ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA presenta no Parlamento galego propostas...

25-11-2015

ADEGA presenta no Parlamento galego propostas para actuar contra o cambio climático

ADEGA vén de presentar no Parlamento Galego unha iniciativa dirixida a todos os grupos para que, con motivo da celebración da cimeira do clima en París (COP21) aproben unha declaración con propostas de actuación contra o cambio climático.

Con motivo da celebración da COP21 en París este mes de decembro, diversas organizacións sociais do estado vimos de concordar a presentación dun documento a todos os parlamentos autonómicos, pedindo aos grupos políticos que aproben unha serie de medidas para a descarbonización da economía e a  protección social e ambiental, superando a inacción actual dos distintos gobernos.

ADEGA solicita pois aos grupos da cámara galega que asuman e defendan as seguintes propostas a xeito de DECLARACIÓN:

Sobre o control das emisións

1. É obvio que se está a dar un excedente significativo de dereitos de emisión no mercado de dereitos de emisión da Unión Europea. Isto levou a un prezo do carbono inferior ao inicialmente esperado e a non proporcionar os prezos necesarios para inducir a redución de emisións e os investimentos en tecnoloxías sustentábeis Este elemento levou a ineficiencias económicas, polo que tería que comezar unha reforma estrutural e inmediata para eliminar o actual exceso de oferta de dereitos de emisión do sistema, sen demora, incluíndo unha proposta de modificación da esixencia de redución lineal anual do 1,74% para atender aos obxectivos de redución de emisións de CO2 para 2050 e ás metas para 2030.
2. De feito, este comercio de emisións, servíu principalmente como un negocio moi lucrativo puro para as grandes corporacións e a especulación financeira, e tampouco parou o seu crecemento. De feito non existe un dereito de emitir contaminantes á atmosfera e teríase que declarar solenemente e entender que só deberían promoverse actividades que non contaminan. Xa que logo como tal mercado, un día tería que ser suprimido.
3.
Os gobernos autonómicos deben ser conscientes de que o mellor xeito para non depender do éxito ou do fracaso dese mercado a eliminar, é non transformar o territorio, e no seu lugar afondar nos elementos de adaptación e loita contra o cambio climático. Así, os potenciais axentes fixafores de CO2 deben ser obxecto dunha política de protección, de xeito que o solo libre (non urbanizado) debe tender a un balanzo cero de decrecemento, porque é o único compoñente eficaz para afrontar o exceso deste contaminante na atmosfera. Alén do solo libre, e ademais dos solos forestais e a reforestación puntual, o elemento chave como dixestor destes compoñentes que inducen ao quecemento global, son as áreas naturais protexidas, e entre elas, especialmente as zonas húmidas.
4. Na costa, deben incorporse de xeito diáfano as medidas de loita, mitigación e/ou adaptación ao cambio climático decisivamente a través do planeamento relacionado coa Xestión Integrada da Zona Costeira (XIZC), para non sacrificar máis litoral a mans de intervencións duras, caras e mesmo urbanizadoras, porque nun tempo máis curto do que se pensa impedirán unha política axeitada contra os anteditos cambios.

Especificación de obxectivos, medidas e indicadores de reducións de emisións

Fai falla un instrumento xurídico transversal e vinculante que promova políticas globais contra o cambio climático, con sancións correspondentes en caso de infracción, e implicando diferentes níveis de actores e sociedade civil. Os obxectivos de redución de emisións, implantación de enerxías renovábeis e mellora da eficiencia enerxética deben ser máis ambiciosos acadando un 40-30-30 por cento, respectivamente, para 2020 respecto ao ano base de 1990. Tamén deben establecerse obxectivos intermedios de redución de emisións cada cinco anos para chegar a 95% para 2050, segundo as recomendacións científicas do último informe do IPCC. Ademais, incluír nos orzamentos públicos programas de redución de carbono como un mecanismo de planificación e seguemento, seguindo o exemplo da lei inglesa, vinculantes e con límites sobre a cantidade de gases de efecto invernadoiro emitidos durante un periodo de cinco anos (fontes industriais e difusas).

Compromiso co abandono dos combustíbeis fósiles

Por razóns ambientais e climáticas, debería formalizarse a prohibición da produción de gas e petróleo de xisto por fraturamento hidráulico (“fracking”) ou a prospección e explotación de hidrocarburos en terra e mar, e camiñar cara un futuro sen enerxía nuclear e 100% renovábel. Por iso, tal como moitas institucións e organizacións están a realizar a nível global, tense que deixar de subvencionar aos combustíbeis fósiles e nucleares, e establecer un sistema de tributación que penalice o seu uso.

Sobre a compostaxe, captura e incineración de residuos de carbono

As políticas de loita contra o cambio climático e a redución das emisións deben contemplar unha correcta xestión do carbono contido nos residuos, impedindo a súa liberación á atmosfera.
A compostaxe da materia orgánica contida nos residuos sólidos urbanos, agrogandeiros e forestais contribúe fixar cantidades significativas de carbono e outros compostos que serían doutro xeito lanzados na atmosfera mediante incineración (CO2, SO2, NOx, dioxinas, furanos, etc.) ou vertedura (CH4). Especial atención merece a compostaxe a pequena escala, doméstica e comunitaria, por respectaren escrupulosamente o principio de proximidade e eliminaren as emisións do transporte e do tratamento de residuos a escala industrial.

Fiscalidade

A dotación de recursos económicos é moi importante para aplicar estratexias de loita contra o cambio climático. Prever os impostos sobre as emisións de CO2 xenéricas, de NO2 e/ou doutros gases cun destino finalista, e adicados a promover os vehículos eléctricos non contaminantes e o transporte público.

Modelo enerxético

No sector da enerxía, ademais do compromiso firme polas enerxías renovábeis non agresivas co medio ambiente, ten que recuperarse unha política de incentivos que obxectiven a enerxía obtida de xeito máis limpo e eficiente.
1.
Isto implica inevitabelmente unha aposta por un modelo enerxético descentralizado, que integra de forma decisiva a auto-produción dos particulares, no que as empresas subministradoras cubran problemas puntuais, pero que non sexan un oligopolio. Ese modelo tende a ser máis barato, social, democrático e prevén o exceso de poder.
2.
O argumento anterior engade un novo compoñente: estudar seriamente a recuperación do operador público en vista das disfuncións que producen os operadores privados de subministro de enerxía. Son certamente ideas innovadoras, como o Fondo de Enerxía da Unión Europea e para a coordenación global en torno a "Enerxía sustentábel para todos" (SE4All), promovida polo Secretario Xeral da ONU Ban Ki-moon en 2012.
3.
Para evitar a ocupación desordenada e agresiva do contorno natural por parte das fontes renovábeis de acceso á enerxía, proponse a seguinte orde de prioridade para a súa ubicación segundo tipo de terreo:

  • A. Solo urbanizado: patios, cimeiras e cubertas, sobre todo de tipo industrial e comercial.
  • B. Solo urbano non consolidado ou solo urbanizábel.
  • C. Espazos ocupados por outras infraestruturas como: Aeroportos e terminais; autovías e autoestradas; camiños de ferro; estradas pavimentadas; canles de irrigación; canteiras.
  • D. A falta de todos as anteriores e de xeito motivado, terreos rústicos (non urbanizábeis) de baixo interese agrícola, gandeiro, forestal ou natural, previa avaliación do seu impacto paisaxístico ou ambiental e do balanzo de enerxético na súa contribución á redución de CO2, e sempre baixo o criterio de partillar enclaves de captación entre diferentes fontes de enerxía renovábeis, como eólica e a solar.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal