ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / A eucaliptización mata: os lumes máis perigosos...

16-10-2017

A eucaliptización mata: os lumes máis perigosos inícianse nos despachos

Pesar polas recentes mortes, indignación pola incompetencia da Xunta e orgullo pola actuación da veciñanza

Cinismo sen límites: a culpa é de Portugal e de Ofelia

Para ADEGA as causas estruturais dos incendios forestais están xa suficientemente diagnosticadas dende hai anos, e as medidas precisas para reducir a súa incidencia son tamén coñecidas. A pregunta é como unha administración que ten a cacidade técnica e xurídica para poñelas en marcha, alén de non o facer, mesmo lexisla en sentido contrario (Lei de Montes galega e estatal que permite recualificar terreos queimados, Plano Forestal, Lei de Depredación, Decreto do Eucalipto, Biomasa e cultivos enerxéticos...) para seguir permitindo o deterioro do mundo rural abocado ao abandono, a eucaliptización e o lume.

Nula prevención, recurtes, máis superficie de pirófitas, menos franxas de protección, forestación de terras agrarias, cultivos enerxéticos, privatización encoberta das CCMM, uso do lume como ferramenta... Moitos dos lumes que arrasan arestora o país son causa destas políticas e xa que logo, comenzaron nun despacho oficial.

O modelo forestal baseado nos monocultivos de pirófitas é un importante factor estrutural directamente relacionado coa problemática dos incendios forestais. Sobre este modelo si de pode actuar: non facelo, a sabendas das consecuencias que pode ter para a nosa natureza e mesmo para a vida das persoas seguir planificando a favor do eucalipto, fainos cómplices dos resultados.

Comité en Defensa do monte Galego: 10 medidas de país contra a desfeita

Dende 1988 até hoxe en Galiza, e segundo datos oficiais, téñense producido máis de 100.000 incendios forestais que queimaron máis de 500.000 has. de monte, das que preto de 200.000 has. eran de arboredo.
Dende 1995, hai uns 10.000 incendios ao ano, un incendio por cada 2 Km2 de superficie forestal –a media estatal é dun incendio por cada 25 Km2. En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal estatal, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada.

DEZ MEDIDAS PARA LOITAR EFICAZMENTE CONTRA OS LUMES

1. Un ordenamento territorial acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa. Evitar o despoboamento, o abandono dos usos tradicionais e a forestación de terras agrarias ao tempo que se fomentan alternativas produtivas sustentábeis para o medio rural.

2. Unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas (regulación do ciclo hídrico, sumidoiro de carbono, reserva de biodiversidade) e sociais.

3. Un novo Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata para triturar ou queimar, que limite a expansión das especies pirófitas e alóctonas e que promova unha silvicultura preventiva e sustentábel.

4. Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Os labores de prevención, vixilancia, loita contra o lume e rexeneración deben desenvolverse durante todo o ano.

5. Planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos.

6. Labores de rexeneración da vexetación natural nas zonas queimadas.

7. Promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo no monte.

8. Profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios, que deben estar baixo un mando único dependente da Xunta de Galicia, evitando privatizar os seus servizos.

9. Rapidez e transparencia no acceso á información sobre os lumes, poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas informáticas e de comunicación precisas.

10. Fomentar a Educación Ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio. Formar e informar especialmente ás Comunidades e propietarios de montes, para promover o sentimento de vencello e identidade positiva entre a veciñanza e o monte.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal