ADEGA

Inicio / Axenda / ADEGA / Roteiro por Soutomerille e Barredo (Castroverde)

25-02-2024

Roteiro por Soutomerille e Barredo (Castroverde)

Discorre pola parte occidental do Concello de Castroverde, principalmente polas parroquias de Soutomerille, Santo André de Barredo e A Meda, aínda que tamén entraremos puntualmente nas de San Xoán de Barredo e Moreira.

O percorrido circular, duns 18 Km. de lonxitude e dificultade media, aproveita varios treitos de roteiros sinalizados pola Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, colectivo que, ao longo dos seus 18 anos de existencia, ten desenvolto un importante traballo a prol da recuperación de moitos camiños esquecidos e, en xeral, do patrimonio cultural deste Concello, polo que pasa a ruta de peregrinación máis antiga a Santiago: o Camiño Primitivo.

Iniciaremos a andaina na Igrexia de Vilar de Cas (parroquia de Moreira), onde deixaremos os coches,  e dirixirémonos cara a Areeira da Pallota (parroquia. de Soutomerille), -a carón do castro do mesmo nome-, onde recentemente se fixo unha interesante actuación de restauración ambiental, convertendo en humidais os ocos dunha explotación abandonada de extracción de area.

Na misteriosa parroquia de Soutomerille, sen asentamentos habitados, teremos oportunidade de ver algúns dos seus bens máis sobranceiros: a Igrexa parroquial -de orixe antiga (como revela a fiestra visigótica da cabeceira)-, a Casa Torre de Abaixo, e o Cemiterio -un dos mais pequenos de Galicia-, e de percorrer un pequeno tramo do Camiño Primitivo, por sendas franqueadas de antigos muros e castiñeiros centenarios.

Seguiremos cara ao noroeste, en dirección á aldea de Sto. André de Barredo, situada aos pés da Serra de Outeiro Maior, cordal montañoso que configura unha zona tampón da reserva da biosfera Terras do Miño, acollendo as nacentes de varios regos que alimentan a cunca deste río e un bo número de túmulos megalíticos. Pasando por Vilar dos Naraos, ascenderemos a algúns dos cumios mais singulares desta serra, -O Pico e A Pena Branca (parroquia de Barredo)-, na que se pretende instalar un parque eólico.

A camiñada continuará cara ao norte, xa dentro da parroquia de A Meda, chegando ao seu núcleo cabeceiro, pasando preto da súa igrexa e doutros bens de interese: unha fonte, un cruceiro, ademais da arquitectura popular que aínda se conserva neste lugar.

Sairemos do núcleo de A Meda cara ao sur, pasando polas paraxes de A Aira Vella e A Aspiñeira, seguindo polo val do río de Rade, polas proximidades do Castro Peón, Os Abeledos e o Castiñeiro do Neto, estes últimos dentro xa da parroquia de San Xoán de Barredo.

Desde aquí volveremos a entrar en terras de Soutomerille, ascendendo ao outeiro onde se empraza o xacemento castrexo coñecido como A Croa. Percorreremos parcialmente este outeiro, onde existen formacións rochosas asociadas a lendas populares -Os Asentos dos Mouros-. No descenso pasaremos preto doutra das edificacións senlleiras de Soutomerille -a Casa-Torre de Arriba-, continuando cara ao sueste en dirección ao núcleo rural de Vilar de Cás (parroquia de Moreira), punto de paso do Camiño Primitivo, onde finalizaremos o percorrido.

O programa de roteiros "As montañas, gardiás da nosa historia"

Os Roteiros de ADEGA-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista ADEGA desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio.

O seguintes roteiros deste curso 2023/24 son:

    • 17 marzo: As turbeiras do Xistral (novo destino)
    • 21 abril: Ollando Asturias dende A Fonsagrada
    • 26 maio: Visita ao Castro de San Cibrao de Lás, O Lámbrica
    • 16 xuño: Muras-Viveiró

    Reserva a túa praza!

    Na propia bitácora de Roteiros de ADEGA-Lugo (http://roteirosadegalugo.wordpress.com) irase actualizando toda a información relativa a cada saída e as indicacións para formalizar a reserva.

    As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13h do venres anterior ao roteiro. Cubriranse as prazas por orde de inscrición.

    Os roteiros de ADEGA-Lugo están abertos á participación de público de todas as idades. Ao non haber o servizo de autobús, o prezo do roteiro é de 6€.

    Para máis información, tamén se pode chamar ao teléfono 982 240299 ou escribir a adegalugo@adega.gal.

    Ligazóns

    ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
    Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
    Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal