ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA non paralizou as obras da empresa Inca no...

16-12-2015

ADEGA non paralizou as obras da empresa Inca no río Miño nin increpou aos seus traballadores

Segundo unha información aparecida hoxe 16 de decembro no diario La Voz de Galicia, a empesa Inca, concesionaria da explotación da fábrica da luz de Lugo e promotora das obras do proxecto de rehabilitación desta fábrica e do aumento do caudal de aproveitamento, denunciou a varios activistas de ADEGA por interromper no día de onte ditas obras a carón do río Miño e por increpar aos traballadores da empresa.

Desde ADEGA negamos taxantemente estas acusacións que carecen totalmente de fundamento polos seguintes motivos:

-As persoas concentradas no día de onte a carón das obras da ataguía ou dique foron veciños e veciñas de Lugo que acudiron de xeito voluntario alertadas polo reinicio das obras deste dique ilegal e que apoian as demandas do movemento veciñal e asociativo “Lugo de cara ao Miño” que reivindica a retirada do dique ilegal do leito do río Miño.

-A concentración reivindicativa realizouse de xeito pacífico, sen altercados e sen afectar á continuidade das obras que alí se estaban a realizar pola empresa Inca, xa que as máquinas estiveron traballando en todo momento durante a presenza dos manifestantes.

-En ningún momento a empresa Inca, a través dos seus operarios, manifestou ás persoas alí presentes que a súa presencia estivese a interromper o desenvolvemento das obras.

-Ningunha persoa activista de ADEGA que acudiu a esta concentración espontánea mostrou unha actitude belixerante contra os traballadores da obra, senón todo o contrario, mesmo ADEGA solicitou a presencia do Seprona e da Policía Autonómica para que comprobasen se ditas obras contaban con autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

Desde ADEGA consideramos que este tipo de acusacións públicas contra membros da nosa organización ecoloxista só responden a un intento de coacción e desacreditación por parte da empresa Inca dos movementos e colectivos sociais que intentamos defender ao río Miño de agresións ilegais e inxustificables nun espazo de elevado valor natural.

En todo caso, ADEGA non se responsabiliza, se as tivese habido, de hipotéticas e presumibles manifestacións verbais fóra de lugar que as persoas alí concentradas por vontade propia e de xeito individual se tivesen expresado.

Convidamos á empresa Inca a que, no canto de dedicar esforzos a emitir inxurias e intentar atentar contra a honorabilidade dos membros de ADEGA ou contra á doutros veciños e veciñas de Lugo comprometidos e sensibilizados co interese público e xeral da cidade, poña máis énfase en cumprir a legalidade no desenvolvemento do seu traballo, xa que a día de hoxe a Confederación Hidrográfica Miño-Sil ten abertos dous expedientes sancionadores contra esta empresa por incumprir  varios dos requerimentos especificados na Declaración de Impacto Ambiental do proxecto. A empresa Inca iniciou as obras do dique ou ataguía do proxecto 150 metros augas arriba do lugar establecido na DIA e fóra do período de estiaxe ou mínimo caudal do río Miño.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal