Regulación do Dereito de Acceso á Información en Materia Ambiental Imprimir
Envia Regulación do Dereito de Acceso á Información en Materia Ambiental a FaceBookEnvia Regulación do Dereito de Acceso á Información en Materia Ambiental a Twitter

A regulamentación do dereito, a lexislación, o procedemento administrativo, etc.

1- Normativa reguladora

A Constitución Española no artigo 105 b) recoñece o dereito de acceso dos cidadáns ós arquivos e rexistros en poder da Administración. Este precepto constitucional tivo o seu desenvolvemento normativo na Lei 30/1992 do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Proceso Administrativo Común (artigos 35 e seguintes). Con esta lei pretendeuse regular, con carácter xeral, o dereito de acceso á información e datos que estean en poder da Administración, en calquera das materias e sectores da actividade administrativa.Trátase dunha Lei bastante restrictiva xa que rodea o exercicio do dereito a moitas condicións, excepcións e trámites que dificultan enormemente a súa efectividade real.

Pese a vixencia do anterior réxime xurídico, en España o dereito de acceso á información en materia de medio ambiente conta cunha regulación específica a través da Lei 38/1995, de 12 de Decembro. Esta Lei foi consecuencia da obrigada transposición ó noso ordeamento xurídico da Directiva comunitaria 90/313/CEE sobre liberdade de acceso á información en materia de medio ambiente.

O tratarse de normativa ambiental, as Comunidades Autónomas (CCAA) poderán dictar normas específicas que desenrolen a Lei 38/1995. Hai que ter presente que soamente os dous primeiros artigos da Lei son considerados lexislación básica, o resto dos preceptos non teñen este carácter e poderán, polo tanto, ser modificados pola lexislación das CCAA. De maneira que, cando solicitemos información ambiental sobre cuestións de competencia autonómica será de aplicación a normativa específica que aprobase cada CCAA, no caso de que non exista, será de aplicación a Lei 38/1995 ( soamente Murcia e o País Vasco teñen lexislación específica sobre esta materia)

Débese ter presente tamén que a Lei 30/1992, a que fixen referencia ó principio; é lexislación supletoria da Lei sobre o acceso á información en materia de medio ambiente. Isto quere dicir que para todo o non regulado na Lei de acceso á información ambiental será de aplicación a Lei 30/1992.

Para completar esta descrición da situación normativa do dereito de acceso á información ambiental, é preciso ter presente dous feitos de gran relevancia que afectarán no futuro á regulación deste dereito.

O primeiro é a entrada en vigor en Outubro do 2001 do Convenio internacional sobre Acceso á información , Participación pública na toma de decisións e Acceso á xustiza en cuestións ambientais, tamén coñecido como Convenio de Aarhus. A pesares de que España aprobou a firma deste convenio aínda está pendente a súa ratificación, de maneira que aínda non é un texto de aplicación directa no noso territorio.

O segundo feito é a aprobación da nova Directiva sobre acceso á información en materia de medio ambiente (Directiva 2003/4/CE) de 28 de Xaneiro do 2003 que derrogará a anterior D. 90/313/CEE. Esta Directiva obriga ós Estados membros a adoptar as disposicións legais, regulamentarias e administrativas necesarias para dar cumprimento o seu contido a máis tardar o 14 de Febreiro do 2005. Antes desta data os Estados membros teñen que traspoñer a Directiva os seus dereitos internos, co que a Lei 38/1995 sufrirá profundos e positivos cambios.


2- Contido do dereito de acceso á información ambiental

A Lei 35/1998 garante o acceso ós datos e a información que sobre o medio ambiente teñan as distintas Administracións. No contido do dereito de acceso á información ambiental cabe distinguir dúas facetas:

a) Por un lado está o subministro da información requirida ou solicitada polos particulares, que é o que se configura como dereito en sentido estricto.

b) E, por outro lado, está a difusión periódica de información xeral sobre o estado do medio ambiente, que se configura como un deber para a Administración Pública. Adicionalmente a Administración ten tamén a obriga de publicar periodicamente a información estatística e por materias sobre as solicitudes de información recibidas e, en xeral, sobre a aplicación da Lei 38/1995.

3- Suxeito activo ¿Quen pode pedir información sobre o medio ambente?

O titular do dereito de acceso á información ambiental é calquera persoa, física ou xurídica, que o solicite. Isto significa que pode pedir información ambiental calquera cidadán, asociación ou organización sen necesidade de acreditar un interese específico e con garantía, en todo caso, da confidencialidade sobre a súa identidade.

A pesar de que isto é o que establece a Directiva comunitaria, a Lei 38/1995 é máis restrictiva neste aspecto e introduce un limite relativo á nacionalidade. O seu artigo 1 dispón que o dereito de acceso a solicitar información sobre o medio ambiente só se lle corresponde a :

· Todas a persoas que sexan nacionais dun dos Estados que integren o Espacio Económico Europeo ou que teñan o seu domicilio nun deles, e a

· Todas as persoas nacionais de calquera Estado que recoñeza este dereito ós españois no seu territorio.


4- Suxeito pasivo ¿Quen está obrigado a responder a unha solicitude?

Están obrigadas a responder a unha socilitude de información ambiental calquera Administración Pública, xa sexa de ámbito nacional, rexional ou local, que teña responsabilidades e posúa información relativa ó medio ambiente. Inclúense tamén as Entidades de Dereito Público con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes de calquera das Administracións, cando exerzan potestades administrativas.

Non se pode solicitar información ambiental a unha Asemblea Lexislativa, ós Parlamentos ou ós órganos xudiciais.

No caso das empresas ou entes privados que xestionan servicios públicos ambientais (Ex: Nostián) hai que dicir que están obrigadas a facilitar información relativa ó medio ambiente que a Administración Pública titular do servicio lle solicite. Isto quere dicir que os cidadáns terán que dirixir as súas solicitudes de información respecto dese servicio non ás empresas xestoras senón á Administración titular do servicio, para que esta recolla a información da empresa e logo nola faciliten.


5- ¿Qué información podemos solicitar?

Segundo se desprende do artigo 2.1 da Lei 38/1995 podemos solicitar información ambiental sobre:

· O estado das augas, aire, solo, fauna, flora, terra e sobre os espacios naturais, incluídas as súas interaccións recíprocas. (Ex: podemos pedir información sobre as emisións á atmosfera de determinados compostos nun lugar concreto, sobre vertidos na auga, producción de ruído, xeración de residuos, consumo de auga potable, volume de tráfico rodado, consumo de enerxía,....)

· As actividades e medidas que afecten ou poidan afectar o estado dos elementos do medio ambiente. (Ex: pedir información sobre a solicitude ou outorgamento de licencias a determinadas actividades, proxectos de construcción de estradas, encoros,...)

· Os plans ou programas de xestión do medio ambiente e de protección do mesmo que se leven a cabo.

Podemos pedir información sobre o medio ambiente contida en calquera soporte material, xa sexan documentos, informes, fotografías, imaxes de satélite, gravacións de audio,...A información pedida será subministrada á persoa solicitante no soporte material que elixa, sempre que a Administración teña dita información no formato escollido.

É posible, porque así o establece a Lei, que nos cobren unha taxa por proporcionarnos a información solicitada. Cada Administración pode establecer un custo diferente, aínda que se entende que debe tratarse dun custo razoable, a imposición dunha taxa non poderá, en ningún caso, supoñer un obstáculo para o exercicio do dereito de libre acceso á información ambiental. As boas prácticas administrativas dispoñen que a simple inspección de documentos é gratuíta, así como a copia dun determinado número de páxinas, o prezo das copias restantes será sempre similar ó que exista nese momento no mercado; o tempo ou traballo empregado pola persoa que resposta a nosa solicitude non se pode cobrar.

6- Límites ó exercicio do dereito de acceso á información ambiental. Causas legais de denegación da información.

Se ben o principio xeral é o do libre acceso á información ambiental é posible que nos deneguen, en determinados casos, a información solicitada sempre que nos expliquen claramente os motivos de tal denegación de información.

A Lei 38/1995 recolle no artigo 3 unha lista taxada de causas de denegación de información, de maneira que se a información requirida afecta a unha das seguintes excepcións, as autoridades competentes poden negarse motivadamente a proporcionala.

As excepcións son:

1- Expedientes que conteñan información sobre as actuacións do Goberno do Estado, das CCAA e das Entidades Locais, no exercicio das súas competencias non suxeitas a dereito administrativo.

2- Información relativa á investigación de delictos, cando a difusión de dita información pode poñer en perigo a protección dos dereitos e liberdades de terceiros ou as investigacións que se estean realizando.

3- Información protexida polo secreto comercial ou industrial e a que afecte a propiedade intelectual.

4- Información que afecte á defensa nacional, á seguridade do Estado, ou ás relacións internacionais.

5- Os asuntos que estivesen suxeitos ou o estén na actualidade a algún procedemento xudicial ou administrativo sancionador, incluídas as dilixencias ou actuacións de carácter preeliminar (esta excepción afecta a todos os expedientes sancionadores rematados ou en trámite que se refiran a algunha infracción en materia ambiental, o que resulta moi criticable).

6- A información que afecte a datos confidenciais ou expedientes persoais.

7- Os datos proporcionados por un terceiro sen que teña a obriga xurídica de facilitalos.

8- Os datos cuxa divulgación poidera prexudicar ó medio ambiente (ex: supoñamos que a Administración descubre unha nova planta ou unha poboación de animais que se tiña por extinguida; o coñecemento polo público de datos como os lugares de ubicación destas especies é posible que poña en perigo a súa supervivencia)

9- Documentos ou datos inconclusos e as comunicacións ou deliberacións internas das Administracións Públicas.

10- As peticións manifestamente abusivas ou as solicitudes formuladas de maneira moi xeral.


A escasa concreción destas excepcións crea un amplo espacio de arbitrariedade para a Administración, que lamentablemente pon en perigo, na práctica, o exercicio efectivo do dereito. De calquera maneira estas excepcións deben ser interpretadas sempre de maneira restrictiva.

Toda denegación de información debe estar debidamente motivada e ademais, deberase facilitar a información ambiental que sexa posible separar da relacionada coas excepcións anteriores. É dicir, se a miña solicitude de información incorre parcialmente nalgunha excepción, deberán proporcionarme a información que non estea protexida polas excepcións sempre que sexa posible separar a parte non protexida da suxeita a algunha excepción.


7- Procedemento: solicitude, prazo de resolución e recursos

A) Solicitude:

A solicitude que presentemos debe conter unha petición concreta da información que queremos coñecer, xa que se é manifestamente abusiva ou formulada de forma tan xenérica que impida determinar o obxecto do solicitado, a solicitude poderá ser denegada legalmente.

A solicitude debe ser dirixida ó ente público que teña a información que estás buscando, en caso de dúbida podes presentar a mesma solicitude a distintos órganos ou previamente realizar algunha chamada ós teléfonos de información cidadán para coñecer o organismo competente (ex: o 010 na Coruña).

Hai que especificar que a solicitude se presenta baixo ó amparo da Lei 38/1995 sobre o Dereito de acceso á información en materia de medio ambiente e, no seu caso, se existe, baixo a normativa autonómica de desenvolvemento.

Se a solicitude de información se dirixe a outro Estado da UE estarase o que dispoña a normativa específica dese país.

É conveniente que a solicitude se rexistre no órgano ó que a dirixes ou se a solicitude a envías por correo, que sexa por correo certificado.

B) Resolución:

Segundo a Lei 38/1995 á autoridade competente debe responder á solicitude o antes posible e a máis tardar, dentro do prazo de dous meses dende a presentación da solicitude.Hai que ter presente que isto non quere dicir que recibamos a información no prazo de dous meses, senón que nese prazo saberemos se podemos acceder ou non á información. Lamentablemente a Lei non establece ningún prazo máximo dentro do cal se deba recibir a información solicitada que é aceptada favorablemente dentro dos dous meses.

No caso de que a autoridade competente non nos conteste no prazo de dous meses, actúa o silencio negativo. Isto quere dicir que a ausencia de contestación equipárase á denegación de información, co agravante de que neste caso descoñecemos a causa que motiva o rexeitamento da solicitude de información. Isto supón un claro prexuício para os solicitantes, xa que poden verse xuridicamente indefensos o estar obrigados a defender ante os tribunais o seu dereito xeral de acceso á información sen coñecer as razóns polas que este foi denegado.

Se nos contestan dentro do prazo denegándonos o dereito de acceso á información ambiental, deberán explicar debidamente as causas de denegación; contra esa decisión podemos interpoñer recurso.

C) Recursos:

Cando unha solicitude é denegada total ou parcialmente, ben por incurrir nunha das excepcións antes citadas, ben por non recibir resposta (silencio negativo) ou por producirse unha contestación parcial ou pouco motivada, a persoa solicitante poderá interpoñer un recurso xudicial ou administrativo, segundo corresponda.

A Lei 38/1995 remítenos neste punto o Título VII da Lei 30/1992 do Procedemento Administrativo Común que regula os recursos administrativos (artigos 107 e seguintes: recurso de alzada, recurso potestativo de reposición e contra os actos firmes en vía administrativa o recurso extraordinario de revisión).

Hai que dicir que no noso dereito administrativo obrígase á Administración a informar das causas de denegación dunha solicitude e dos recursos que procedan contra a resolución da autoridade administrativa, tamén debe informar sobre cal é órgano ante o cal debemos presentar o recurso e do prazo que temos para interpoñelo..

Finalmente dicir que, a parte dos recursos anteriores, é tamén posible utilizar outros medios para conseguir unha resposta satisfactoria á solicitude de información realizada. Entre elas están:

- Queixa ante o Valedor do Pobo da CCAA. Hai que dicir que esta é unha vía gratuíta e moi práctica, pero que o Valedor do Pobo non é competente para anular ou modificar as decisións da Administración Pública, a nosa queixa aparecerá, se é recorrente, no Informe Anual ou Especial que presente o Valedor ante as Cortes.

- Presentar queixa ante a Comisión das Comunidades Europeas, posto que se trata da aplicación dunha directiva comunitaria.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com