ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Alerta Ambiental: A Xunta reactiva durante o...

05-05-2020

Alerta Ambiental: A Xunta reactiva durante o Estado de alarma uns 1000 proxectos ambientalmente controvertidos

O Consello da Xunta do xoves 30 de abril do 2020 aprobou reactivar a tramitación administrativa en materia de avaliación ambiental de 975 proxectos que estaban paralizados polo Estado de alarma. Froito diso, e cando aínda existe unha seria crise sanitaria e a poboación segue confinada e sen poder desenvolver as súas actividades de forma normalizada, a Xunta de Galicia dita unha Orde, publicada no DOG deste 4 de maio, para que comecen a correr os prazos de exposición pública destes proxectos industrias de grande impacto.


A Xunta reactiva os procedementos de proxectos industriais de grande impacto ambiental

Os proxectos que se inclúen na Orde son vertedoiros, plantas de xestión de residuos, proxectos de parques eólicos e subsestacións eléctricas, liñas de alta tensión, factorías que emiten gases de efecto invernadoiro, etc. Trátanse de proxectos especialmente sensibles e controvertidos que xeran un gran rexeitamento social polas súas características pouco respectuosas coa máxima de ‘Aire, auga e terra limpas’ para o noso territorio, ou o que é o mesmo, de grande impacto ambiental, pero tamén social e económico. Detrás destes proxectos están medianas e grandes empresas (moitas veces foráneas) que pretenden facer un gran negocio cos recursos da nosa terra e que actúan únicamente en beneficio propio sen ter en conta as persoas e as contornas afectadas.

Participación cidadá limitada polo Estado de Alarma

O Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo do 2020 , polo que foi declarado o Estado de alarma, estableceu con carácter xeral a suspensión dos termos e dos prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. Só contempla, como forma excepcional, que se poidan acordar, mediante resolución motivada, a continuación daqueles trámites que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

Da mesma maneira, o Estado de alarma impide que cidadanía galega poidamos reunirnos, organizar asambleas, actos informativos, debater en grupos grandes físicos, movernos con total liberdade dentro do territorio... O que se traduce en que afrontar un informe de impacto ambiental destes proxectos en colectivos veciñais e en condicións para contrastar toda a información, vírase imposible.

Con este Decreto, o Goberno do PP vai seguir dándolle curso e facilidades a todos eses proxectos de grande impacto e contaminantes. Proxectos que organizacións cidadás e veciñanza seguimos con atención para que se realicen con garantías, denunciando as ilegalidades e avogando polo ben común. Con esta Orde, Alberto Núñez Feijóo trata descaradamente de deixarnos aos galegos e galegas en situación de indefensión e dificulta, aínda máis, a participación da cidadanía nos procedementos administrativos, para beneficio e lucro destas empresas privadas.

O PP intenta beneficiar con esta Orde os intereses das promotoras de proxectos de grande envergadura, e intenta deixar fóra da condición de interesadas a todas as asociacións ambientalistas, veciñanza próxima máis directamente afectada, veciñanza non tan próxima que tamén estaría afectada, persoas que viven máis lonxe pero queren persoarse no procedemento administrativo porque teñen algún interese lexítimo que defender, etc.

Esiximos a paralización da Orde ditada pola Xunta

Por todo o exposto parécenos dunha gravidade extrema que a Xunta decida continuar coas tramitacións destes proxectos que comprometen a nosa saúde, o noso medio e a nosa economía en pleno Estado de alarma, limitando a resposta cidadá lexítima e facilitándolle os trámites a estas empresas privadas. Está claro que os proxectos contaminantes que a Xunta pretende reactivar non cumpren os requisitos de interese xeral indispensables que se esixen en pleno Estado de alarma.

Baixo estes elementos, non é admisible que se reactiven as tramitacións, pois non terían todas as garantías previstas na lexislación. Por iso reclamamos que, atendendo ao Estado de alarma, se paralice de inmediato o efecto da Orde ditada pola Xunta, até que non recobremos a total normalidade social.

Colectivos promotores que asinan este documento

A Rente do Chan – Pladever
Asociación A Picouta - Trazo
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza – ADEGA
APEOM Outes
Asociación contra o vertedoiro de Lesta
Asociación Cultural Brisas do Quenllo
Asociación galega Cova Crea
Asociación Petón do Lobo
Casalonga limpa de residuos
Asociación Víctimas de la Justicia
Colectivo Arroutada
Comisión de Asociación contra as minas da Terra Cha
Comisión de seguemento da minaría e defensa do rural Frades Mesía
ContraMINAcción
Ecoloxistas en Acción Galiza
Federación Ecoloxista Galega FEG
Greenpeace
Grupo de Estudos dos Animais Salvaxes GEAS
Fundação Montescola
Plataforma de afectad@s polo vertedoiro de Santiago de Compostela-Miramontes
Plataforma pola recuperación do Sar
Plataforma Quijote Outes
Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino NON
Plataforma Vida e Ría ou Minaría
Salvemos a comarca de Ordes
Salvemos as fragas de Catasós
Sindicato Labrego Galego
Salvemos o Iribio
Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins
Xente do rural Ponteceso
Verdegaia

*Aqueles colectivos que queiran unirse a esta denuncia, poden facelo enviando un mail a alertaambientalgalega@gmail.com 

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal