ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA realizará o seu terceiro curso de mestría...

15-09-2022

ADEGA realizará o seu terceiro curso de mestría de compostaxe en Tomiño

A Asociación Ecoloxista ADEGA presentou en Tomiño o seu “Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada”, que hoxe abre o seu prazo de inscrición que terá lugar neste concello desde o 3 ao 31 de outubro neste municipio.

No acto de presentación estiveron María Amigo, coordinadora do curso, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.

O obxectivo principal deste curso é formar a persoas desempregadas para que acaden os coñecementos e capacitación necesaria para exercer como profesionais nos diferentes procesos e técnicas de compostaxe da materia orgánica.Algunhas das destrezas que as participantes acadarán ao rematar o curso teñen que ver con saber determinar a calidade do compost e o seu ámbito de aplicación ou co manexo dos composteiros domésticos e áreas de compostaxe comunitarias.  

Durante o curso realizaranse múltiples actividades de educación ambiental, ciencia cidadá e participación social, ademais de sesións prácticas no programa de compostaxe do concello de Tomiño e unha visita guiada ás instalacións de Ecocelta Galicia S.L., empresa galega pioneira na lombricultura, compostaxe, produción e venda de fertilizantes e substratos orgánicos.

Este proxecto está financiado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Programa Empleaverde, iniciativa dirixida ao impulso e a mellora do emprego, o emprendemento e o medio ambiente, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación 2014-2020.

Curso en Tomiño. Como inscribirse

O Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada que se desenvolverá no concello de Tomiño é o terceiro dos catro ciclos formativos que ADEGA pretende executar ata finais do ano 2022. O período de formación deste primeiro curso en mestría de compostaxe de ADEGA terá lugar do 3 ao 31 de outubro. A formación completa consta de 100 horas presenciais e os contidos teórico-prácticos impartiranse de luns a venres en horario de 09:00h a 14:00h no Obradoiro Escola de Goián.

Esta formación está destinada a persoas desempregadas e será totalmente de balde para o alumnado. Dado que as prazas son limitadas, recoméndase que as persoas interesadas en formalizar a solicitude de inscrición o fagan o antes posible e sempre antes do día 28 de setembro no seguinte formulario de inscrición: Inscrición

Ao finalizar o curso, as persoas participantes que o superen recibirán un Certificado de Mestría en Compostaxe emitido pola entidade estatal Composta en Red, así como o asesoramento e a orientación na procura de emprego que facilite a súa inserción laboral. Ademais, poderán optar a unha bolsa de emprego.

Tamén poden solicitar información a través do e-mail compostaxe@adega.gal ou no teléfono 628 378 804.




A compostaxe como unha oportunidade de emprego

A compostaxe, actualmente e no futuro, é unha nova fonte de emprego verde que cada vez terá máis demanda no mercado laboral, dada a necesidade dos estados membros da UE de cumprir cos obxectivos comunitarios en materia de residuos, os cales só se poderán acadar baixo unha axeitada e sustentable xestión dos residuos orgánicos xerados.

ADEGA leva máis de 20 anos promovendo a compostaxe en Galiza e formando a sociedade galega neste método sostible de tratamento de residuos orgánicos.  Unha das súas prioridades actuais é formar a persoas como mestras de compostaxe descentralizada, ao tempo, que se fomenta a creación de emprego e se facilita a inserción laboral das persoas desempregadas en ámbitos de economía verde con futuro.

Para máis información:

Teléfono: 628 378 804 / 981 57 00 99

“Acción gratuíta cofinanciada polo FSE”. “Conseguir formación e un emprego de calidade”

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal