ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Augas de Galiza confirma a contaminación de todos...

04-06-2018

Augas de Galiza confirma a contaminación de todos os ríos arredor da mina de Touro-O Pino

En resposta a unha solicitude de información ambiental cursada por ADEGA o 9 de abril e dirixida a Augas de Galiza, solicitando coñecer as analíticas de augas realizadas nos puntos de control de vertidos, de aforo, de calidade das augas, captacións etc. na contorna da antiga mina de Touro, Augas de Galiza respostou achegando numerosos datos analíticos tanto das diversas estacións de control como de mostraxes de verteduras.

Á vista destes datos pódese concluir que a práctica totalidade dos cursos de auga que arrodean a antiga explotación mineira de Touro-O Pino amosan contaminación por metais pesados e alta acidez, afectando á calidade das augas superficiais e soterradas nunha extensión mínima de 65 km2 na contorna da mina, cando menos dende os últimos 10 anos.

Estacións de control de calidade: augas superficiais e soterradas fortemente contaminadas

Polo que atinxe ás augas soterradas (estación de control 14.GW.0590 no rego de Pucheiras) a calidade ambiental é moi baixa debido á presenza de substancias prioritarias (RD 817/2015) como o Cd –perigosa prioritaria-  e o Ni –prioritaria-, alén da continua superación das medias anuais de Cu e Zn -substancias preferentes-, así como dunha alta acidez. Outros metais relacionados cos criterios sanitarios para a auga de consumo (RD 140/2003), como o Mn, o Fe e o Al superan tamén os valores paramétricos máximos fixados. Esta contaminación por metais pesados das augas soterradas esténdese no tempo até a actualidade xa que recentes ensaios realizados entre 2017 e 2018 seguen amosando altas cantidades de Cu e Zn (substancias preferentes).  

Os resultados da estación que monitoriza a captación de augas superficiais para consumo humano (código 14.RW.05.160 no río Lañas) amosan tamén a superación en dous anos (2010 e 2013) dos níveis de Cd (substancia perigosa prioritaria), con picos de pH ácido en 2011. Fe, Al e Mn amosan tamén valores paramétricos altos en diversos anos até 2016. Aínda que nos dous últimos anos mostreados (2017 e 2018) os indicadores de calidade son normais, a perigosidade, persistencia e carácter bioacumulábel dalgúns metais pon en cuestión a calidade dos subministros locais e faría recomendábel monitorizar as posíbeis consecuencias do consumo destas augas na saúde da poboación.  

O Programa Operativo Ríos dispón dunha estación de control (D_610) no treito medio río Lañas augas abaixo da corta de Arinteiro. Os datos analíticos amosan recentes picos de pH ácido (3,63 unidades en 2017) con superacións dos valores paramétricos de Al e Mn en todos os anos dos que hai datos. Aínda que estas substancias non están incluidas no RD 817/2015 que fixa as NCA (normas de calidade ambiental) pódese concluir que non cumpren cos criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano (RD 140/2003), polo que para a súa utilización no subministro doméstico precisaríase dunha intensa depuración.  

A última estación corresponde ao programa de control de vixianza en ríos e sitúase no río Ulla (R_ULLA) 7 km augas arriba do desaugue do Brandelos. Detéctanse picos de Fe en dous anos, 2008 e 2013. Chama a atención a non monitorización das substancias contaminantes prioritarias e preferentes regulamentadas no RD 817/2015 agás no útimo ano do que se aportan datos (2016), cunha analítica de As e de Cu. Tampouco aparece analisado o Mn, un metal que nas estacións anteriores amosou frecuentes superacións dos valores paramétricos. Conclúese que os datos analíticos son insuficientes para valorar a calidade das augas do Ulla neste punto e a súa evolución no tempo, así como súa situación na actualidade.

Mostraxes de vertidos: enxurrada de metais pesados baixan dende a mina ao Ulla

No río Ulla aparecen importantes concentracións de Cu e de Zn (substancias preferentes) con cantidades de Al e Mn tamén por riba dos valores paramétricos en todos os puntos e de Al nun. Algunha destas superacións, caso do punto de mostraxe MR-00700, situado 20 m augas abaixo da desembocadura do Brandelos prodúcese en análises recentes (marzo de 2018). Estes datos, correspondentes ao curso medio do río Ulla, confirman a mobilización de importantes cantidades de metais pola rede fluvial tributaria dende as antigas cortas mineiras (a de Bama, a máis de 12 km dende a desembocadura do Brandelos e de Arinteiro, a máis de 10 km dende o desaugue do Lañas), cando menos dende 2011 até a actualidade.  

A bacía do río Brandelos caracterízase por unha intensa contaminación por substancias preferentes, fundamentalmente Cu e Zn sobardando os máximos na maioría dos puntos de mostraxe, e unha moi alta acidez cun mínimo de 3,57 unidades, que persiste en análises recentes. Sospéitase tamén da presenza de substancias prioritarias como o Pb por riba do permitido nos regos das Minas, Felisa, Pucheiras e no propio río Brandelos. Posíbel presenza tamén de As no rego dos Torreis e Cr VI (Pucheiras e Torreis). Subliñar a recente superación (decembro de 2017) no propio río Brandelos dos valores de fenois (substancias perigosas prioritarias), aínda que non figuran desglosadas por especies; así como de Hg en tres puntos de mostraxe e de cianuros en 2. Outros metais como o Fe, Al, Mn e compostos como os sulfatos amosan frecuentes superacións dos valores paramétricos en todos os cursos de auga desta sub-bacía, que drena tanto a antiga corta de Bama como a de Arinteiro.  

A bacía do río Lañas, que drena unicamente a corta de Arinteiro amosa unha problemática similar ao Brandelos: o Pb (substancia prioritaria) ten presenza en todos os cursos, cunha superación segura no Portapego. Intensa contaminación por Cu e Zn, especialmente nos regos Portapego e de Barral, que son os que drenan directamente a corta de Arinteiro. É precisamente o rego Portapego o que amosa unha contaminación máis intensa, dando os níveis máis altos de metais pesados (substancias prioritarias, preferentes, e valores paramétricos de Fe, Mn e Al) e o maior pico de acidez (2,32 unidades) de todos os cursos analisados. A achega de contaminantes que dende os regos de Barral e Portapego se inxectan através do Lañas na bacía do Ulla provoca a aparición de cantidades significativas de metais mesmo a máis de 10 km augas abaixo da antiga corta de Arinteiro, e coa explotación inactiva.

Fracaso dos tratamentos de rexeneración dos regos contaminados pola mina

Os resultados analíticos das "canles sometidas a tratamentos de rexeneración” (sic) amosan a persistencia de altos níveis de metais pesados mesmo despois dos supostos “tratamentos”.
Na saída da balsa de Argumil, todas as analíticas de augas amosan cantidades moi importantes de Cu, Zn, Fe, Mn,  Al, sulfatos e condutividade, todos eles por riba das medias anuais e valores paramétricos, con posíbel superación tamén do Pb, Cr VI e As, e valores de pH hiperácidos, equiparábeis a regos de ambientes extremófilos.
A ineficacia dos tratamentos de rexeneración ponse en evidencia nos resultados das mostraxes de vertidos no rego Portapego. Nesta canle, supéranse os valores de Pb (substancia prioritaria) tanto antes cono no propio tratamento. Cu e Zn están por riba das medias anuais tanto antes como despois do tratamento, ao igual que os valores paramétricos do Fe, Mn e Al. A acidez é extrema en todos os puntos de mostraxe, cun pico mínimo de 2,52 unidades 200m augas abaixo do surximento do Portapego, máis ácido aínda que antes do “tratamento”.
Para o rego Felisa, sometido tamén a unha suposta rexeneración, acontece algo similar que para o Portapego: substancias preferentes (Cu e Zn) sempre por riba das medias anuais; posíbel presenza de Pb (substancia prioritaria) así como de As e Cr VI;  e exceso de Fe, Mn, Al e sulfatos en todos os puntos de mostraxe. Tamén o pH é hiperácido, cun pico mínimo de 2,8 unidades augas abaixo do tratamento!
As escorrentías da balsa de Vieiro amosan unha situación parecida á rexistrada na balsa de Argumil: níveis de Cu, Zn, Fe, Mn e Al por riba dos respeitivos límites, aínda que cunha acidez máis moderada. Finalmente, os rebouses da balsa de Bama debuxan unha situación similar á da balsa de Vieiro.

A mina, aínda pechada, é a principal fonte de contaminación por metais pesados do Ulla

Estes resultados confirman o xa apontado polas analíticas realizadas por ADEGA en datas recentes (novembro de 2017) en dous puntos (regos Pucheiras e Portapego), e debuxan unha preocupante situación. A contaminación das bacias fluviais que drenan as antigas cortas de Bama e Arinteiro é patente (ver mapa interpretativo), abranguendo uns 65 km2 de territorio, con afectación ao curso medio do río Ulla.
Constátase o fracaso dos supostos tratamentos de rexeneración, de xeito que as antigas labores e instalacións da mina de cobre de Touro-O Pino seguen a ser unha fonte continua de contaminación das augas superficiais e sorterradas. Esta instalación, hoxe pechada, converteuse na principal fonte de contaminación por metais pesados na bacía do río Ulla.

ADEGA esixe a Augas de Galiza e á consellaría de Medio Ambiente que denegue a autorización do novo proxecto mineiro e depure as oportunas responsabilidades pola continua contaminación das augas durante anos.
O contrario significaría un inxustificábel favoritismo cunha empresa cuxa actividade supón un risco certo para a saúde ambiental e cidadá. Unha administración que vela polos intereses xerais non debería tampouco permitir unha ameaza deste cal¡bre sobre un importante sector económico que dá emprego a milleiros de persoas na ría da Arousa.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal