ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Máis de 600 persoas participan na III Limpeza...

16-06-2014

Máis de 600 persoas participan na III Limpeza simultánea de praias

Durante a pasada fin de semana (6, 7 e 8 de xuño), e esta última fin de semana (13, 14 e 15 de xuño), 30 entidades sumaron os seus esforzos ao longo do litoral galego para limpar as praias e denunciar a problemática ambiental do lixo mariño na 3ª Limpeza Simultánea de Praias. Podes ver as fotos enviadas polos participantes e o mapa das limpezas. 

Malia ser unha fin de semana chuviosa,  centos de persoas puxeron os impermeables e achegáronse á costa para limpar os areais de Galiza celebrando o día dos océanos (8 de xuño). Nin a chuvia nin o frío freou aos voluntarios e voluntarias que quixeron facer unha chamada de atención sobre o plástico nos mares. Algunhas limpezas adiáronse e celebráronse ao longo desta última fin de semana sumando un total de 22 praias nas que se celebrou esta actividade ao longo das 3 provincias costeiras.  

Coma nas dúas edicións anteriores participaron centros de ensino, escolas de surf, ONG ecoloxistas, asociacións culturais, asociacións de mulleres rurais e até mergulladores. Todas e todos tiñan o mesmo fin: limpar a praia e crear conciencia.  

Participaron máis de 600 perosas e recolléronse máis de 5.000 kg de lixo, a maioría de orixe plástico. Cordas de todo tipo, aparellos de pesca, caixas, botellas, tapóns, e ata bombonas. As limpezas tamén serviron para dar a coñecer a importancia e biodiversidade dos areais e dos ecosistemas dunares con roteiros interpretativos e xornadas de educación ambiental.  

O lixo mariño é un dos graves problemas ambientais aos que se enfronta o planeta, as principais causas son: a insostibilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, as malas estratexias na xestión dos nosos residuos e a falta de sensibilización da poboación. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos. Moito deste lixo provén da industria do mar (pesca, extraccións...), pero unha grande parte chega a través dos ríos, debido a unha mala xestión en terra.  


Estes residuos teñen graves consecuencias para a os ecosismeas mariños, máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas morren cada ano enredados ou por inxesta do lixo mariño. Tamén pode afectar directamente á saúde humana, xa que moitos destes produtos conteñen substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes, que entran na cadea alimentaria. Por último outro dos graves problemas asociados a estes residuos, é que provocan perdas económicas importantes, debido a varios factores como son a diminución da pesca comercial, a degradación de lugares aptos para actividades recreativas e turísticas, ou o enorme investimento requerido para as limpezas de praias.   

ADEGA quere subliñar que as limpezas de praias non debe ser un feito illado, e convida a calquera persoa a recoller o lixo do noso litoral sempre que poida. As limpezas de praias deben facerse de xeito manual, respectando os ecosistemas dunares, e tendo especial coidado coa fauna e flora que nelas habita. O obxectivo principal deste tipo de actuacións é crear conciencia e alertar da cantidade de plástico que producimos e tiramos, e as consecuencias que isto ten.   

ADEGA editou para esta actividade un protocolo de actuación para unha limpeza de praias “ecolóxica” descargable en pdf ou que se pode recoller en papel no local nacional. ADEGA agradece enormemente a participación de todas as persoas que participaron nas limpezas. Moitas grazas e morte ao plástico!!!


Para esta actividade ADEGA contou co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, dentro do Programa Praias, Ríos, Voluntariado e Custodia do Territorio



Ver LIMPEZA DE PRAIAS 2014 nun mapa máis grande

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal