ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Inaugurada a exposición sobre o cambio climático...

12-03-2018

Inaugurada a exposición sobre o cambio climático e o modelo enerxético en Lugo

Este 12 de marzo inaugurouse no Pazo de San Marcos a exposición que sobre o cambio climático e o modelo enerxético promove a Deputación de Lugo. Permanecerá aberta até o 24 de marzo, data da "Hora do Planeta", no marco das xornadas "Enerxía e Clima".

A exposición, composta por 13 paneis e elaborada coa colaboración do CENEAM (Centro Nacional de Educación Ambiental) pretende achegarnos á problemática do cambio climático, os seus impactos e consecuencias dende a perspectiva da acción social. As institucións, empresas, ONGs e cidadanía temos unha responsabilidade central na mitigación dos efectos negativos da mudanza climática, particularmente no xeito en que xestionamos a enerxía e o transporte. A exposición fai fincapé no papel que cada un/unha de nós pode desenvolver dende os nosos domicilios, escolas, centros de traballo e organismos públicos, dando conta das accións e propostas de intervención para actuarmos a favor do clima.

A exposición permanecerá aberta até o vindeiro sábado 24 de marzo, data da "Hora do Planeta" na que centos de cidades de todo o mundo apagarán a iluminación dos principais monumentos públicos entre as 20:30 e as 21:30 horas.

Xornadas Enerxía e Clima

A exposición compleméntase cun simposio sobre enerxía e cambio climático que se desenvolverá o día 20 de marzo ao longo de todo o día no mesmo Pazo de San Marcos.
No decurso desta xoanada desenvolveranse diversas palestras sobre as consecuencias da mudanza climática no noso país, a contribución das fontes de enerxía e as súas emisións de gases, e sobre como afrontarmos a crise enerxética.
Tamén trataremos aspectos máis concretos do modelo enerxético galego, a factura eléctrica, as medidas de aforro e eficiencia nos fogares e a problemática da contaminacion lumínica e o desbaldimento de enerxía na iluminación exterior. Precisamente para avaliar a contaminación lumínica dunha área urbana, as súas causas e medidas de control, realizaremos un roteiro vespertino pola cidade de Lugo a tarde do día 20.
As xornadas rematarán o día 21 coa visita á vivenda bioclimática e ao parque eólico experimental de Sotavento en Xermade.

INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS:

A asistencia á exposición e ás xornadas é de balde. O roteiro e a visita teñen un limite de prazas de 40 persoas, por orde de inscrición.
Liga no 981570099; 982240299

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal