ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Paso atrás da UE na loita contra o cambio...

22-01-2014

Paso atrás da UE na loita contra o cambio climático para contentar a eléctricas e nucleares

Decepcionantes obxectivos de emisións, freo ás renovábeis e esquecemento da eficiencia

Europa, do liderado climático á comenencia coas eléctricas

As propostas feitas públicas este día 22 pola Comisión Europea no Libro Branco para loitar contra o cambio climático na UE ameazan con derramar o progreso realizado até hoxe no continente na redución de emisións, o desenvolvemento das enerxías limpas e a eficiencia enerxética.

A Comisión propón para o 2030 unha redución interna do 40% nas emisións de gases de efecto invernadoiro (GEIs) con respeito a 1990, un obxectivo para as enerxías renovábeis do 27% no conxunto da UE (non para cada estado) e adía os obxectivos de aforro e eficiencia enerxética.

Estas cifras están moi por baixo do compromiso internacional da UE para diminuir o quecemento global por baixo dos 2°C como recomendaron os expertos do IPPC, e merma o liderado que a UE viña desenvolvendo nas negociacións para a adopción dun novo acordo internacional sobre o clima en París, no 2015.

Para a EEB (Oficina Europea do Ambiente) da que fai parte ADEGA os obxectivos da UE para o 2030 deberían ser cando menos unha redución do 60% nas emisións de GEIs, unha porxentaxe obrigatoria do 45% de enerxía procedente de fontes renovábeis e un 40% de aforro enerxético.

Decepcionantes propostas que cheiran a fume por todos lados

O feito de esquecer o aforro e non facer obrigatorio para os estados unha porcentaxe mínima de renovábeis (o 27% é para o conxunto da UE), polo que países como Franza con máis do 80% da enerxía procedente de nucleares ou Polonia, onde o carbón é predominante poderán seguir ao seu; amosa claramente as pegadas da industria dos combustíbeis fóseis e nucleares.

Alén disto, a Comisión Eurpoea vén de publicar unha recomendación que renuncia a establecer un marco común para regulamentar o "fracking" ou extracción de gas de xisto mediante fractura hidráulica, unha técnica moi contaminante e agresiva para o ambiente e a saúde das persoas. Este feito, xunto coa intención de suspender a partir de 2020 Directiva sobre calidade dos combustibles para "descarbonizar" o transporte, non se entende senón é pola inminente sinatura dun acordo de libre comercio entre a UE e Canadá, un dos principais impulsores do "fracking" e exportador de combustíbeis procedentes das areas bituminosas.

Semella que outra volta, e baixo o pretexto do libre comercio, a Comisión Europea volve antepoñer os intereses económicos dos contaminadores á protección do ambiente e á loita contra o cambio climático.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal