ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O Plan REVITALIZA permitirá ao concello de As...

04-09-2018

O Plan REVITALIZA permitirá ao concello de As Neves compostar todo o lixo orgánico da veciñanza a primeiros de 2019

Deputación, Concello e ADEGA asinaron hoxe un convenio de colaboración para repartir 1.300 composteiros individuais entre as familias da vila

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra vai permitir ao Concello de As Neves mudar o seu modelo de xestión de lixo e compostar todos os biorresiduos da súa veciñanza a primeiros de 2019. No día de hoxe o vicepresidente César Mosquera, o alcalde Xosé Manuel Rodríguez, e a presidenta da asociación ecoloxista Adega, Virxinia Rodríguez, asinaron un convenio de colaboración polo que nos vindeiros meses se van realizar charlas de formación sobre compostaxe e repartir 1.300 composteiros individuais entre as familias da vila que dispoñen de casa con horta, co obxectivo de que pasen a compostar o seu residuos orgánicos en lugar de depositalos nos colectores verdes.  
Coa distribución dos 1.300 composteiros individuais e a instalación dos cinco centros de compostaxe comunitaria, o Concello de  As Neves será un dos primeiros da provincia (xunto con Vilaboa, Mondariz, Mondariz Balneario, O Grove e Pontevedra) e de todo o estado que compostará todos os seus biorresiduos. Deste xeito cumplirá coa normativa sobre biorresiduos tanto da Unión Europea como a súa transposición estatal, que obriga a que os concellos recollan de xeito separado o 100%  do lixo orgánico e o traten de xeito específico en 2020.  
Os 1.300 composteiros individuais distribuiranse á par das xornadas de formación para a veciñanza que desenvolverán os mestres e mestras composteiras da Deputación xunto co persoal de Adega. Iranse programando encontros de xeito sucesivo nas parroquias e servirán para que, ademais de adquirir coñecementos, os propietarios de vivendas con horta recollan o seu composteiro xunto co material necesario para compostar (aireador, termómetro, guía…). En total está previsto que se realicen unhas 26 charlas, ás que veciñas e veciños serán convocados de xeito personalizado. Despois, organizarase un seguimento de cada un dos composteiros unha vez estean instalados nos fogares: o persoal de Adega fará un mínimo de tres visitas e un máximo de cinco aos domicilios ao longo dun ano para corroborar que a veciñanza está facendo o compost correctamente.

O convenio asinado hoxe entre Deputación de Pontevedra, o Concello de As Neves e a asociación ecoloxista Adega para realizar todo este traballo ascende a 92.430 euros, unha cifra que se suma á axuda económica de 197.597,39 euros concedida pola Deputación ao Concello de As Neves para desenvolver o Plan Revitaliza (o º87,06% do orzamento solicitado para mercar composteiros individuais, colectivos e materiais complementarios).  
Nestes momentos o Concello de As Neves ten instalado un centro de compostaxe comunitaria na rúa da Esperanza na que están a depositar os seus biorresiduos 80 familias da vila. Tamén hai un composteiro para o colexio Marquesa do Pazo da Merced, así como nas unitarias de Taboexa e Rubiós. Están por instalar outros no instituto e no centro de día, así como catro noutras zonas da vila. De feito, mañá remata o prazo de presentación de ofertas para o subministro dos centros de compostaxe comunitaria. Tamén están adxudicados un camión e unha trituradora para producir o estruturante que se debe misturar co lixo orgánico.

Control e coñecemento

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, explicou hoxe que o proxecto impulsado pola Deputación para fomentar a compostaxe, o Plan Revitaliza, ten unha importante diferencia con respecto a outros modelos voluntarios e experimentais desenvolvidos tempo atrás. O nacionalista subliñou que a intensidade de medios e persoal destinada ao Plan Revitaliza fixo que se convertese nun sistema universal e pasase a outra escala fronte ás limitacións e erros cometidos ata o de agora. "Non podemos permitir que a compostaxe se leve a cabo sen un mínimo de control e coñecementos técnicos. Temos que acabar coa mala información e as malas praxes", destacou, ao tempo que subliñou que "debe haber sincronización entre  a Deputación, os concellos e o movemento ecoloxista, xa que non hai outro camiño para implicar á poboación”. “Temos sentadas as bases para facer algo que dificilmente vai fallar. Queremos que a compostaxe funcione con garantías e que sexa irreversible”, finalizou.  
Pola súa banda, o alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, agradeceu á Deputación e ao vicepresidente Mosquera o apoio para que o Concello aplique a compostaxe. “Estou convencido de que seremos un espello do modelo para o país. Iso é un orgullo, unha responsabilidade e unha emoción que hoxe dá un paso máis”, destacou. “Para nós o proxecto Revitaliza constitúe un antes e un despois na maneira de entender o tratamento do lixo en todo o Concello. A incorporación deste convenio con Adega dentro do proceso de concienciación, ilustración e coñecemento da compostaxe para a xente que vai ser usuaria do sistema Revitaliza, dota de calidade ao modelo, permite que a xente valore o que xa facía e volva recuperar a capacidade de reutilizar dentro do seu fogar o que organicamente é recuperable. Permite reentendernos no rural xa modernizados, pero tendo respecto pola contorna e o medio ambiente”, asegurou.    
A presidenta de Adega, Virxinia Rodríguez, subliñou que o seu colectivo leva 20 anos traballando na compostaxe individual e dous anos na compostaxe comunitaria, que denominou como unha forma “razonable” de tratar os residuos. Rodríguez destacou que o Plan Revitaliza é un proxecto necesario e unha liña a seguir na que é preciso colaborar coa administración. “Hai que agradecer a valentía en levar adiante estes proxectos pioneiros e as entidades ecoloxistas deben estar aí. Nós sempre traballaremos da man con esta liña”, subliñou.   


Gabinete de prensa do Revitaliza
Mais info: compostaxe@adega.gal
María R. Lafuente 628378804



ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal