ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro: "Onde o Miño se entrega ao...

20-06-2021

Roteiro: "Onde o Miño se entrega ao mar"

O vindeiro 20 de xuño poñemos o punto e final ao programa de roteiros 2020-2021 "Augas vivas, as bacías do Miño e do Sil", co roteiro "Onde o Miño se entrega ao mar". Chegaremos ata a Igrexa de San Lourenzo de Salcidos na Guarda,  onde tomaremos o café e descansaremos un pouco da viaxe do autobús.

Camiñaremos polo Esteiro dende a Xunqueira até a desenmbocadura do Miño. O Esteiro está considerado como Zona de Especial Protección para as aves (ZEPA), Zona de Especial Protección dos Valores Naturáis (ZEPVN) e Lugar de Interese Comunitario (LIC). Está incluido na lista de zonas húmidas de importancia internacional de Europa e Norte de África e pertence á Rede Natura 2000. Durante o percurso acompañaranos un ou unha membro da Asociación Naturalista do Baixo Miño (ANABAM) para explicarnos os valores naturáis do esteiro. Si ao final temos tempo poderiamos darnos un baño.

Teremos servizo de cafetería na Praia do Muíño. Subida en bus ao Monte de Santa Tegra. Subiremos ao miradoiro con vistas ao Esteiro do Miño, Val do Rosal e Costa Portuguesa; poderemos visitar o Museo Arqueolóxico que ten unha completa colección de labras e esvásticas e outras interesantes pezas recollidas na zona; xantaremos no entorno da Ermida de Santa Trega. O museo ten restriccións de aforo a 8 persoas polo que haberá que ir combinando coas outras actividades; despois de xantar visitaremos o poboado castrexo.

Traslado en bus á Mata Nacional do Camarido, no Concello de Caminha, cruzando o Río Miño pola ponte entre Goián (Galiza) e Vilanova de Cerveira (Portugal).

Camiñaremos pola pasarela que percorre a Praia da Foz cunha bonita vista do Esteiro do Miño; chegaremos á Praia do Camarido, xa no Atlántico e despois camiñaremos pola mata localizando a camariña, de onde lle ven o nome á Mata (de camarinetum, lugar onde medran as camariñas); chegaremos á Praia de Moledo, onde nos recollerá o bus.

O bus levarános ao centro de Caminha para un tempo de relax onde poderemos camiñar polo casco histórico (Igrexa Matriz, gótico con detalles renacentistas; as murallas do XVII; a Torre do Relóxio, torre principal das murallas medieváis) ou tomar un café no Terreiro a carón do Chafaríz renacentista do XVI. Sobre ás 19h partiremos de regreso a Lugo.

Reserva a túa praza!

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 14:00 do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades aínda que os socios e socias de ADEGA gozarán de desconto no prezo, así como as persoas que están estudando, en situación de desemprego ou os menores de 14 anos. 

saída do autobús terá lugar ás 8.00 horas da mañá. Este ano, para evitar a aglomeración de persoas, haberá dúas posibles saídas, dende o Edificio de Sindicatos na Ronda da Muralla, 58, ou fronte á Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, na Avenida de Ramón Ferreiro.

Os roteiros serán de xornada completa. Recoméndase ás participantes levar roupa e calzado axeitados e viandas para o camiño.

Para máis información, tamén se pode chamar aos teléfonos 982 240299 (local) ou 677800293 (Lucía).

Prezos

  • Xeral: 18€
  • Estudantes ou en paro: 15€
  • Soci@s de ADEGA: 12€
  • Ata 14 anos: 5€
En caso de cancelación da reserva, prégase avisar o antes posible por teléfono. A cancelación posterior ao período de inscrición suporá o aboamento íntegro do prezo da praza para evitar prexuízos económicos á organización. Se a cancelación fose por motivos de saúde, procederase á devolución da metade do importe sempre que se presente xustificante médico.

O bo humor é cousa de todas/os! Anímate a participar!

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal