ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA participa na creación do movemento "Lugo,...

10-12-2015

ADEGA participa na creación do movemento "Lugo, de cara ao Miño"

Rolda de prensa de presentación da plataforma

ADEGA xunto con outros 15 colectivos e entidades ecoloxistas, sociais e políticas, e varias persoas veciñas de Lugo forman a plataforma “Lugo, de cara ao Miño” para facer presión fronte a proxectos especulativos, urbanísticos, enerxéticos ou calquera tipo de actuación promovida desde o eido privado ou público que ameace a integridade e os valores naturais e culturais do río Miño na cidade de Lugo.

“Lugo, de cara o Miño” nace co obxectivo de acadar o respaldo das veciñas e veciños de Lugo na defensa deste ben público ao que, historicamente, lle temos dado as costas. Desde este movemento consideramos que o impacto que está a xerar no río Miño e na súa contorna as obras da hidroeléctrica da fábrica da luz xa é a gota que colma o vaso das múltiples e constantes agresións que o río vén soportando desde a instalación nas súas marxes do centro comercial de Carrefour: feira exposicións, gasolineira, vertidos, etc. Consideramos que xa é hora de que a veciñanza de Lugo mire de fronte ao río e non de costas e que responda de xeito contundente ao chamado de socorro que nos está a facer o río máis emblemático de Lugo e de Galiza.

Esta plataforma xorde, non só para combater o actual proxecto de privatización e ampliación do caudal da fábrica da luz, senón que ten vocación de permanencia no futuro e, ademais, ten un carácter aberto a todas aquelas persoas, veciñas e veciños de Lugo que a nivel individual ou colectivo compartan estes mesmos obxectivos.

Á agarda de que outras entidades e persoas confirmen a súa participación no movemento, actualmente “Lugo, de cara ao Miño” está conformado polos colectivos ADEGA, AGCT, Ateneo Engranaxe, Carneiro Alado, CIG, Cultura do País, Madia Leva, Masa Crítica, SLG, SOS Río Miño e as formacións políticas Anova, BNG, Compromiso por Galicia, Espazo Ecosocialista, Equo, Lugonovo e Podemos.

Un impacto inasumible para o Miño e para Lugo. Fóra o dique!

Dique construído pola CHMS en plena Rede Natura e zona núcleo da Reserva da Biosfera

“Lugo, de cara ao Miño” está en contra do proxecto de ampliación do caudal do Miño para o aproveitamento hidroeléctrico da fábrica da luz por parte da empresa asturiana Inca porque non é nin o lugar, nin o momento, nin son as formas.

Non podemos permitir que se constrúa un dique no propio leito do río e no treito fluvial do Miño máis protexido e sensible polos seus valores naturais. Este treito está declarado como Zona de Especial Conservación, Rede Natura 2000 (ZEC Parga-Ladra-Támoga) e zona núcleo da Reserva de Biosfera Terras do Miño, alén de acoller 60 especies de aves, 5 hábitats de interese comunitario e diversas especies protexidas a nivel europeo, estatal e autonómico, das que varias están en perigo de extinción, como o fento de río ou o mexillón de río. Gran parte destes valores foron obviados pola Declaración de Impacto ambiental (DIA) aprobada polo Ministerio e refrendada pola Xunta de Galiza.

Tampouco é o momento de intervir no río, xa que no mes de decembro moitas especies piscícolas comezan a desovar e os impactos que sofren a flora e fauna do efluente son sumamente maiores. E tampouco son as formas, pois un proxecto destas características debería ser consultado coa cidadanía de Lugo, de xeito aberto, participativo e con total transparencia, algo do que adoeceu este proxecto desde as súas orixes.

Por todo isto, apelamos á responsabilidade das Administracións competentes e solicitamos ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e á Xunta de Galicia que se paralicen as obras de xeito permanente, restituíndo o espazo ao seu estado natural, e que se anule a Declaración de Impacto ambiental por ser incompleta e inadecuada para a zona afectada. Alén disto, debemos destacar que a empresa concesionaria construíu o dique fóra da área autorizada pola DIA e fóra do prazo marcado pola mesma, polo que esta obra é ilegal.

Tamén se acudiu á Fiscalía de Medio ambiente, a través de ADEGA, para solicitar a apertura de dilixencias por presuntas causas penais e xa se trasladou o asunto a Bruxelas, a través de SOS Río Miño e do Grupo de Esquerdas europeo, desde o que se formulará unha pregunta de urxencia no Parlamento Europeo sobre a lexitimidade destas obras.

Polo aproveitamento e a xestión pública da fábrica da luz

A fábrica da luz do río Miño que debe e merece ser conservada polo seu valor patrimonial, histórico e ambiental e como ben de carácter público. As luguesas e lugueses non podemos permitir que este emblemático edificio que nos pertence aos veciños sexa cedido para os intereses do sector privado, que só busca un beneficio industrial.

Neste senso, “Lugo, de cara ao Miño” insta ao Concello de Lugo a tomar medidas. Demandámoslle que rescinda o contrato de concesión polo uso da fábrica da luz coa empresa asturiana e que recupere a xestión pública deste ben patrimonial, de xeito que o seu uso tamén sexa público e repercuta en beneficio da cidade de Lugo.













Próximas accións da plataforma

Actualmente, os membros da plataforma “Lugo, de cara ao Miño” xa están a desenvolver labores de vixilancia a pé de río ante o presumible reinicio das obras do dique para chamar á mobilización caso de que iso suceda. Paralelamente, ao longo das vindeiras semanas, “Lugo, de cara ao Miño” promoverá accións informativas e divulgativas que consigan espertar conciencias e favorecer unha maior participación dos veciños e veciñas de Lugo na defensa do río Miño.

A vindeira semana acudiremos ás distintas formacións políticas candidatas en Lugo ás próximas eleccións para solicitar e conseguir o seu compromiso firme na defensa do Miño e o seu apoio  específico á demanda de paralización permanente das actuais obras e anulación do proxecto de ampliación de caudal da fábrica da luz.

Todas aquelas persoas ou entidades interesadas en formar parte deste ilusionante iniciativa, poden dirixirse ao e-mail: lugodecaraominho@gmail.com

Para máis información: Roi Cuba (ADEGA): 686118722

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal