Adega
INICIO Áreas temáticas Litoral A Lei de Protección da Calidade da Auga das Rías
A Lei de Protección da Calidade da Auga das Rías PDF Imprimir Correo-e
Envia A Lei de Protección da Calidade da Auga das Rías a FaceBookEnvia A Lei de Protección da Calidade da Auga das Rías a Twitter

O tópico de que os galegos e galegas non valoramos dabondo as riquezas que posuimos, ou o que se di de que se as rias galegas foran francesas, entón Galiza seria a primeira potencia en acuicultura e turismo verde, reflicten un sentimento xeralizado de que estamos infrautilizando e degradando o noso litoral e, ao tempo, son indicativos de que a sociedade demanda por freo ao caos imperante nas nosas rias, especialmente á contaminación causada por algunhas industrias que se din abandeiradas do progreso.

Todo isto foi posto de manifesto no Foro Aberto para un Futuro Natural e Productivo das Rias Galegas, celebrado en Vilagarcia de Arousa o pasado mes de marzo e que reuniu a mais de tres centas persoas dos mais diversos sectores, desde as universidades até os sectores produtivos ligados ás rias. As xornadas foron organizadas por diferentes Asociacións ecoloxistas (ADEGA, FEG, CEMMA) e as Plataformas e Asociacións para defensa das Rias de Ares-Betanzos, Arousa, Ferrol, Pontevedra, Ribadeo e Vigo, contando coa colaboración do Acquariumgalicia e dos Concellos de A Illa de Arousa, Fene, Ferrol, Narón, Poio, Pontevedra, Rianxo, O Grove e Cambados.

O foro tamén analisou o contido do proxecto da futura "Lei de protección da calidade das augas das rias e ordenación do servicio público de depuración de augas residuais urbanas" que nestes dias se debate no Parlamento de Galiza, nun momento no que a Comisión Europea aproba unha Resolución sobre a Xestión Integrada do Litoral (febreiro do 2001) e comeza a entrada en vigo na nova Directiva Marco para as Politicas Europeas da Auga. Considera o Foro que ainda estamos a tempo de acordar un desenvolvimento sustentábel para o noso litoral, algo que requere vontade política para atallar a sua deterioración.

CRÍTICAS AO PROXECTO DE LEI DAS RIAS

Os responsábeis do Foro afirman que para disfrutar dun medio ambiente de calidade non podemos deixar as nosas rias á sorte da iniciativa económica do mercado. Non podemos permitir que un reino de taifas administrativo consinta que as chamadas "Autoridades Portuarias" hipotequen o futuro dunha ria con actividades como a Terminal de Hidrocarburos do Ferrazo (Arousa), un porto exterior sen unha rigurosa avaliación de impacto ambiental (Ferrol), ou un recheo con lodos contaminados sen previa analise (Oza, A Coruña); non podemos permitir o recheo de centos de miles de metros cadrados no interior da ria de Ferrol para a instalación de indústrias químicas sen previa avaliación dos riscos, nen a continuación dos vertidos tóxicos de Ence-Elnosa en Pontevedra, ou o vertido da maior parte dos efluentes urbanos (domésticos e industriais) sen depurar.

A operatividade da nova lei é cuestionada polas diferentes organizacións que compoñen o Foro, e poñen como exemplo dunha actitude pouco responsábel fronte aos problemas ambientais o feito de que a Lei 1/1995 de Protección Ambiental de Galiza continua hoxe sen sen estrenar, ao non se teren desenvolvido a maioria dos regulamentos aos que a lei fai referéncia.

O proxecto inclue unha segunda parte de "ordenación do servicio público de depuración de augas residuais urbanas", que deberia ser abordado nunha lei separada, no lugar de mesturar nunha duas leis que pouco teñen que ver entre si. En todo caso, é salientábel que este engadido non aborda o problema real de depuración, como é a inexisténcia de depuradoras no caso dos principais vertidos ás rias, e non resolve o actual incumprimento da Directiva 91/271/CEE sobre a depuración de augas residuais urbanas. Asimesmo, o proxecto falla no diagnóstico do problema da depuración destes vertidos, xa que o achaca á incapacidade municipal para xestionar as depuradoras, cando o verdadeiro problema está na non sustentabilidade económica e ambiental das depuradoras construidas (elevado consumo eléctrico...), que hoxe son deseñadas e financiadas pola Xunta de Galicia a través do ente Augas de Galicia. O contido da lei non inclue obxectivos de sustentabildiade no tipo e localización das depuradoras.

Unha lei que resposta a critérios xa caducos

No referido ás rias, a lei carece dun enfoque integral para a ordenación e xestión do litoral, nun momento no que xa se consideran fracasadas aquelas políticas dos anos setenta e oitenta baseadas na fixación de parámetros de calidade do meio. Neste sentido, a Comisión Europea aprobou o pasado frebeiro unha Resolución sobre a Ordenación Integral do Litoral para enfrontar os problemas de degradación medioambiental, na que recomenda a elaboración de estratéxias rexionais de xestión integral do litoral. Todos os elementos requeridos nesta Resolución (ver o artigo de Cristina Álvarez) están ausentes no proxecto de lei. Esta apresenta-se pois como unha lei que resposta a critérios xa caducos, e cubre só a novena parte dos problemas das rias.

O proxecto de lei carece do imprescindíbel enfoque preventivo, xa que responden a chamada política de final de tuberia, de fixación de concentracións nos vertidos e no meio receptor, na que a lexislación ou o dereito chegan ao final do proceso contaminante cando, probabelmente, o dano xa está feito, ou cando para reparalo fan falla custosas inversións ou a posta en marcha de depuradoras ou tecnoloxias que en moitos casos non existen. Non fai uso do concepto de incompatibilidades, que significa que as indústrias mais contaminantes ou as actividades mais lesivas non se instalen nas zonas litorais, tal como prevé a Directiva Marco de Augas, aprobada o pasado ano.

Falla tamén o enfoque integral territorial, desde o ponto de vista dos vertidos e da contaminación, ao non incluir os rios e as bacias hidrográficas que verten nas rias, e iso cando é sabido que unha parte importante da contaminación que chega ás rias procede das indústrias ubicadas terra dentro nas marxes dos rios. Ignoran-se igualmente os susbtratos das rias, que son aportados polos rios, e que constituen un dos principais factores de calidade productiva para o sector da acuicultura.

INEXISTÉNCIA DE DIÁLOGO SOCIAL

Non houbo diálogo coa sociedade previo á elaboración deste proxecto de lei, nen cos sectores produtivos nen coas organizacións de protección do meio ambiente, e presentou-se no Parlamento sen pasar polo Consello Galego do Meio Ambiente. Tampouco conta con mecanismos que garantan o cumprimento da lei nos seus escasos obxectivos de controle, xa que non crea instrumentos que permitan a fiscalización de dito cumprimento pola cidadania, nen facilita o aceso a información ambiental ao non crear os necesários inventários de vertidos e contaminantes.

En definitiva, subxace no proxecto de lei unha política ambiental hipotecada aos intereses económicos dunhas poucas grandes empresas. Con esta lei a calidade ambiental das rias vai seguir degradando-se progresivamente, e todas aquelas rias ainda ben conservadas poden acabar como a de Pontevedra ou a do Burgo (A Coruña). Cando prenda a alarma alimentária sobre os nosos productos acuícolas, serán os miles de famílias que viven do mar quen sufra as consecuéncias e as limitacións que se irán derivando da falta de prevención.


Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA