ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Zona catastrófica para Carnota e Parque Natural...

13-09-2013

Zona catastrófica para Carnota e Parque Natural no Pindo XA!

Prioridades após do lume: Reparar os danos sociais e ambientais

Perante os graves danos en propiedades e facendas causados polo devastadoir incendio que está a afectar aos núcleos próximos ao macizo do Pindo, ADEGA esixe do governo a declaración de "zona catastrófica" para os lugares e parroquias afectadas. Deste xeito, poderanse compensar rápidamente as perdas e recuperar o pulso social e económico após o terríbel lume que devorou centos de propiedades, afectando a vivendas e acabando con cultivos, pastos, alvarizas, instalacións agrícolas, etc.

Igual de importante é actuar de contado para conter as consecuencias da erosión e os arrastres de materiais sobre os terreos queimados. A construción de barreiras anti-escorrentía e outras medidas para a fixación do chan, como a sementeira de herbáceas de crecemento rápido, urxen denantes de que as primeiras choivas causen unha nova catástrofe polas avenidas, contaminen as augas e causen a morte dos bancos marisqueiros. Os colectivos que participamos na coordenación do Voluntariado en Defensa do Monte, criado após da vaga de lumes de 2006 e suprimido dun plumazo por Feijóo, temos ampla experiencia nestes labores. Esiximos da Xunta que cando menos, se non sabe ou non quere poñer en marcha estas medidas, que dote dos medios á cidadanía e ás organizacións sociais para facelo nós.

Agora máis que nunca, Monte Pindo Parque Natural xa!

Agora xa non hai excusa para que a Xunta declare o Monte Pindo parque natural: Os seus valores paisaxísticos, xeolóxicos, patrimoniais e ecolóxicos precisan de medidas urxentes e activas para para se recuperar.

É ademais unha medida longamente agardada pola cidadanía da Costa da Morte e de Galiza en xeral após de 10 anos de seca sen que a Xunta declarara ningun parque natural. Xa que logo, merecémolo ben e precisámolo para así contarmos con recursos importantes tanto para a conservación do espazo como para a promoción de iniciativas económicas sustentábeis e de futuro na súa área de influenza.

Mensaxe ao Conselleiro de Medio Ambiente e á de Medio Rural

Sr. Hernández e Sra. Quintana: O abandono institucional alimenta tamén os lumes. Dende ADEGA responsabilizámolos directamente: Nen fixeron nen deixaron facer no Pindo, e hoxe vemos as consecuencias. Só lembrarlles as verbas do seu xefe de filas, o Sr. Núñez Feijóo que en 2006, en plena vaga de lumes preguntábase coa mangueiriña na man: "Canto do queimado se debe aos pirómanos e canto a imprevisión, indolencia e irresponsabilidade do goberno?"
Co lume máis importante da tempada aínda sen control dende hai 3 días, alguén víu ao Sr. Feijóo e a súa mangueira polo Pindo?

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal