ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Ecoloxistas e investigadores/as en defensa das...

01-07-2014

Ecoloxistas e investigadores/as en defensa das nosas árbores senlleiras fronte á desprotección que pretende a Xunta

Por que din simplificación cando queren dicir recurte?

A Xunta xustifica a proposta de modificación do Decreto 67/2007 pola necesidade de “simplificar” o procedemento de catalogación e descatalogación. Porén, dende a súa aprobación e as primeiras incorporacións, houbo despois moi poucas propostas: Dende a súa criazón, o catálogo actualizouse unha soa vez, en outubro de 2011. Ula pois a urxencia?

Tampouco se xustificaría a modificación do réxime de funcionamento do Comité das Árbores Senlleiras “para facer máis áxil e dinámico o procedemento de catalogación”, deixando que sexa o propio Comité (na práctica a propia administración) a que fixe a periodicidade das reunións (art. 7.2). Se a Xunta nen sequera cumpríu a obriga legal de reunir o Comité 1 vez ao ano!

Sería ademais competencia das xefaturas provinciais requerir (ou non) de xeito facultativo (art. 6.c) o informe do Comité sobre as solicitudes e intervencións nas árbores senlleiras que agora é preceitivo. O Comité das Árbores, órgano de participación pública, fica pois baleiro de contido e pasa a ser “discrecional” a criterio da administración.

Rebaixas na protección preventiva e arbitrariedade na xestión

O réxime de protección preventiva, agora automático para todas as solicitudes de catalogación, ficará a discreción da administración. A Xunta mantén que unha protección preventiva podería resultar “especialmente gravosa” cando as árbores ou formacións non reúnan “características ou valores para desfrutar da protección preventiva”. Especialmente gravosa para quén? Quen decide que exemplares deben protexerse cautelarmente mentres non se resolve o expediente? Pois outra volta a propia administración que nen sequera terá a obriga de escoitar a opinón dos expertos e expertas do Comité.

Talar un exemplar senlleiro ou mesmo unha formación protexida coa excusa dun “risco para as persoas” ou “especial gravidade para a sanidade vexetal” dependerá dunha delegación provincial e poderá ser concedida por silenzo administrativo (art. 9.4) e sen informe do Comité das Árbores Senlleiras. Máis desprotección, arbitrariedade e discrecionalidade.

As árbores senlleiras, cousa de provincias

A Xunta quere trasladar a tramitación e resolución dos expedientes ás xefaturas territoriais (art. 4.1). Quedaría a criterio do funcionariado provincial:
-A decisión sobre a catalogación ou non dunha árbore ou formación.
-O establecemento de medidas preventivas ou non (art. 4.bis).
-A solicitude de informe ao Comité ou non (art. 6.c).
-As decisións sobre a xestión as árbores protexidas tais como podas e outras intervencións sen máis criterio que o que decida o xefe/a do servizo (art. 9.3 e 9.4).

O descenso no nível da toma de decisións ao rango provincial racha co criterio de harmonización a nível galego, co risco de aplicar criterios dispares, contraditorios ou condicionados por intereses locais. A norma actual considera ás árbores senlleiras un patrimonio de interese galego xestionadas con criterios consensuados entre administración, universidades e representantes da sociedade, criterios que se aplican en todos os casos e en todo o territorio.

Con esta modificación, a Xunta considera ás Árbores Senlleiras pouco menos que un atranco, e pretende lexislar como noutos tantos casos para desprotexelas de facto e consagrar a arbitrariedade na súa xestión.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal