ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A SGO e ADEGA vimos de presentar solicitude de...

22-08-2019

A SGO e ADEGA vimos de presentar solicitude de lesividade da LAT do parque eólico Serra do Oribio

A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) consideran que se infrinxiu o ordenamento xurídico con grave dano para ecosistemas, hábitats naturais e especies de especial conservación na Resolución do 13 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e apróbase o proxecto de execución e declárase a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada LAT 132 kV parque eólico Serra de Oribio-subestación Triacastela, nos termos municipais de Samos e Triacastela (expediente 017/2005- AT) que saíu publicada o pasado 14-3-2019 no DOG e que está apoiada na Declaración de Impacto Ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental en data 13 de xullo de 2012. Por iso, solicitan que se inicien os trámites de declaración de lesividade das citadas resolucións tendo en conta que a zona está incluída na ZEC Ancares-Courel e confórmase como unha zona de importancia para a Tartaraña Cincenta (Circus pygargus) e a Gatafornela (Circus cyaneus), ademais de estar documentada, entre outras moitas especies de especial interese e/ou ameazadas, a presenza de Oso pardo (Ursus arctos), especie de interese comunitario de carácter prioritario e incluída no Catálogo Español de Especies Ameazadas, así como no Catálogo Galego, na categoría “en Perigo de Extinción”. O impacto destas obras pode supoñer un grave disturbio para algún dos escasos exemplares da especie que están recolonizando naturalmente as serras orientais de Lugo.

Os principais argumentos para solicitar a declaración de lesividade da LAT vinculada ao Parque Eólico Serra do Oribio e a consecuente suspensión da súa autorización poden resumirse nos seguintes cinco puntos:  

1-Vulneración da normativa que prohibe a construción de parques eólicos nos espazos da Rede Natura 2000.

2
- Estase fragmentando de forma inadecuada un proxecto para evitar a súa avaliación en toda a súa extensión e impedindo a avaliación dos efectos  acumulativos e  sinérxicos.

3
-Infracción por inadecuada valoración das afeccións ambientais sobre hábitats e especies de interese comunitario polos que foi declarada e  incluída na Rede europea Natura 2000 a Zona de Especial Conservación Ancares-Courel.

4-Omisión do deber de conservación dunha especie declarada en perigo de extinción e considerada de alto valor a nivel internacional e comunitario: o oso pardo.
5
-Dano a outras especies obxecto de medidas activas de conservación: Aguia Real (Aquila chrysaetos) e Cangrexo de río (Austropotamobius pallipes) catalogadas en Galicia “en perigo de extinción”; Morcego Grande de Ferradura (Rhinolophus ferrumequinum) e Morcego Pequeno de Ferradura (Rhinolophus hipposideros), ambos catalogados como “Vulnerables”.   

Esta solicitude presentada hoxe por ambas entidades constitúe un paso máis na defensa dun dos espazos de maior valía da montaña oriental galega e que ocupa un lugar destacado na recente proposta de Reserva de Biosfera da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel que está a impulsar a Xunta de Galicia.  

Para máis información: ADEGA (981570099), SGO (620 593 892).

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal