ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Cumio do Clima: un acordo nos obxectivos sen...

14-12-2015

Cumio do Clima: un acordo nos obxectivos sen medidas vinculantes para acadalos non nos serve

Foi como o parto dos montes, e o que emerxeu da COP21 de París foi un acordo global nos obxectivos, mais sen obrigas concretas para os estados. Moitas organizacións ecoloxistas temos amosado a nosa decepción, porque este acordo chega con 20 anos de retraso e o que agardabamos eran medidas urxentes e compromisos concretos. Eses, se cadra, fixaranse no 2018 ou 2020...

Portanto, e máis aló de que por primeira vez a todalidade das partes (195 países) recoñecen e asumen como prioritaria a loita contra o cambio climático -que non é pouco-, a falla de compromisos concretos e obrigatorios para os países asinantes supón a perda dunha oportunidade histórica e un frustrante paso atrás. Por exemplo sobre as emisións contaminantes, fálase de que os países deberán acadar o teito de emisións de gases "o antes posíbel", mais sen establecer obxectivos obrigatorios por país... Como!?

Alén desta falta de compromisos concretos, obrigatorios e temporalizados para a redución de gases, o texto aprobado amosa tamén preocupantes eivas:
-Non aposta polo abandono dos combustíbeis fósiles, senón que fala dun "balanzo neto cero" ou "equilibrio climático" para despois do 2050, de xeito que as emisións sexan compensadas polas capturas. Compensar as emisións en vez de reducilas é unha concesión á industria enerxética suxa, que pretende continuar co seu negocio contaminante plantando árbores ou secuestrando o CO2 en depósitos tipo Cástor.
-Aposta por continuar co mercadeo de gases entre as industrias e polos mecanismos de compensación ou desenvolvemento limpo, sistemas que só serven para que as grandes corporacións contaminantes continúen especulando co clima.
-Deixa fóra do control ás emisións xeradas polo transporte marítimo e aéreo, moi intensivos nas emisións de gases e nos que pouco ou nada se ten feito para substiuilos por sistemas menos contaminantes. Tampouco aposta por abandonar aqueles sistemas de extracción e xeración de enerxía máis impactantes, como o "fracking" e as areas bituminosas...
-Sobre o financiamento, conclúese que cómpre aportar 100.000 millóns de € cada ano até 2020, mais non como unha decisión vinculante e desagregada por países. Quen e como van poñer pois os cartos imprescindíbeis para, cando menos, parar as consecuencias do cambio climático que xa levamos padecendo décadas?

En definitiva, trátase dunha oportunidade perdida nunha loita na que a estas alturas, a cidadanía agardaba algo máis que o recoñecemento unánime dun problema que, por certo, até hai moi pouco tempo era mesmo negado por moitos dos asinantes.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal