ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O TSXG paraliza cautelarmente a execución do...

04-10-2022

O TSXG paraliza cautelarmente a execución do parque eólico Campelo de Greenalia

A sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, por medio de Auto de data 19 de setembro, vén de acoller a pretensión de ADEGA e da PDCC de suspender a execución do acordo do Consello da Xunta de Galicia, de 18 de novembro de 2021, polo que se outorgaron as autorizacións administrativas previa e de construción e se declarou a utilidade pública do proxecto do parque eólico Campelo. Este proxecto, sito nos municipios de Coristanco e Santa Comba, está promovido  pola sociedade Greenalia Wind Power Campelo, S.L., en cuxo Consello de Administración se atopa na actualidade a que fora Conselleira de Medio Ambiente co PP, Beatriz Mato.

As autorizacións administrativas relativas a este proxecto, así como as outorgadas para a construción dos parques eólicos Bustelo e Monte Toural, igualmente promovidos por Greenalia, foron obxecto de impugnación a finais do mes de xaneiro perante o Tribunal Superior de Xustiza por parte de ADEGA e da Plataforma para a defensa da Cordillera Cantábrica (PDCC), solicitándose nos tres casos a adopción da medida cautelar de suspensión da execución dos correspondentes acordos.

A impugnación xudicial das autorizacións referidas susténtase, no caso dos tres parques, na fragmentación artificial dos proxectos e nas irregularidades en canto ao desenvolvemento dos trámites de información pública, reducidos a quince días e nos que non se puxeron a dispor da cidadanía os informes sectoriais correspondentes.

No Auto de 19 de setembro, a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia destaca en particular que “non se pode ignorar que os defectos de publicación e audiencia que alega a letrada da actora xa teñen dado lugar á estimación de dous recursos nos que, con fundamento nas mesmas normas, se alegaba tal deficiencia”, referíndose a sendas Sentenzas de 21 de xaneiro de 2022, que declararon a nulidade das autorizacións relativas ao proxecto do parque eólico de Corme G-3 (modificación substancial por repotenciación), igualmente de competencia da Xunta de Galicia.

Así mesmo, incide o Tribunal que nin Greenalia nin a Xunta, partes demandadas, conseguen avalar a “imperiosa necesidade de contar co novo parque, nen sequera pola incidencia que vén producindo a menor entrada de gas con ocasión da guerra en Ucraína, determina, que, en orde a valorar os intereses en conflito, teña que inclinarse esta sala por favorecer a protección de medio ambiente e, por tanto, ordear a suspensión cautelar...”.

Suspensión cautelar condicionada a 10.000 euros

A Sala condiciona a efectividade desta medida de suspensión dos acordos autorizatorios do parque eólico Campelo a que as partes demandantes constitúan unha garantía de 10.000 euros, descartando deste xeito a pretensión da representación letrada da sociedade promotora do proxecto, que pretendía que se impuxese unha fianza cuantificada nunha porcentaxe do orzamento de execución (42.539.763,95 Euros) ou, no seu defecto, o importe xa investido (11.930.834,71 Euros). Entende esta Sala do TSXG que “a fixación dun importe desproporcionado faría estéril a suspensión que aquí se decreta...”.

Primeira paralización cautelar acadada polo FDXCC

Os tres recursos xudiciais mencionados foron interpostos á cargo do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica, campaña de recadación colectiva promovida o ano pasado por seis entidades (ADEGA, SGO, PDCC, a  Mesa Eólica de Las Merindades de Burgos, Bierzo Aire Limpio e a Plataforma para la defensa de los Valles Pasiegos) para iniciar accións xurídicas na defensa do territorio fronte a invasión eólica.

Este Auto constitúe o primeiro éxito xurídico do Fondo para a Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica fronte o actual modelo caótico e desordenado de desenvolvemento eólico, e un precedente moi favorable de cara á consecución da paralización cautelar doutros proxectos eólicos autorizados pola Xunta de Galiza e recorridos nos tribunais.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal