ecolóxica.

As características de singularidade e elevada biodiversidade das rias galegas dentro da rexión bioxeográfica atlántica, podémola e resumir en :

a) Considerábel volume de auga mariña, en rexime de semi confinamento, sometida a procesos de afloramento mariño interno, derivado da súa condición de cuncas fluviais afundidas e de considerábel profundidade.

b) Complementariedade de numerosas zonas estuáricas internas, con elevada presenza de praias, humidais, lagoas e zonas dunares.

c) Existencia de numerosas illas e barras interiores.

d) Ampla diversidade paisaxística.

e) Existencia de diversos hábitats submariños.

f) Alta riqueza ornitolóxica, ao estaren as rias situadas na via de voo do Atlántico Oriental de aves migratorias.

G) Zona de importancia para cetáceos mariños

h) Zona de cría de moluscos, peixes e crustáceos.

 

Zonas oficialmente protexidas ou en trámite de declaración

Expoñente de todo isto é a existéncia de zonas oficialmente protexidas e outros hábitats con flora e fauna de especial interese. Os espacios de interese natural oficialmente recoñecidos son os seguintes:

  • PARQUES NATURAIS: Illas Cies, por un lado, e Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixan, por outro.
  • ZONAS ZEPA (Zonas de Especial Protección das Aves): Ria de Ribadeo, Ria de Ortigueira e Ladrido, Lagoa de Valdoviño, Complexo Intermareal Úmia-Ogrove, Illas Cies.
  • ZONAS RAMSAR (Convenio internacional para a protección das zonas húmidas): Ria de Ribadeo, Ria de Ortigueira, Lagoa de Valdoviño, Lagoa de Doniños, Complexo Húmido de Corrubedo e Complexo Intermareal Úmia-Ogrove.
  • PARQUES NACIONAIS: está proposta a declaración dalgunhas das Illas Atlánticas como Parque Nacional, que englobaria as Illas Cies, Ons e Onza. Nestas illas combínase o seu carácter predominantemente atlántico cunha notábel influéncia mediterránea, o que explica a presenza de determinadas espécies de grande interese. Nos sistemas costeiros, e sobretodo nos complexos praia-duna, é onde se acha o maior número de plantas raras e ameazadas de Galiza. En concreto, estas illas engloban 19 espécies do pouco mais de 100 que van ser recollidas no libro vermello da flora galega. Estas illas contan tamén con comunidades e asociacións vexetais de grande interese. Ecoloxistas e científicos teñen reclamado a inclusión no Parque doutras illas e algunhas áreas costeiras continentais.
  • REDE NATURA 2000. A proposta galega de espazos a incluir na rede Natura 2000 (Xunta de Galicia, abril de 2000) inclue un total de 53 lugares de interese comunitario, dos que 21 están situados no litoral, maiormente nas rias. Os lugares son os seguintes:

 

Baixo Miño

Betanzos-Mandeo

Cabo Udra, no Morrazo

Carnota e Monte Pindo

As Catedrais

Complexo Húmido de Corrubedo

Complexo de Ons-O Grove

Costa Artabra

Costa da Morte

Costa da Vela

Costa de Dexo

Enseada de San Simón

Estaca de Bare

Esteiro do Tambre

Illas Cies

Illas Estelas

Monte e Lagoa de Louro

Ria de Ortigueira – Mera

A Ramallosa

Ria de Foz-Masma

Rio Eo



Por outro lado, as cinco zonas ZEPA, todas elas situadas no litoral, tamén pasarán a formar parte da rede Natura 2000.

 

Valoración da situación de protección

Sen embargo, a pesar de que o litoral acolle o 40% do número de lugares de interese comunitario, a porcentaxe da superfície total vese reducida até o 10%, de tal forma que a maioria son espazos de mui reducido tamaño. Por outra banda, sendo esta a proposta inicial, non se sabe aínda cales van ser os espazos incluidos definitivamente na Rede Natura 2000, e tampouco se sabe que vai pasar con uns e con outros: nen sequer as medidas de conservación da Rede Natura están definidas nen conta con meios asignados.

A isto temos que engadir que nengún dos espazos protexidos por unha ou outra figura abrangue unha ria completa, nen contemplan a conservación dos valores de renovabilidade e produtividade destas. As rias, en xeral, áchanse carentes de toda normativa de protección e planificación, tendo hoxe o mesmo tratamento que o mar aberto.

Aliás, a política de protección de espazos singulares tense mostrado insuficiente mesmo para garantir a conservación dos valores interiores a eses espazos. Así, os expertos falan de fracaso do comcepto clásico de conservación, aquel baseado na declaración de parques naturais e outras figuras de protección, para considerar necesaria unha política mais global que integre no seu conxunto o territorio e as actividades económicas.

En todo caso, os valores naturais e produtivos das rias dependen non só do que se fai no seo das mesmas, senon dun contorno mais amplo, que inclue o litoral, os rios e mesmo a alta mar.

 

I.2. Valor socio-económico das rías galegas

A produtividade, a complexidade e diversidade xeográfica e a climatoloxía teñen permitido desenvolver toda unha serie de actividades económicas dependentes da calidade ambiental e natural das rías, mostrando claramente o seu elevadísimo valor socioeconómico, a pesar de que moitas destas actividades se teñen desenvolto por propia iniciativa das xentes da súa beiramar, sen o apoio da Administración e incluso cunha política abertamente favorábel ao mantemento da situación de subdesenvolvimento das rias.

Dentro destas actividades podemos mencionar a relevancia das seguintes:

A) O Complexo MAR-INDUSTRIA.

De acordo co Plano de Desenvolvemento de Galicia (PEDEGA), o valor engadido do Complexo Mar-Industria acadou en 1994 un valor de 120.033 millóns de pts (o 3,24% de todo o VEB de Galicia) e dá emprego a 52.000 galegos e galegas (o 5,53% do emprego total).

B) O Complexo TURÍSTICO

Segundo a mesma fonte, representaba en 1994 un VEB de 181.440 millóns de pts e 4.000 empregos directos.

C) O Complexo NATURAL

Téñense cifrado en 135.000 os empregos directamente relacionados co meio ambiente no Estado Español e nas súas diversas facetas de investigación, xestión e eliminación de resíduos e recuperación. As prespectivas para o ano 2.002 estimábanse en 85.000 novos postos de traballo relacionados con este sector. Noutros paises comunitarios onde estan implantadas e funcionando as directivas comunitarias, o peso deste sector ten medrado moito no conxunto do emprego. Asi en Alemaña, un 2.32% dos empregos teñen que ver co medio ambiente.

É de destacar que, nestes últimos anos, foi notábel o incremento de moitas das actividades máis relevantes:

- A acuicultura do mexillón pasou de facturar 10.000 millóns de pts en 1990 a un pouco máis de 18.000 millóns en 1999.

- O marisqueo ten duplicado o seu valor estes 5 últimos anos, atinxindo unha producción valorada en primeira venda en 7.000 millóns de pts.

- O cultivo de rodaballo ten achegado o seu valor aos 3.200 millóns de pts anuais e segue crescendo e estanse dando os primeiros pasos firmes no desenvolvimento do cultivo de cefalópodos (polbo), doutras especies de peixes e de crustáceos.

- As industrias transformadoras e comercializadoras mariñas están nun proceso ascendente constante.

- O complexo turístico representa na actualidade valores moi próximos ao 10% do PIB galego e é nas rías galegas onde se está a experimentar un maior crecemento e diversificación en numerosas actividades de lecer, de natureza, turismo náutico, mergullo e pesca deportiva, etc...

Non todo este crecemento foi positivo para o meio ambiente nen para o desenvolvimento sustentábel, pois en moitos casos estas actividades téñense implantado sen suficiente planificación e racionalidade, pero son moi indicativas do importante valor socio-económico das nosas rias e litoral.

Asi mesmo, moitas destas actividades económicas e outras que se poderian desenvolver, supoñen un alto nivel de reparto social da riqueza global que xeran, destacando o seu poder xerador de emprego e demostrando que representan un sostén básico para os sectores comerciais, de servizos e construcción locais. Esta característica social reflíctese cunha maior importancia na maioria das vilas e cidades de tamaño medio da nosa beiramar. O Informe FEUGA-1999, sobre a Ordenación Integral do Espacio Marítimo-Terrestre de Galicia, resalta nas suas conclusións o seguinte:

O emprego medio vinculado ao complexo pesqueiro na zona do estudo (os concellos costeiros), sitúase arredor do 20% do emprego total. Esta porcentaxe sobrepasa o 50% na zona da Ría de Arousa debido á especial proliferación de bateas e do marisqueo.

O valor engadido medio do complexo pesqueiro na Galicia costeira sitúase arredor do 15 % do valor engadido total de dito espacio costeiro. En determinadas zonas como as da Ría de Arousa, Ría de Camariñas, Mariña Lucense e Estaca de Bares, a porcentaxe é muito máis elevada, superior ao 20%, e nalgúns casos superior ao 30% (Ría de Arousa).”

Todas estas consideración adquiren unha maior relevancia se temos en conta as prespectivas de futuro destes sectores. O seu potencial de crescemento vén determinado polos seguintes factores:

A) O incremento da demanda dos produtos pesqueiro-marisqueiros, de turismo de calidade e de servizos da natureza.

B) A elevada calidade dos produtos que nestes segmentos ofrecen as rias e a necesidade dun incremento na conservación e mellora ambiental como pilar básico desa calidade e competitividade. A disponibilidade de miles de quilómetros de litoral e centos de millóns de metros cadrados para acuicultura, turismo e actividades de natureza, conforman a magnitude económica que as rias e o litoral poden xogar na economia galega, e indícanos a imperiosa necesidade de conservarmos os recursos naturais e a calidade do medio para garantirmos o desenvolvimento sustentábel e o futuro das xeracións immediatas.

C) A disponibilidade de coñecementos técnicos, persoal cualificado e rede comercial suficiente e de calidade nos que apoiar este desenvolvimento sustentábel.

{mospagebreak title=Evolución e deterioración do meio natural nas rías galegas}

II. EVOLUCIÓN E DETERIORACIÓN DO MEIO NATURAL NAS RIAS GALEGAS

Se ben todos os elementos naturais do litoral reflicten a deterioración causada polas diferentes actividades humanas, as rias e o seu litoral imediato son o exponente máximo desta deterioración, xa que, ao seren o soporte da maioria das actividades e instalacións, son obxecto de extensos e continuados recheos, e actuan como sumidoiros de diferentes resíduos.

Constatamos unha deterioración continuada, agravada polo incremento da actividade económica nas rias e no seu contorno, a aparición de novas actividades e contaminantes, ou a intensificación dalgunhas delas altamente impactantes.

A razón desta deterioración está na non valoración dos recursos naturais, a falla de planificación territorial, o modelo de industrialización aplicado e a falla de apoio ás actividades de desenvolvemento sustentábel.

Os diversos planos globais da Xunta (PORPMG, PEDEGA...) non só constatan esta deterioración e a sua intensidade, senón que tamén poñen de manifesto a continuación do modelo socio-ecnómico que o causa, polo que cabe prever unha agravación da deterioración ambiental no litoral se non se toman as medidas económicas, sociais e ambientais que a palien.

Hoxe, esta deterioración só se vé contrarestada polo medre da conciéncia cidadá en xeral, a actividade dos grupos en defensa da natureza e a propia capacidade rexeneradora das rías.

 

II. 1. As principais agresións na actualidade

A deterioración ambiental nótase especialmente na calidade das augas mariñas e no meio mariño das rias en xeral, onde ten chegado a traducirse en perdas de produtividade ou en proibicións pola perda da calidade sanitaria do meio e dos produtos. Sen embargo, a orixe dos impactos non está só nas rias e no seu contorno mais imediato, senón que comprende un ámbito maior, inluindo todo o litoral, os rios e mesmo a alta mar.

Nos rios, as ducias de encoros construidos e outros en construcción ou previstos modifican o rexime de circulación das augas e das espécies, afectando non só ao ecosistema fluvial senon tamén aos ecosistemas litorais. Os vertidos que se realizan aos rios constituen unha das principais aportacións de contaminantes ás rias. A ocupación das marxes fluviais, as canalizacións, a prática dunha agricultura química, os incendios forestais... contribuen a aumentar a erosión do solo e a contaminación das augas, deteriorando o ecosistema fluvial e finalmente o das rias.

No litoral das rias, a ocupación urbana, industrial, portuaria, turística e por infrastructuras realizouse sen unha planificación racional e respetuosa cos hábitats e ciclos naturais. Os recheos claramente abusivos levaron á perda de centos de hectáreas en diferentes rias, contabilizando en total unhas 5000 ha (50 millóns de metros cadrados) de medio mariño perdido de forma irreversíbel. Noutros casos, zonas litorais e os fondos das rias están fortemente contaminados por resíduos químicos (metais pesados, compostos orgánicos tóxicos e persistentes...) responsabilidade de indústrias xa pechadas ou ainda en funcionamento, constituindo ademáis unha ameaza para a saude das persoas.

Nas augas mariñas, os vertidos residuais con contaminantes físicos, químicos e microbiolóxicos teñen causado unha degradación mui evidente en diferentes rias. As mareas fitoplantónicas tóxicas teñen orixen, en parte, nesta contaminación, asi como o incremento de Zonas C (zonas con contaminación bacteriolóxica) onde está proibido o marisqueo.

Nos fondos mariños constatamos a aceleración dos procesos de sedimentación de finos e enlodamento, no interior da rias, resultado dos procesos de encoramento dos rios, da acumulación de residuos urbanos e industriais, e mesmo dos cultivos mariños.

Os vertidos ocasionados por accidentes en embarcacións, fundamentalmente petroleiros e barcos que transportan combustíbeis (mareas negras), produtos químicos ou resíduos perigosos, que poden ter lugar en alta mar ou mesmo nos portos e no interior das rias, constituen causas recorrentes de contaminación. A estes accidentes veñen sumarse práticas irrespeitosas, como o lavado de sentinas e outros vertidos rutinarios. A aparición nas rias e nas praias de manchas de hidrocarburos, chapapote, contedores de produtos e resíduos perigosos ten maiormente esta orixen.

 

II.2. Actividades compatíbeis e incompatíbeis co desenvovimento sustentábel

Esta deterioración non atinxe só ao meio físico e aos ecosistemas, senón que xa afecta á calidade e renovabilidade dos recursos mariños, turísticos e outros recursos ambientais produtivos.

Estes sectores básicos na economia das rias tamén contribuen á deterioración, por causa da non racionalización, optimización e desenvolvemento das poboacións naturais comerciais, o escaso desenvolvemento da acuicultura e a súa integración nos ciclos productivos naturais, e a falla de desenvolvemento e planificación turística de natureza e calidade, integrada no ambiente. Sen embargo, consideramos que unha planificación axeitada, baseada no coñecimento dos ecosistemas e dos procesos produtivos e nas suas interrelacións, xuntamente co necesario control e a concienciación da poboación, han permitir o desenvolvimento sustentábel destas economias.

Por outra banda, son dous tipos de actividades ou infraestructuras as que causan unha deterioración irreversíbel das rias como ecosistemas e como meio para a renovación de recursos naturais produtivos. Trátase daquelas infraestructuras que poden modificar a dinámica própria das rias (encoros, recheos, peiraos, canles...), e daquelas actividades que emiten ao meio contaminantes tóxicos e persistentes (metais pesados, hidrocarburos, organoclorados, etc) ou que poden dar lugar a accidentes catastróficos. O tráfico e almacenamento de combustíbeis, o procesado de petróleo, as celulosas e a indústria química en xeral son algunhas destas actividades.

{mospagebreak title=Aspectos globais que debera comprender unha Lei da Defensa das Rías Galegas}

III. ASPECTOS GLOBAIS QUE DEBERÁ COMPRENDER UNHA LEI DA DEFENSA DAS RIAS GALEGAS.

A lei de defensa das rias deberia incluir alomenos os seguintes aspectos:

- Princípios rectores. Obxectivos.

- Zonas comprendidas na lei.

- Defensa e mellora dos valores naturais e biodiversidade. Definicións e alcance.

- Apoio ao desenvolvimento sustentábel.

- Prevención da contaminación.

- Información e participación cidadá.

 

1. Princípios rectores. Obxectivos

O fundamento da lei debe ser a necesidade de planificación do desenvolvimento territorial, industrial e de infraestructuras baseándose no concepto de prevención dos impactos ambientais e na recuperación e conservación do meio natural. A lei deberá fomentar o coñecimento dos ecosistemas e dos procesos naturais e produtivos, asi como as suas repercusións no meio, compatibilidades e incompatibilidades, e garantir a participación cidadá.

Os obxectivos son a conservación dos ecosistemas, o uso sustentábel dos recursos naturais e a preservación da saude e calidade de vida cidadá.

2. Zonas comprendidas na lei

Rias. Arco Cantábrico: Rias de Ribadeo, Foz, Viveiro, O Barqueiro e Ortigueira. Arco Ártabro: Cedeira, Ferrol, Ares, Betanzos e A Coruña. Arco fisterrán: Corme e Laxe, Camariñas e Muxia. Arco Rías Baixas: Muros-Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo.

Esteiros e Humidais costeiros


3. Defensa e mellora dos valores naturais e biodiversidade. Definicións e alcance

  1. Elementos a conservar e mellorar: Auga mariña, Rios, Litoral mariño, Fondos mariños, Flora e Fauna, Ciclos Naturais, Paisaxe.
  2. Calidade mínima da auga mariña das rias e cargas contaminantes máximas admisíbeis, incluindo a sua distribución espacial e temporal.
  3. Relación actual das zonas protexidas oficialmente
  4. Actuación nas Zonas Protexidas (Rede Natura, ZEPAs, Zonas Ramsar, Parques Naturais,..):
  5. - Ampliación, Conexión e Diversificación da Rede Natura: Novas Zonas (Cortegada, Malveiras,...).
  6. - Reservas mariñas (Rua.. ) e outras figuras de protección de zonas non incluidas na rede Natura 2000.
  7. - Planos de xestión, conservación e mellora efectiva con medios humanos, materiais e financeiros.
  8. Actuación nas zonas non protexidas: Política de planificación urbanística e de infraestructuras. Integración do medio natural
  9. Conexión zonas protexidas e non protexidas. Unha política global
  10. Estudos, Investigación e Divulgación. Concepción global dos problemas
  11. Educación e Concienciación Pública

 

4. Apoio ao desenvolvemento sustentábel

a) A necesidade de compatibilización entre desenvolvimento socio-económico e conservación medio natural. Esta necesidade xustifícase hoxe en base ás declaracións de Desenvolvimento Sustentábel: Declaración do Rio de Janeiro, Programas ambientais da Unión Europea, Declaracións do Estado español e da Xunta Galicia.

b) As actividades socio-económicas nas rias compatíbeis cun desenvolvimento sustentábel.

Estas actividades han satisfacer os seguintes criterios xerais:

  • Utilización renovábel dos recursos naturais.
  • Xeración mínima de resíduos e impactos.
  • Optimización da creación de postos de traballo e reparto da riqueza.
  • Interacción positiva co meio natural.
  • A lei deberá establecer unha relación de actividades compatíbeis:
  • Pesca, marisqueo e acuicultura mariña
  • Pesca deportiva , deportes náuticos e mergullo deportivo.
  • Turismo de calidade, de natureza e divulgativo.
  • Actividades de ecoloxía e natureza.
  • Actividades industriais de transformación e comercialización dos productos mariños.
  • Actividades comerciais de transporte marítimo e turístico.

c) Planos de desenvolvimento sustentábel destas actividades.

 

5. Prevención da contaminación e os impactos negativos no medio natural das rias e o seu contorno

a) Prohibición de actividades perigosas no interior das zonas protexidas (será necesario establecer un listado de actividades prohibidas, como xa facía o borrador da Lei de Defensa da ría de Pontevedra):
- Tráfego e almacenamento de hidrocarburos
- Celulosas
- Indústria química
b) Delimitación e planificación da ocupación de espazos físico naturais:

- Litoral de rios e rias

- Humidais, zonas estuáricas

- Política a desenvolver en matéria de encoros, recheos, paseos marítimos, peiraos...

c) Depuración adecuada e control dos vertidos de resíduos nocivos na auga mariña

- Augas residuais urbanas.

- Vertidos industriais.

- Resíduos agrícolas.

- Resíduos da acuicultura e actividades pesqueiro-marisqueiras.

Será necesario que inclua:

- Listado de valores máximos de caudais e contaminantes de cada tipo de vertido.

- Programas de coñecimento e seguimento e desaparición de determinados problemas agrícolas, acuícolas...

d) Reestablecimento ou recuperación das dinámicas naturais.

- Encoros nos ríos

- Explotación comercial de poboacións naturais. Por un desenvolvimento das comunidades mariñeiras e mariscadoras e o reestablecimento da produtividade pesqueira e marisqueira nas rias.

- Integración das actividades de desenvolvemento sustentábel.

e) Solución das alteracións nocivas colaterais, tais como:

- Mareas fitoplantónicas tóxicas.

- Aceleración dos procesos de sedimentación de finos e enlodamento nas zonas estuáricas e interior das rias.

- Importación de patoloxias e especies alóctonas.

- Diminución das zonas aptas para cultivos mariños (Incremento Zonas C).

- Perda da calidade augas de baño.

Para isto será necesario que inclua:

- Programas de coñecemento das causas reais do problema

- Solucións realistas con medios para subsanalo

 

6. Información e participación cidadá

As medidas a tomar serán as seguintes:

- Efectivización do dereito á información ambiental, mediante a aplicación rigorosa da normativa e a rectificación daquela mal transposta ou inoperativa.

- Creación de organismos de control e seguimento da Lei e dos Planos de actuación derivados, nas diversas rias, con participación de Administración autonómica, Concellos, sectores de desenvolvemento sustentábel e organizacións socioeconómicas e ecoloxistas, con meios e capacidade de decisión.

- Vontade política de efectivización.

 


Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA