ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Os lumes dos Ancares e O Courel comprometen...

27-07-2015

Os lumes dos Ancares e O Courel comprometen gravemente a recuperación do oso en Galiza

ADEGA valora estes lumes como moi graves e catastróficos para a nosa biodiversidade. Esiximos da Xunta inmediatas medidas de rexeneración e a aprobación do Plano de recuperación do oso, parado dende 2013

Arden as nosas millores zonas oseiras...

As 630 hectáreas queimadas nos espazos da Rede Natura 2000 de Ancares e Courel (segundo datos da Xunta) afectan áreas de alto valor ecolóxico. Mais hai que poñer o foco de atención nas excepcionais características ecolóxicas que comparten as dúas áreas, separadas por algo menos de 50km, por seren territorios fundamentais paro a recuperación do oso pardo, en perigo de extinción. Nos últimos anos Ancares-Courel rexistra unha continuada presenza do plantígrado, o que amosa a querenza desta especie por eses vales tranquilos e propicios para o seu asentamento.

Por iso, e á vista destes lumes recurrentes nestes concretos enclaves de tanta importancia para o oso, supoñemos que algo está a fallar nas medidas de protección e recuperación desta especie, e non queremos pensar que poderían respostar a un intento por evitar o asentamento do oso na zona.

Dende ADEGA non entendemos como a Xunta ten conxelado o Plano de recuperación do oso pardo cantábrico (Ursus arctos arctos) dende 2013, un documento fundamental para o futuro da especie e que xa ficou obsoleto á vista dos últimos datos sobre a presenza do plantígrado en Galiza.

No territorio dos Ancares, o lume de Navia de Suarna afecta a territorios clasificados, dentro do Plan de Recuperación do Oso (pendente de aprobación) coma “área de presenza”, e unha parte da “área de protección prioritaria” no Canón do río Rao.
No caso do Courel o lume ten afectado aos montes comprendidos entre o Val de Louzará e a Serra da Trapa, nunha área para a que ADEGA ten solicitado a súa inclusión no Plano do Oso coma “área de presenza”, que nin tan sequera figura catalogada coma “área potencial”, malia a que nos dous últimos anos teñen acontecido varias incursións de osos nesta zona.

O oso quere voltar a Galiza. E como o recibimos?

O fenómeno de expansión do oso dende territorios de Ibias, síntoma dunha recuperación que vén experimentando a poboación oseira occidental da Cordilleira Cantábrica, xa comeza a ter tenues efectos cunha lenta recolonización en territorios históricos de Galiza. Nos últimos anos xa se conta con indicios importantes de tránsito e incursións cada vez máis prolongadas de varios exemplares nestas serras galegas. Estamos pois nun momento crucial de enorme importancia tanto para a biodiversidade galega coma para a propia especie, xa que foi confirmada a presenza dalgunha femia con crías, algo inimaxinable fai uns anos, en vales recónditos dos Ancares e do Courel.
Polo de agora a información sobre a especie apunta a que a presenza pasou de ser esporádica a observarse rastros e contactos visuais todos os anos, e excepcionalmente, e de modo intermitente nos catro últimos, a observarse osas con crías da que algunha tería xa nacido nestes montes galegos.

Dende ADEGA esiximos da Xunta de Galiza que aprobe de inmediato o Decreto do Plano de recuperación do oso pardo, se é que existe intención real de volver ter unha poboación de osos galega. Agardamos tamén que o documento inclúa as modificacións de zonificación presentadas na fase de exposición pública, e conteña unha partida orzamentaria suficiente para por en marcha as varias e fundamentais medidas de actuación: investigación, mellora de hábitats, axudas á poboación residente para e evitar calquera conflito de convivencia coa especie, educación promoción e divulgación...
Se hai vontade, conseguiremos recuperar esta xoia do noso patrimonio natural e importante motor económico como acontece noutras áreas oseiras.
O contrario, a preguiza e o desleixo institucional, só traerá máis lumes e abandono do rural para despois aterraren mineiras e eucaliptos...

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal