ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA demanda á Xunta nos tribunais por non...

27-07-2016

ADEGA demanda á Xunta nos tribunais por non declarar BIC a Cova Eirós

Teito da cova descoberto pola explotación mineira

O pasado 19 de xullo, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) presentou unha demanda ante o Tribunal Contencioso-Administrativo nº 2 de Santiago de Compostela contra a Consellaría de Cultura da Xunta por non ter iniciado nin tramitado en tempo e forma o expediente de declaración da Cova Eirós de Triacastela como Ben de Interese Cultural, alén de non ter contestado como obriga a lei a ningunha das reiteradas solicitudes que ADEGA presentou ante este organismo desde o ano 2012 ata a actualidade para conquerir a protección do xacemento como BIC.

A demanda fundaméntase, por tanto, no incumprimento das obrigas que a Administración autonómica ten ao respecto e que aparecen recollidas tanto na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico español, como na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do Patrimonio Cultural de Galicia. A lei estatal, no seu artigo 40, establece que todas as covas, abrigos ou lugares que conteñan manifestacións rupestres deben ser automaticamente declarados como bens de interese cultural (BIC). Pola súa banda, a lei galega de patrimonio (ata agora vixente) indica no seu artigo 9 que “a declaración de ben de interese cultural requerirá previa incoación e tramitación do expediente administrativo pola Consellaría de Cultura, ben de oficio, ou a instancia de parte por calquera persoa física ou xurídica”. No caso de terse iniciado a instancia de parte, como foi o caso (por parte de ADEGA), a denegación da incoación, segundo a normativa, tería que ser motivada  e notificada.

Unha loita incesante sen respostas

Pinturas rupestres atopadas en Cova Eirós son as únicas coñecidas en Galiza

ADEGA non atopa outra saída máis que a demanda xudicial para obrigar á Consellaría a cumprir coa súa obrigación na protección deste importantísimo xacemento galego de relevancia internacional e máximo exponente do Paleolítico de Galiza. Antes de chegar a este punto, nos últimos cinco anos, ADEGA promoveu múltiples acións encamiñadas a instar á protección da Cova. Ademais de formular ante a Consellaría de Cultura varias peticións de incoación de expediente para declarar como BIC o xacemento (nos anos 2012, 2014, 2015 e 2016), tamén recabou apoios de grandes personalidades da Cultura e das Ciencias Ambientais de Galiza, da Pinturas rupestres atopadas en Cova Eirós son as únicas coñecidas en GalizaDeputación Provincial de Lugo, que aprobou a proposta por unanimidade, e do Parlamento galego a través dunha moción presentada polo BNG e que foi rexeitada polo PP. Tamén recorreu ao Valedor do Pobo, que se amosou desconcertado polo silencio da Xunta sobre este asunto, e á Universidade ou ao Consello de Cultura de Galiza, os cales non amosaron aínda un posicionamento público.

Esta loita incesante dos últimos cinco anos fíxose máis acuciante cando apareceron no interior da Cova as primeiras pinturas rupestres do territorio galego e cando, posteriormente, o xacemento sufriu a súa maior agresión promovida pola canteira que explota os terreos nos que se atopa a cavidade, Cementos Cosmos, da empresa matriz brasleira Votorantim. En outubro de 2014, a empresa Cosmos, en conivencia coa Xunta, escavou e retirou toda a coberta vexetal e de terra que protexía a Cova ata acadar os 50 metros de distancia ao teito da xacemento. Esta actuación, que deixou o elemento patrimonial nunha situación alarmante de desprotección e fraxilidade, aumentando a filtración de escorrentías xa apreciables nas pinturas da Cova e o movimento das fendas, foi finalmente paralizada pola Fiscalía de Medio Ambiente de Galicia logo de ser denunciada por ADEGA.

Este vegoñento feito convertía definitivamente a Cementos Cosmos na maior inimiga da Cova Eirós e á Xunta de Galicia e ao Concello de Triacastela nos seus silenciosos cómplices, que non só non rexeitaron estas escavacións, senón que as favoreceron a través do proceso de legalización urbanística da explotación.

Xa en 2015, ADEGA encargou un informe profesional do arqueólogo Francisco Hervés que tamén concluía na necesidade de protexer a Cova como BIC para garantir a súa salvagarda e paralizar os traballos da mina sobre dela. En decembro dese ano instábase de novo á Xunta a actuar, e tras un novo silencio recorreuse en vía de alzada sen éxito, o que finalmente derivou na interposición da presente demanda xudicial.

Diálogo con Votorantim

Cova Eirós estase a deteriorar polas filtracións ou escorrentías recentes

Ante a ausencia de resposta por parte da Xunta, ADEGA dirixiuse directamente á propietaria legal da canteira e empresa matriz da explotación mineira, a firma brasleira Votorantim. O 17 de setembro de 2015, tivo lugar unha videoconferencia con membros de dita empresa e da Asociación Brasileira de Espeleoloxía que funcionou de interlocutora coa multinacional, coa que ten unha parcería para boas prácticas ambientais. Votoratim declara na súa páxina web que “protexerá os bens patrimoniais e que evitará que os seus traballos de minería sexan incompatibles co repecto ao ambiente e ao patrimonio cultural”. Nese encontro, ADEGA amosou os danos que está a sufrir o xacemento pola actividade mineira e demandoulle á empresa o cumprimento da lexislación vixente no noso territorio, o que implica paralizar toda actuación que transcorra a menos de 200 metros do xacemento. Tras varias conversas, ADEGA recibiu a visita do representante da Reserva da Biosfera da Mata Atlántica do Brasil ante a UNESCO, o Dr. Clayton Lino, ligado a Votorantim, en virtude da parcería citada. Mais todo quedou en boas disposicións e vontades sen o compromiso firme de non intervir a menos de 200 metros da Cova, o perímetro de protección que establece a normativa, mentres non se aprobe o Plan de Protección do BIC.

En definitiva, resulta escandaloso que a estas alturas o xacemento paleolítico máis importante de Galiza e o único con pinturas rupestres de todo o país aínda non conte coa máxima protección que confire a lexislación galega e estatal a nivel cultural. Ao mesmo tempo, resulta vergoñento para as institucións que nos administran que teñan que ser de novo os cidadáns e entidades de a pé as que teñan que velar pola protección do patrimonio público histórico-cultural e polo cumprimento das leis vixentes nesta materia.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal