ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O que facer e o que non nos terreos queimados:...

17-10-2017

O que facer e o que non nos terreos queimados: consellos para non estragar máis o ambiente

Despois dos lumes os problemas e riscos ambientais non rematan. Alén da perda de biomasa vexetal e de biodiversidade en xeral, prodúcese tamén un empobrecemento do solo e, coas chuvias, o lavado do horizonte superficial arrastrando grandes cantidades de sedimentos e materia orgánica. Esta erosión e a diminución da materia orgánica no solo, unidas á brusca inxección de materiais nas canles fluviais e nas rías, son causa de graves impactos mesmo en áreas alonxadas das zonas queimadas.
É moi importante ter en conta que os labores de restauración hidrolóxico-forestal deben ser desenvovidos por persoal especializado e seguindo uns estritos protocolos de actuación para evitar causar máis danos, como a compactación por pisoteo, a erosión inducida nas ladeiras, a introdución de especies invasoras ou non procedentes... As intervencións deben tamén axustarse ás características particulares de cada territorio, en particular nos espazos protexidos, nos que deben respostar ás necesidades concretas de conservación establecidas nos correspondentes planos.  

ACCIÓNS POSITIVAS (coordenadas con admistracións, comunidades de montes...)

-Minimizar o uso de maquinaria pesada.
-Non talar os esqueletes do mato e cortar só as árbores de certo tamaño para evitar danos ao solo.
-Deixar os restos forestais sobre o solo en sentido perpendicular á pendente, para frear a escorrentía.
-Repartir palla ou virutas (mulching) en zonas sensibles, en zonas con forte pendente, en zonas próximas a cursos de auga,...
-Realizar faixas de sementeiras alternando coas anteriores e sempre seguindo as curvas de nível.
-Poñer filtros vexetais (restos de podas, broza,...) preto das canles dos ríos, para frear os arrastres do solo e evitar a contaminación das augas

PROCURAREMOS EVITAR:

-Pisotear as zonas queimadas, xa que se aceleraría a erosión.
-Cortar árbores e romper polas, porque supoñen unha protección contra a erosión.
-Realizar sacas de madeira de modo agresivo para o solo.
-Laborear e roturar o solo. Utilizar maquinaria pesada ou agresiva no chan.
-Asustar ou danar á fauna.
-Pastorear demasiado pronto, para evitar os efectos do gando sobre o solo e sobre a vexetación.  

Ante calquera dúbida, pódese preguntar ao axente forestal ou á Consellaría do Medio Rural sobre a normativa vixente en materia de usos dun espazo forestal incendiado.

Cando nestas accións participe o voluntariado é importante fornecerlles de material axeitado, seguro de accidentes, contar cos permisos pertinentes, incluidos os dos titulares das terras e sempre baixo a supervisión de profesionais. Desaconsellamos realizar accións por propia iniciativa e de xeito descoordenado, que poden derramar as boas intencións e causar máis dano ao ambiente e mesmo riscos para as persoas, evitando tamén frustracións.
As organizacións ecoloxistas realizamos intervencións de voluntariado organizado todo o ano en ríos, rías, bosques, humidais e non só como consecuancia dos lumes. Contacta con nós para coñecer de que xeito podes colaborar e moitas grazas polo teu compromiso solidario!

NOTA: texto elaborado con información do "Manual de rexeneración de montes incendiados" de Amigos da Terra, o "Manual sinxelo de reforestación por sementeira" da UVigo; o "Manual de prevención e defensa contra os incendios forestais" da Xunta de Galiza; e os protocolos de intervención en montes queimados do Voluntariado en Defensa do Monte Galego 2006-2009, así como materiais e elaboracións propias.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal