Adega
INICIO Áreas temáticas Enerxía ADEGA pide regulamentar o desenvolvemento dos parques solares industriais
ADEGA pide regulamentar o desenvolvemento dos parques solares industriais PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA pide regulamentar o desenvolvemento dos parques solares industriais a FaceBookEnvia ADEGA pide regulamentar o desenvolvemento dos parques solares industriais a Twitter
hortasolar.jpgPARA NON COMETER OS MESMOS ERROS QUE COA ENERXÍA EÓLICA. Compostela, 20 de Nadal de 2007. Os recentes anuncios encol da construcción de duas “hortas solares” industriais por parte de investidores chineses e galegos, abre a veda do aproveitamento industrial da enerxía solar. ADEGA apoia o desenvolvemento das enerxías renovábeis, mais non a calquera prezo. A experiencia que no noso país temos coa enerxía eólica e o seu caótico desenvolvemento, é un exemplo de como unha tecnoloxía “limpa” remata causando graves impactos ambientais e importantes perxuízos á cidadanía.

  O anterior Plano Eólico enaxenou de facto o millor do nosos recursos eólicos ás empresas do sector, pasando por riba dos intereses dos propietarios, comunidades de montes e concellos e desprezando a conservación dos valores naturais, mesmo nos espazos protexidos. Afortunadamente, o novo Decreto Eólico do 13 de decembro ven a subsanar algunha destas eivas, establecendo por exemplo zonas de exclusión -(artigo 26.2) “quedan excluídos da implantación de parques eólicos aqueles espazos declarados como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais”- ou a participación pública nos proxectos, o que anque tarde, fai xustiza cos hábitats da Rede Natura e cos habitantes deses espazos.
  Por iso, resulta máis perentorio regulamentar o desenvolvemento da enerxía solar a nível industrial, para garantir unha planificación sustentábel que respecte a diversidade natural e asegure o beneficio e a participación das comunidades locais. Neste senso, os anuncios de megaparques solares en Galiza que investidores estranxeiros e galegos teñen feito nas últimas semanas, e o apoio institucional recibido, preocupan a ADEGA pola falta de planificación e posíbeis repercusións.
chimeneasolar.jpg  O proxecto da multinacional chinesa Chint ven da man de declaracións como que "non hai límite aos investimentos" ou "podemos facer o que queiramos", e foi merecente do "máximo apoio" por parte da Xunta sen coñecer como, en que lugar e que impactos pode causar esta instalación. O outro proxecto recentemente anunciado é a “horta solar” de Seteventos, no Saviñao, de 103 hectáreas. Esta iniciativa de varios promotores galegos pretende producir 44 Mw/ano para reinvestir os beneficios nunha urbanización de 230 chalés para os seus socios!! (a ubicación desta urbanización permanece en segredo), iso sí, financiando tamén o Complexo Asistencial "Terra de Lemos". Ao parecer este proxecto conta xa cun compromiso de financiamento do 10% por parte da Consellería de Industria.
  Se xa é preocupante que se pretenda financiar o ladrillo con kilowatios solares, cómpre lembrar que esta enerxía está fortemente subvencionada... por todos/as nós. Non sería asumíbel que os cartos públicos serviran para financiar iniciativas urbanísticas privadas, por moito que se tenten disfrazar con actividades filantrópicas como complexos asistenciais e outros.
  ADEGA reclama da Xunta de Galiza que o desenvolvemento da enerxía solar fotovoltaica resposte a unha planificación sustentábel que teña en conta criterios ambientais a atenda aos intereses dos habitantes das cominidades rurais, antes que ao beneficio empresarial. Non podemos permitirnos o luxo de desbaldir os recursos naturais do medio rural para convertelo nun ceminterio solar, como aconteceu coa enerxía eólica.
  Finalmente, e fronte ao produtivismo a ultranza, ADEGA é partidaria do aumento da participación das renovábeis na producción eléctrica no marco dunha política enerxética sustentábel e equitativa que priorice o aforro, a suficiencia e a eficiencia enerxéticas. Tamén, as enerxías limpas entanto que alternativas, deberían substituir a aqueloutras fontes que consumen recursos finitos e son máis contaminantes e buscar o máximo beneficio para a cidadanía.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA