ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro "O Lugo de Carvalho Calero"

09-02-2020

Roteiro "O Lugo de Carvalho Calero"

O roteiro percorrerá varias rúas da cidade de Lugo para pararmos nos lugares máis significativos para o autor, ao que se lle adican as Letras Galegas deste ano.

O percorrido tamén inclúe unha visita á Escola de Fingoi que o propio autor dirixiu durante 15 anos, e onde nos esperarán coetáneos do autor para falar sobre a figura humana e da literatura galega que foi Carvalho Calero.

A continuación visitaremos as beiras do río Miño, lugar predilecto e de inspiración do autor onde faremos unha pausa para comer o que levemos.Tralo xantar subiremos até a Praza do Ferrol para diante do monolito adicado a Pilar García Negro ler o poema de Carvalho Calero sobre o río Miño, do que alí aparece escrito o inicio das incontábeis poesías de Carvalho dedicadas ao Miño.


Programa de roteiros Tecendo Redes de ADEGA Lugo

A través do programa de roteiros "Tecendo Redes" ADEGA trata de poñer en valor a importancia que ten para a defensa do medio ambiente e do patrimonio a colaboración, sinerxías, e redes que se tecen entre os distintos colectivos sociais, ben sexan ecoloxistas, culturais, veciñais, sectoriais, etc. Por isto, para o desenvolvemento destes roteiros contarase coa colaboración de diversos colectivos locais de diverso carácter cos que ADEGA mantén relación e ten tecido rede que nos guiarán e acompañarán en todas estas rutas. 

Durante as andainas, ademais de gozar da paisaxe, do contacto coa natureza e da compañía de todas as persoas participantes, tamén se porá en coñecemento o extraordinario labor que desenvolve cada unha destas entidades na súa localidade ou zona de influencia, de cara a divulgar, preservar ou poñer en valor o seu patrimonio natural e cultural. Estas entidades de carácter local realizan un labor e representan unha función na defensa do patrimonio común e colectivo que merece ser reivindicada e divulgada. Ademais, elas serán as guías dos roteiros de ADEGA-Lugo deste curso.

Reserva a túa praza

Na propia web de Roteiros de ADEGA-Lugo irase  actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a túa reserva. 

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 14:00 do xoves anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades. Este roteiro é de balde para tódalas persoas participantes.

O punto de encontro será ás 10h no xardín de San Roque. 

O roteiro será de xornada completa. Recoméndase aos participantes levar roupa e calzado axeitados e viandas para o camiño.

Para máis información, tamén se pode chamar aos teléfonos 982240299 (local) ou 677800293 (Lucía).

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal