ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Mina de Touro: a empresa recoñece a grave...

09-11-2018

Mina de Touro: a empresa recoñece a grave contaminación provocada pola mina mais teima en reabrila

En resposta ás alegacións e informes sectoriais da Xunta, Cobre San Rafael presentou unha batería de documentos e mesmo un novo estudo de impacto ambiental. Perante as evidencias e datos oficiais que confirman a contaminación provocada pola mina e as graves eivas do proxecto sinaladas pola Xunta, a empresa recoñece a evidencia mais fuxe de calquera responsabilidade.
Asume que todos os impactos e a contaminación das augas superficiais e soterradas debéronse “a la ausencia de medidas protectoras, correctoras y mejores técnicas disponibles” e á “no ejecución de actuaciones de restauración y clausura”. Non pode negar a evidencia, mais semella que as consecuencias daqueles incumprimentos que chegan mesmo até os nosos días, non van con ela. Desentendéndose da súa responsabilidade nen sequera fai propósito de enmenda, e que fía todo ás bondades do proxecto de reapertura, como se alongar a explotación fixera desaparecer os riscos e a contaminación da antiga mina, e non os magnificara.

Ver a realidade e negar a evidencia: ríos contaminados "ma non troppo"

As mostraxes tomadas pola empresa nos diferentes cursos de auga que drenan a bacía mineira, amosan “incumplimientos en cuanto a las concentraciones de sulfatos, Fe disuelto, Manganeso, Aluminio, Boro, Níquel, Mercurio y Zinc”. As augas contaminadas procedentes da mina espalláronse polos regos Brandelos, Pucheiras, Felisa, Portapego e Rozas, descarregando polo Lañas e Brandelos ao Ulla. Como consecuencia, “Los arroyos del entorno quedaron desprovistos de los organismos acuáticos naturales (peces, insectos, anfibios,…) y se perdieron las cualidades necesarias para su uso en: cría de peces, baño, riego o potabilización.”
Malia isto, a empresa considera que o elevado caudal do Ulla permitíu “mitigar y reducir fuertemente los impactos”... ou non, porque os altos níveis de sulfatos inxectados durante décadas pola mina e detectados no Ulla, chegan até a mesma ría de Arousa.

Ningunha auga de captacións e depósitos veciñais é apta para o consumo

As analíticas dos mananciais e depósitos veciñais realizadas polo Grupo de Enxeñaría de Auga e do Medio Ambiente da UDC son demoledoras: “Todas las aguas d elas distintas captaciones y depósitos no son aptas para el consumo humano”. Ademais de que todas presentan coliformes totais, dende o punto de vista químico todas incumpren tamén os valores mínimos de pH. Os valores de mercurio, amonio e nitritos superan os límites legais para todas as captacións e depósitos, rexistrándose tamén frecuentes incumprimentos (RD 140/2003 e RD 817/2015 de cobre, zinc, manganeso e aluminio.
O laboratorio da UDC conclúe que as augas das captacións, mananciais e depósitos que abastecen aos núcleos rurais da contorna da mins de Touro “no se pueden clasificar como aptas ni desde un punto de vista ambiental (…) ni desde un punto de vista de consumo humano (no potables)”.
Diante desta gravísima evidencia, que propón a empresa? Pois eliminar a scaptacións veciñais e cargarlle aos concellos a responsabilidade de subministrar auga á veciñanza e explotacións afectadas: todo un exemplo de irresponsabilidade social corporativa.

Cinismo sen límites

Perante a catarata de evidencias aportadas por ADEGA, a Xunta e os propios organismos consultados pola empresa, Cobre San Rafael opta por ignoralas, minimizalas ou retruca con argumentos e propostas que abeiran o máis absoluto cinismo. Un exemplo é a explicación que dan a Medio Ambiente do lamentábel estado do río Portapego, canle que drena as antigas cortas mineiras, e que hoxe é unha lameira hiperácida ateigada de metais pesados: “En esta agua del Portapego no se han realizado labores de recuperación por la presencia de organismos extremófilos con mayor diversdad desconocida para la ciencia que en el río Tinto. La corrección de este sistema podría suponer la eliminación de una biodiversidad de elevado interés científico para aspectos como el origen de la vida, las posibilidades de vida extraterrestre…”
Semella que case temos que agradecer á concesionaria que incumprira a lei e nos deixara augas envelenadas e un enorme pasivo ambiental. Deste xeito poderemos contar en Touro co primeiro parque temático de organismos extremófilos do mundo. Esta é unha das propostas que avalada polo profesor Felipe Macías presenta Cobre San Rafael como “medidas experimentales”: a criazón do “Primer parque de estudio de organismos extremófilos”. Un argumento e unha proposta autenticamente “extraterrestres”. Sería algo semellante a que ENCE propuxera un parque temático do mercurio na ría de Pontevedra…

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal