ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA esixe a inmediata posta en marcha de...

20-09-2013

ADEGA esixe a inmediata posta en marcha de medidas contra a erosión nas zonas queimadas

Se a Xunta non actúa para evitar os arrastres post-lumes será a única responsábel dunha nova catástrofe ecolóxica

Restauración das zonas queimadas: hai que actuar xa!

Avaliando os danos no Pindo. Cromo: ADEGA

Os impactos dos incendios non rematan ao apagarse o lume. Após da desfeita incendiaria, as zonas queimadas corren o risco de perderen por completo a súa fertilidade debido á erosión do substrato e aos arrastres pluviais, particularmente nas áreas en pendente. Os danos poden trasladarse tamén a outras zonas na periferia das áreas queimadas como ríos, rías e costas, ás que chagarán as cinsas e sedimentos mobilizados dende os montes. Envelenamento das augas e traidas, morte dos bancos marisqueiros, enchentas e asolagamentos poden ser e serán outra consecuencia do lume, especialmente se non se actúa a tempo.

A perda do solo, a consecuencia máis grave do lume

"A perda do solo é quizáis o impacto ecolóxico máis grave do lume polo seu carácter prácticamente irreversíbel e a súa influenza noutros compoñentes do ecosistema. Estas perdas teñen lugar basicamente no primeiro ano tras o incendio e particularmente entre ol 70-80% nos meses de outono e inverno. Portanto, as medidas de corrección da erosión deben acometerse nos primeros días tras o lume se se quiere que sexan efectivas". (Vega Hidalgo, 2007)

En incendios en áreas forestais observáronse perdas de solo de entre 15 e 170 t/ha (Díaz-Fierros et al., 1982) no primeiro ano tras o lume. Nas áreas de mato as perdas son algo menores, dunhas 13 t/ha (Soto e Díaz-Fierros, 1998). Tendo isto en conta e supoñendo unha superficie de solo vexetado dun 35% (5% arbóreo e 30% mato) para o macizo do Pindo, os arrastres pluviais e a erosión poderían mobilizar un mínimo de 17.000 toneladas de sedimento cara as zonas baixas.


ADEGA propón medidas de choque contra a erosión, con ou sen a Xunta

O carballo anano queimado. Cromo: ADEGA

Hai xa décadas que coñecemos como actuar despois dun lume para recuperar os ecosistemas danados. O Voluntariado en Defensa do Monte Galego criado en 2006 e desmontado por Feijóo, desenvolveu con éxito labouras de contención da erosión e estabilización das zonas queimadas. Elaboración de barreiras anti-arrastres, faixas de estrume, sementeira de gramíneas de crecemento rápido etc. son labores que deberon comezar hai días nas áreas afectadas.
Se a Xunta non quere, non sabe ou non pode acometelas con urxencia naquelas zonas con maior risco (caso do macizo do Pindo), as organizacións sociais comprometémonos a facelo, porque sabemos e porque llo debemos ao ambiente e ao país.
Daquela serán Feijóo e os seus adláteres (Cañete incluido) os únicos responsábeis destoutra catástrofe que non por anunciada semellan tomar en serio, ofuscados pola súa soberbia e incompetencia.

Convocatoria urxente dos organismos ambientais consultivos

Paralelamente, ADEGA esixe a convocatoria urxente do Consello Galego de Medio Ambiente e do Observatorio Galego da Biodiversidade para avaliar a afección do lume nos hábitats e especies protexidas, e propoñer medidas urxentes de recuperación e conservación. A Xunta leva meses sen convocar estes organismos, incumprindo os prazos legais e amosando o seu máis absoluto desprezo polas leis e polo noso patrimonio natural. Agardamos non ter que pedir novamente o amparo do Valedor para que a Xunta non escorra o vulto, cumpra a lei e convoque estes organismos.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal