ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA apoia o manifesto da Acción Global polo...

23-04-2020

ADEGA apoia o manifesto da Acción Global polo Clima

Desde ADEGA, e como colectivo que forma parte do Movemento Galego polo Clima, apoiamos o seguinte manifesto con motivo da Acción Global polo Clima  convocada para mañá venres, 24 de abril, pola Alianza polo ClimaFridays For Future2020 Rebelión polo Clima. A acción consistirá nunha manifestación de luces e sons desde os balcóns para reivindicar xustiza climática e social, mañá ás 22:00 h.

Consulta como podes participar nas seguintes ligazóns: 
https://2020rebelionporelclima.net/accion-global-por-el-clima/
https://2020rebelionporelclima.net/en/24a-manifestacion-de-sombras/
https://alianza-clima.blogspot.com/2020/04/materiales-para-la-manifestacion-de.html

Manifesto

Hoxe, cando toda a poboación sofre en carne propia as consecuencias da pandemia do coronavirus SARS-COV2, faise patente o urxente e ineludible que é xuntar esforzos para, solidariamente, facer fronte á enfermidade e as súas repercusións sanitarias e sociais. Non debemos descartar que a actual pandemia da COVID19 sexa unha consecuencia máis do cambio climático e a continuada perda da biodiversidade. Ese mesmo coñecemento, que nos fai entender que estamos ante unha nova manifestación do cámbio climático, lévanos ás organizacións asinantes a continuar coa convocatoria da “Acción Global polo Clima” do día 24 de abril. Ainda que hoxe a crise máis urxente que se esta a dar é a sanitaria, a crise climática segue sendo unha realidade e, a pesar de estar formalmente declarada como emerxencia polo Parlamento Europeo, polo Goberno español e por outras moitas institucións, segue sen ser recoñecida como tal por algúns dirixentes, que optan por desatender as indicacións científicas a través dunha inacción culpable.

Ao mesmo tempo, tamén sufrimos unha perda de biodiversidade a nivel global, moi ligada á emerxencia climática, que está a xerar grandes desequilibrios nos ecosistemas e que, segundo indica a comunidade científica internacional, está intimamente conectada coa aparición de novos patóxenos emerxentes cos que até agora nunca tivemos contacto. Abordar a emerxencia climática e frear a perda de biodiversidade seguen a ser as grandes urxencias do noso tempo e, asemade, son imprescindíbeis para protexernos como sociedade.

Esta crise de saúde pública puxo de manifesto que esa sensación que tiñamos de seguridade absoluta garantida pola tecnoloxía era absolutamente falsa. Tamén mostrou o daniña que pode ser unha crise se nos pilla desprevidas, sen plans de prevención e emerxencia suficientes que poidan facerlle fronte de forma efectiva. Pero máis aló, é unha crise ligada de xeito directo na súa orixe aos modos de produción agraria e gandeira que se basean no uso masivo de agrotóxicos e medicamentos (destrución de ecosistemas e intensificacción das granxas para produción intensiva de carne) e na súa transmisión a unha mobilidade global insustentable de persoas e mercadorías. Se antes de que sexan evidentes os seus efectos máis dramáticos, non temos un plan, non achegamos medios suficientes, non actuamos con convicción e non seguimos as recomendacións que nos marca a ciencia. Se non aproveitamos esta forzada paralización da actividade para reducir e reorientar a nosa actividade, decidida- e rapidamente, alcanzarase un cambio climático de tal magnitude e rapidez que faría imposible a nosa adaptación.

Sería devastador para a maioría dos ecosistemas e as sociedades humanas. A humanidade enfronta unha emerxencia climática sen precedentes na que tamén é necesario actuar coa responsabilidade de protexer a vida en primeiro lugar. Esta defensa da supervivencia debe levarnos a tomar medidas ambiciosas e drásticas, noutras palabras, a asumir o estado de emerxencia climática, impulsando as actuacións necesarias e non as que se presentan como “politicamente posibles”, antes de que a situación nos desborde. Tratemos a emerxencia climática como a crise que é. Actuar con contundencia hoxe fronte á emerxencia climática conseguirá que os impactos ambientais e sociais (incluídas novas pandemias coma a presente) sexan moito menores, aínda que gran parte deles, xa non seremos capaces de palialos.

Estamos ao bordo dun punto de non retorno marcado por unha enorme perda de biodiversidade e polo incremento da temperatura global, que pon en xaque a todo o planeta, incluída a humanidade. As consecuencias do cambio climático son, entre outras, un incremento dos grandes incendios forestais, a proliferación de enfermidades de rexións máis cálidas, secas máis severas, subida do nivel do mar e acidificación dos océanos, choivas torrenciais que provocarán asolagamentos, movementos migratorios motivados pola crise climática… 

O quecemento global é consecuencia directa do modelo de produción e consumo que continuamente se demostra incapaz de satisfacer as necesidades vitais das persoas. Un modelo que precariza ás persoas e pon en situación de vulnerabilidade a gran parte da poboación mundial, especialmente ás mulleres, así como aos ecosistemas e o resto de seres vivos que habitan este planeta. Un modelo que arrisca a nosa supervivencia como especie, ao basearse na explotación ilimitada e acelerada dos recursos fosiles, mineiros e naturais, impactando de maneira inxusta nas poboacións máis pobres e vulnerables.Pero, nesta crise, a ciencia tamén sinalou a vía de actuación, que non é outra que a redución e descarbonización do noso sistema económico, especialmente nas sociedades industrializadas occidentais que temos máis responsabilidades e maiores capacidades. Un sistema económico que se paralizou ante a crise do coronavirus e que debemos reformularnos antes de reiniciar. Temos que modificar radicalmente o noso modelo de producir e consumir respectando os límites biofísicos...

Ante iso, as organizacións asinantes, de acordo coa ciencia, manifestamos que si, que participamos da idea da necesidade de apoiar a saída das crises xeradas polo coronavirus, pero matizamos que esta non pode basearse no modelo que nos conduciu ata a emerxencia ecolóxica e social actual. Necesitamos un novo modelo de produción e consumo no que prime a vida, as persoas e a protección dos recursos naturais. Precisamos un modo de vida climatica e socialmente xusto, dentro dos límites naturais do planeta.

Sabemos que a gravidade da emerxencia nos obriga a adoptar cambios estruturais. O que fagamos nesta década condicionará completamente o grao de quecemento que imos sufrir a curto, medio e longo prazo. Será preciso reducir drasticamente os consumos (como o enerxético), cambiar as pautas de transporte e acelerar a transición enerxética desde os combustibles fósiles a un modelo 100% renovable, eficiente, sen emisións contaminantes, xusto e en mans das persoas e non do oligopolio; especialmente desde a óptica do autoconsumo e a descentralización. É necesario un cambio de escala, do global ao local, que poña no centro a redución das longas cadeas de transporte, a posta en valor de modelos alimentarios en consonancia cos límites do planeta. Uns esforzos que deben conducirnos a unha redución drástica das nosas emisións, en liña coas indicacións científicas e alcanzando a neutralidade canto antes.

Asina o manifesto en: https://forms. gle/A24 yB9 mjhqkWv9e36

Acutacións para relanzar a actividade dunha forma xusta e sostíbel

O relanzamento da actividade non poderá ser considerado social e climaticamente xusto se non incorpora dous principios básicos:

1. Desde o punto de vista climático, enfrontar unha redución drástica das emisións netas de gases de efecto invernadoiro, en liña coas indicacións científicas e alcanzando a neutralidade o máis axiña posible.

A maior ameaza para o medio ambiente galego é a eucaliptización, destinada á fabricación de pasta de papel e proximamente para a industria da biomasa. Destrúe ecosistemas, esgota acuíferos, mata regos e ríos, acentúa as secas e ocupa un chan agrario que precisaremos para desenvolver a nosa soberanía alimentaria. Xunto con esa transformación, outras forzas traballando a prol do despoboamento, son a ocupación de terras por mineiras e parques eólicos que subordinan o interese das poboacións locais e das actividades tradicionais aos intereses das grandes corporacións. Para solventar estas ameazas, desde o Movemento Galego polo Clima propomos:.

  • Unha moratoria ás novas plantacións de eucalipto, así como a súa inclusión nos catálogos de especies invasoras, e un plan forestal que garanta a recuperación dos ecosistemas naturais protexidos pola lexislación, os solos agrarios e a vexetación de ribeira, co obxecto de tecer unha rede de ecosistemas naturais protexidos cunha superfice de chan agrario dispoñible para a transición da agrogandeiría galega a sistemas de pastoreo extensivo. Estes novos cambios implicarían un peche socialmente xusto da empresa ENCE, actor responsable de gran parte do desequilibrio ecolóxico de Galiza.
  • Unha moratoria para todas as novas licenzas mineiras até concluír unha diagnose da situación ambiental das existentes, e do cumprimento dos plans de restauración das clausuradas ou sen actividade.
  • Unha moratoria a novos parques eólicos facendo urxentemente un novo Plan Eólico con zonas de exclusión máis estritas, que oriente os novos desenvolvementos aoautoabastecemento dos Concellos a través de Parques Eólicos Singulares de propiedade municipal, priorizando a participación das comunidades locais e a enerxía mini e microeólica, e que impoña estritas cláusulas sociais a novos parques de titularidade privada.

2. Desde o punto de vista eco-social, consideración absolutamente prioritaria das persoas e dos colectivos vulnerables, garantindo para elas unhas condicións de vida dignas. A aplicación destes principios reflíctese en moitos aspectos vitais, entre os que destacamos os seguintes:

  • A crise climática só pode ser afrontada dende unha perspectiva que teña en conta as diferenzas de raza, etnia, orixe, clase e tamén a desigualdade de xénero. Non haberá xustiza climática sen xustiza de xénero. Debe garantirse unha perspectiva de xénero en todas as políticas, a paridade de xénero e o empoderamento das mulleres en todas as áreas da nova sociedade que debe nacer para a superación das actuais crises..
  • Reorganización dos sistemas de produción e consumo, definindo cales son as necesidades esenciais das nosas sociedades para darlles prioridade. Prohibición da obsolescencia programada e obrigación de deseñar cos criterios de durabilidade, reparación, reutilización e recilcaxe.
  • Reconsideración das políticas comerciais, nacionais e internacionais, plasmadas ou non en Tratados de Comercio e Investimento (TCI), primando os consumos de proximidade e limitando a dependencia exterior, sexa en enerxía ou en calquera necesidade esencial. Eliminar as políticas e prácticas que encamiñan ao modelo monocultivista agro-gandeiro-forestal.
  • Priorización das medidas encamiñadas a reducir a perda de biodiversidade e á restauración dos ecosistemas.
  • Potenciación da cohesión social e da solidariedade, así como do sector público. Potenciación do emprego en sectores sostibles e da repartición do traballo, así como introdución de medidas de transición xusta para sectores e territorios vulnerables aos cambios, avanzando en medidas como a redución da xornada, a conciliación…
  • Apostar polo rural na procura dunha nova ruralización da sociedade baseada principalmente na restauración do existente e en conceitos bioclimáticos e de sostibilidade.
  • Protección das persoas máis vulnerables, sexa cal for a causa da súa vulnerabilidade (clase, raza, xénero…), avanzando cara a unha renda básica, de forma que ninguén quede atrás.
  • A fiscalidade e o gasto público deberán ser acordes cunha redistribución xusta e cos principios de protección ambiental e de descarbonización. Prohibición de subsidios a empresas causantes do cambio climático, (combustibles fósiles, aviación, automóviles, etc.)
  • Asunción da débeda climática que, como Estado, adquirimos cos países do Sur Global, a través dunha contribución xusta e con garantías suficientes aos fondos de financiamento internacionais, de acordo cos principios de xustiza climática.
  • Aceleración da transición enerxética desde os combustibles fósiles cara a un modelo baseado na reducción dos consumos e 100% renovable, sen emisións contaminantes, xusto, eficiente e en mans das persoas, apostando decididamente polo autoconsumo e a enerxía distribuída e pasando por sistemas tarifarios xustos.
  • Redución e transformación da mobilidade de persoas e mercadorías, axustándoa á necesaria, minimizando o uso do vehículo privado e fortalecendo as infraestruturas e os servizos do transporte público e compartido, especialmente do ferrocarril convencional tanto para mercadorías como para pasaxeiros. Fomentar e facilitar o transporte non motorizado.
  • Transformación de modelo alimentario cara a outro baseado en sistemas agro-ecolóxicos e agrosilvopastorís máis locais e libres de contaminantes químicos.
  • Moratoria do plan 5G e os seus proxectos pilotos, que non atenden á avaliación ambiental nin ao principio de precaución, e afondan na insustentabilidade ecolóxica da nosa sociedade ao favorecer de forma exponencial: o produtivísmo, as emisións de efecto invernadoiro, o consumo enerxético, o extractivismo mineiro, a industria agro-gandeira intensiva, a obsolescencia tecnolóxica e o hiperconsumismo; así como a exposición ás radiofrecuencias, ás condutas aditivas, á concentración do poder e control social, ás interferencias metereolóxicas, etc.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal