ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Premios Osíxeno e Dioxina ás millores e piores...

18-01-2017

Premios Osíxeno e Dioxina ás millores e piores actuacións ambientais de 2016

É a 16ª edición dos premios cos que ADEGA quere subliñar o millor e o pior do pasado ano dende a perspectiva ambiental. O conflito de REGANOSA e a problemática da eucaliptización, moi presentes no fallo deste ano.

Premio Osíxeno de Honra 2016

Con motivo da celebración dos 40 anos da asociación, ADEGA quere recoñecer co premio Osíxeno de Honra o labor de Ramón Varela Díaz, ex-presidente de ADEGA e científico experto en contaminación atmosférica. O seu compromiso coa defensa do ambiente e do país fronte a agresións como nucleares e celulosas, continúa hoxe cun traballo excepcional e rigoroso sobre as fontes de contaminación industrial na Galiza.
Por todo, moitas grazas Moncho!

Premios Osíxeno 2016 ás millores actitudes ou actuacións ambientais do ano

-Premio OSÍXENO 2016, categoría individual: Para a Patricia Gabeiras Vázquez avogada do Comité Cidadán de Emerxencia para a ría de Ferrol, polo seu denodado traballo en defensa da ría e da cidadanía e contra as ilegalidades de REGANOSA. Como resultado, conseguiuse a anulación por parte do Supremo da autorización da planta de gas e do proxecto de construción.

-Premio OSÍXENO 2016, categoría colectivo: Para as mulleres de Ribeiregas, marca da cooperativa Ribeiras do Navia (Negueira de Muñiz) por ir moito máis aló da produción ecolóxica de alimentos e contribuir co seu proxecto á revitalización das aldeas e a fixar poboación no rural galego.

Premios Dioxina 2016 ás accións máis nefastas para o ambiente

-Premio DIOXINA 2016, categoría individual:  a Alberto Platas Álvarez, alcalde de Aranga (A Coruña) pola súa intención de desprotexer o 9% do seu territorio, con importantes valores naturais, para adicalo á plantación de eucaliptos.

-Premio DIOXINA 2016, categoría colectivo: Para os responsábeis políticos da Consellaría de Medio Rural, pola súa total entrega ao lobby pasteiro-enerxético e o abandono no cumprimento da lexislación, favorecendo intencionadamente o caos normativo arredor do eucalipto.

Acto de entrega

Os premios entregaranse no decurso dun xantar de confraternización que terá lugar o vindeiro sábado 28 de xaneiro a partires das 14:30h no restaurante A Marola (Hotel Zenit Coruña, r/ Comandante Fontanes 19, A Coruña).

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal