ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Peche de ENDESA: unha empresa que sempre foi ao...

04-10-2019

Peche de ENDESA: unha empresa que sempre foi ao seu grazas a gobernos miopes e pasivos

Con gobernos miopes e pasivos, a dirección de Endesa vai o seu.
Nun  comunicado desta firma a CNMV o 27 de setembro a eléctrica afirma que vai “promover la discontinuidad de la producción de sus centrales térmicas de carbón en la Península, de conformidad con los trámites y procedimientos legalmente establecidos, y evaluar opciones de futuro en dichos emplazamientos”.  Está a referirse as centrais térmicas de As Pontes en Galiza e Litoral en Almería. Ante esta noticia convén ter en consideración o seguinte:

1. ENDESA-As Pontes é a industria máis contaminante de Galiza e tamén a primeira do Estado español

Ocupa tamén o posto número 17 entre as máis contaminantes da Unión Europea. Está en funcionamento dende o ano 1976-79  con catro grupos que suman 1400 MW de potencia e asentouse aquí para aproveitar o lignito pardo da mina próxima a ceo aberto (máis de 2500 Ha) que xa esgotou fai anos e para vender electricidade  a outra gran empresa do norte de Lugo. 

As súas emisións (por unha cheminea de 356,5 m) de gases de efecto invernadoiro e acidificantes, gases que afectan a capa de ozono, partículas, metais pesados. Só son comparables a grandes xigantes contaminantes de Alemaña e Polonia e están moi por riba de calquera industria do Estado. Os galegos e galegas sufrimos durante anos problemas ambientais e choiva ácida causados pola emisión de máis de 500.000 toneladas de dióxido de xofre/ano (541.229 no ano 1992) e algo ou bastante menos ao realizar a empresa varias modificacións impostas pola Normativa Europea.
A pasividade gobernamental e en concreto a autonómica respecto ao tema da contaminación foi sempre manifesta, tivo que vir a UE a aplicar nova lexislación máis ríxida para aminorar algo a contaminación.

A Central Térmica de As Pontes emitiu no ano 2018 un total de  7,94 millóns de toneladas de gases invernadoiro CO2-eq. -datos da Oficina Española do Cambio Climático- e dúas instalacións térmicas As Pontes e Meirama emitiron 10,18 millóns de toneladas equivalentes de CO2 (dióxido de carbono) dun total galego do comercio de emisións de 15,5 millóns. Ambas representaban o 65,5% do total emitido no comercio citado e significaban aproximadamente a terceira parte de todas as emisións galegas por todas as fontes ( industria, transporte, servizos, agricultura, pesca...). 

Nun artigo de xuño de 2019 con datos do 2018 e con relación ao cambio climático e as emisións de gases de efecto invernadoiro escribia: Galiza co 5,6% das instalacións no comercio de emisións, xera o 12,2% das emisións do España, un ano máis a xeración eléctrica, a industria de alumina-aluminio e a fabricación de ferraxeiros son as grandes emisoras. Outro artigo tamén do mes citado afirma: A gran maioría da poboación da provincia de A Coruña respirou no 2018 aire contaminado. Galiza ten unha contaminación moi superior a que “teórica e comparativamente co resto do Estado” lle podía corresponder por poboación, extensión xeográfica (km2), grado de industrialización, nivel de desenvolvemento e nivel de vida,valores de PIB... non só referida a partículas senón a outros contaminantes como ozono troposférico, metais pesados, naftaleno, benceno, dióxido de xofre, dióxido de carbono...
A Coruña, Santiago e Ferrol presentan valores dentro da lexislación pero están moi por riba do nivel saudábel que recomenda a OMS e polo tanto con contaminación importante e risco para a saúde, situación que non é de agora...

En Galiza pódese estimar que máis de 3.000 persoas/ano terán unha morte prematura causada pola contaminación (case 1.300 na Coruña) e seguirán dándose problemas de saúde. De seguir así a situación acentuarase dándose máis desequilibrios e problemas nos ecosistemas (pragas, diminución da produción...) que repercutirán economica e socialmente.
Conseguir que a atmósfera que respiramos estea dentro dos límites recomendados pola OMS – lexislación máis ríxida- serviría non so para para reducir entre o 30 e o 50% algúns tipos de cancro senón tamén para contribuír a recuperar o equilibrio do medio ambiente.

2. En decembro do 2018 ENDESA anunciaba o peche das térmicas de carbón en León e Teruel...

...E agora apura e “promove unha descontinuidade” en As Pontes (Galiza) e Litoral en Almería. Mentres a solicitude de peche das dúas primeiras centrais (Compostilla-León e Andorra-Teruel) ía en paralelo cuns plans de futuro que respectaba os postos de traballo de 166 en León e 153 en Teruel, aquí descoñécese o futuro.
En Compostilla e Andorra vai instalar ate 1000 MW de nova capacidade fotovoltaica na zona (inversión de  800 millóns de euros) e  300 MW en Ponferrada  inversión de 240 millóns). Nada de isto se apunta para As Pontes. 

A discriminación de ENDESA con Galiza vai máis alá: aquí nin puxo data de peche nin tampouco de desmantelamento. O único que di o comunicado do Consello de Administración é que  vai “avaliar opcións de futuro”.  Só falta que teña en consideración e estude algunhas das medidas delirantes que algúns propoñen nos medios de comunicación: queimar lodos de depuradora, lodos gandeiros, biomasa... De novo volveriamos á contaminación de partículas, metais pesados, gases invernadoiro e acidificantes... Ou o que propoñen algúns políticos do PP: seguir funcionando!! Seguro que ENDESA ten ben claro o que pretende e non necesita novas ideas. As renovables son a alternativa e hoxe de gran rendibilidade, pero debemos saber que non serve calquera renovable nin de calquera forma, como acontece coa eólica en moitos lugares do noso país.

3. Quen pecha a central é a propia ENDESA por criterios económicos e de rendibilidade

As multinacionais veñen con vantaxes dos Gobernos para instalarse e queren “promover a descontinuidade” sen nada a cambio e sen contar co "benefactor". Os gobernos autonómico e central amosan unha miopía e pasividade incríbel: nunca esixen ás grandes empresas plans de peche e de futuro, e alternativas que contemplen os postos de traballo e novos empregos. Descoñecían os proxectos presentados por ENDESA? Sería demasiado obrigar á empresa a formular un Plan de Futuro alternativo con inversións adecuadas en consonancia cos grandes beneficios que obtiveron desta central, e que  conserven os postos de traballo?

O peche de As Pontes dende logo é ben acaído por méritos propios: case 50 anos de gran contaminación non é pouco. A Galiz quédalle a débeda histórica, a problemática ambiental e a esperanza de que ENDESA faga o mesmo que en León e Teruel, sen despidos e con alternativas de renovables como a fotovoltaica. Non dirán que nas Pontes non teñen espazo para instalar paneis, e mesmo poderían utilizar o "lago" artificial que fixeron no lugar da mina e ser de novo pioneiros...


RAMÓN VARELA DÍAZ, ex-presidente de ADEGA e experto en contaminación ambiental

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal