Adega
INICIO Áreas temáticas Biodiversidade
Biodiversidade
Galiza atópase nunha posición moi afastada do centro do continente euroasiático polo que a penas chegan aquí moitas especies frecuentes noutros territorios. Bo exemplo desto é que as montañas do oriente de Lugo son o límite de distribución suroccidental no continente de moitas especies. Por outra banda, en Galiza conflúen dúas rexións bioxeográficas que aportan distintos elementos, a Eurosiberiana (característica da Europa atlántica e continental) e a Mediterránea (típica do entorno da bacía do Mediterráneo), o que aumenta a riqueza de especies da nosa terra.

O particular sistema de asentamento humano en Galiza (disperso por todo o territorio) e a recente febre especuladora co monte (cultivos masivos de eucaliptos e piñeiros, grandes infraestructuras, apertura indiscriminada de pistas, incendios, parques eólicos e un longo etcétera) empobrecen significativamente a cantidade de especies que podemos atopar, o que nos indica un grao de conservación da biodiversidade realmente crítico.

Pódese afirmar con todo o rigor que este é o peor intre para o medio natural galego de toda a historia recente. Enfrontámonos a un tempo no que as estructuras productivas e sociais rurais veñen de ser desmanteladas sen ofrecer alternativa algunha; en definitiva, un programado abandono que deixa un couto libre a calquera cousa que soe productiva aínda que a productividade sexa mínima, curtopracista, especulativa ou ficticia. Todo eso, loxicamente, coa cumplicidade administrativa cando non promovido e executado directamente.

ADEGA propón a adopción de diversas medidas para protexer o noso patrimonio de biodiversidade, entre as que salientamos as seguintes:

  • Desenvolvemento dunha estratexia para a conservación e o uso sustentábel da diversidade biolóxica que introduza de forma efectiva consideracións tendentes a minimización dos impactos ambientais en todos os sectores da actividade económica con incidencia no ambiente (enerxía, forestal, transporte, turismo,...) e no deseño e aplicación das políticas sectoriais.
  • Establecemento dunha rede completa de espazos naturais de protección especial interconectados por corredores ecolóxicos.
  • Elaboración dun catálogo rigoroso de especies ameazadas de extinción de fauna e flora e desenvolvemento de planos de recuperación para as especies en perigo de extinción.


ADEGA impulsou moitas accións a favor da biodiversidade do noso país, da súa divulgación e da súa defensa. En particular, moitos espazos naturais de especial interese foron obxecto da atención de ADEGA: serra do Xistral, costa ártabra, Cospeito, Baldaio, serra da Lastra, Ancares, o río Miño, as fragas do Eume, etc, etc.

pita_do_monte1.jpg
A extinción da pita do monte é só punta a do iceberg da preocupante situación da biodiversidade no noso país. Paradoxalmente, non se coñece (nin probablemente interesa coñecer) a situación de infindade de especies.
lastra.jpg
Gracias ao labor de ADEGA e doutras organizacións ambientalistas conseguiuse que a Consellería de Medio Ambiente decidise declarar a parte galega da serra da Lastra (Valdeorras-Ourense), un dos espazos naturais máis valiosos de todo o noroeste ibérico, Parque Natural.
Filtrar por título     Amosar # 
# Título do Artigo Accesos
1 A Rede Natura e os Parques de Tecnoloxía Alimentaria 6211
2 Qué é a biodiversidade 8501
3 A Rede Natura 2000 10082
4 Triptico sobre a Rede Natura 2000 7059
 


ADEGA