ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA esixe medidas urxentes de restauración nas...

17-10-2017

ADEGA esixe medidas urxentes de restauración nas zonas queimadas e a declaración de zona catastrófica

Prioridades após do lume: Reparar os danos sociais e ambientais

Perante os graves danos sociais e ambientais causados polos lumes, urxe a declaración de zona catástrófica nos lugares afectados. Deste xeito poderanse dispoñer medidas e axudas para compensar rápidamente as perdas e recuperar o pulso social e económico após os terríbeis incendios que queimaron ducias de vivendas, milleiros de hectáreas de cultivos, pastos, instalacións agrícolas, gando, etc.

Non menos importante é dar tamén unha oportunidade á fauna salvaxe, suspendendo temporalmente a caza non só nas zonas queimadas senón tamén no seu perímetro xa que a fauna tende a refuxiarse nestas áreas, así como dispoñer alimento de urxencia para o gando. Especial atención precisan os espazos protexidos afectados polo lume, nos que son urxentes medidas proactivas para recuperar a nosa biodiversidade máis sensíbel e ameazada e impedir, por exemplo, a perda de hábitats e a colonización con especies invasoras e oportunistas.

Urxe loitar contra a erosión: hai que actuar xa!

Os impactos dos incendios non rematan ao apagarse o lume. Após da desfeita incendiaria, as zonas queimadas corren o risco de perderen por completo a súa fertilidade debido á erosión do substrato e aos arrastres pluviais, particularmente nas áreas en pendente. Os danos poden trasladarse tamén a outras zonas na periferia das áreas queimadas como ríos, rías e costas, ás que chagarán as cinsas e sedimentos mobilizados dende os montes. Envelenamento das augas e traidas, morte dos bancos marisqueiros, enchentas e asolagamentos poden ser e serán outra consecuencia do lume, especialmente se non se actúa a tempo

A PERDA DO SOLO: A CONSECUENCIA MÁIS GRAVE DO LUME

"A perda do solo é quizáis o impacto ecolóxico máis grave do lume polo seu carácter prácticamente irreversíbel e a súa influenza noutros compoñentes do ecosistema. Estas perdas teñen lugar basicamente no primeiro ano tras o incendio e particularmente entre ol 70-80% nos meses de outono e inverno. Portanto, as medidas de corrección da erosión deben acometerse nos primeros días tras o lume se se quiere que sexan efectivas". (Vega Hidalgo, 2007)

En incendios en áreas forestais observáronse perdas de solo de entre 15 e 170 t/ha (Díaz-Fierros et al., 1982) no primeiro ano tras o lume. Nas áreas de mato as perdas son algo menores, dunhas 13 t/ha (Soto e Díaz-Fierros, 1998). Tendo isto en conta e supoñendo unha superficie de solo vexetado dun 70% (30% arbóreo e 40%) mato) para as zonas queimadas só na provincia de Pontevedra en 6 días de lumes (10 ao 16 de outubro) nos que arderon 4.775 hectáreas (datos do EFFIS), os arrastres pluviais e a erosión poderían mobilizar un mínimo de 64.000 toneladas de sedimento cara as zonas baixas, ríos e rías.

Por iso é importante actuar de contado para conter as consecuencias da erosión e os arrastres de materiais dende os terreos queimados. A construción de barreiras e faixas anti-escorrentía e outras medidas para a fixación do chan, como a sementeira de herbáceas de crecemento rápido, urxen denantes de que as primeiras choivas causen unha nova catástrofe polas avenidas, contaminen as augas ou mesmo causen mortalidade nos bancos marisqueiros. Estes labores deberían ser competencia das brigadas forestais cos protocolos axeitados e baixo a supervisión de persoal técnico e membros da comunidade universitaria. Sería un bo xeito de desestacionalizar a loita contra o lume e comezar cos labores de prevención, neste caso de restauración e loita contra a erosión.

Neste senso, o Voluntariado en Defensa do Monte Galego criado en 2006 e desmontado por Feijóo, desenvolveu con éxito labouras de contención da erosión e estabilización das zonas queimadas. Os colectivos que participamos na coordenación do Voluntariado en Defensa do Monte, cuxo traballo tanto molestaba ao PP, temos ampla experiencia nestes labores. Esiximos da Xunta que cando menos, se non sabe ou non quere poñer en marcha estas medidas, dote dos medios á cidadanía e ás organizacións sociais para facelo nós. As organizacións sociais comprometémonos a facelo, porque sabemos e porque llo debemos ao ambiente e ao país.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal